No Hemato Festi a idea de construír que el (mestre, paradigma do internet amable, escritor, guionista, senlleiro do humor e da bonhomía) liderou, materializouse nas nosas mans e ante as nosas olladas, tanto no proceso de deseño do evento coma durante o seu desenvolvemento
Hai case un ano escribín neste medio un artigo titulado A onda de amor. Falaba nel de como a morte de Miguel Ángel López, Hematocrítico, anegaba de agradecemento e agarimo a prensa e as nosas vidas. Do exemplo que nos deixaba e replicabamos no medio de tanta dor e desconcerto.
Hoxe, veño de vivir unha das experiencias profesionais e persoais más intensas da miña existencia. O privilexio de producir o Hemato Festi, un encontro único arredor da literatura infantil, o humor e a figura de Hematocrítico, deume a oportunidade de experimentar un acontecemento que, alén do impacto mediático, adquiriu un peso semántico e emocional dun callado impactante. A idea de construír que el (mestre, paradigma do internet amable, escritor, guionista, senlleiro do humor e da bonhomía) liderou, materializouse nas nosas mans e ante as nosas olladas, tanto no proceso de deseño do evento coma durante o seu desenvolvemento.
Diranme vostedes que claro, que se me nota que Hemato era un ser querido e achegado para min e que por iso a cousa adquire intensidade no meu emocionario, que se cadra non podo ser obxectiva, e non o vou negar. Pero do que quero falar non é subxectivo. Refírome a como arredor de cen persoas se implicaron na organización, das preto de cinco mil viguesas que asistiron ás actividades, da tregua que as administracións asinaron tacitamente para apoiar a iniciativa. E, sobre todo, das formas, do trato, do enfoque, de cara a onde se orientaron a ollada e o esforzo colectivos. Da construtividade. Neste evento fomos quen de materializar o discurso e o xeito de vivir de Hemato, porque todas e cada unha desas persoas, as implicadas e as asistentes, estivemos aí “en modo achegar”.
En poucas horas tiven que empaparme de actualidade política e social logo de pasar as tres semanas previas mergullada na burbulla de positividade do festival e vinme, de novo, na triste realidade do ruído e o xogo trampulleiro
O Hemato Festi rematou o domingo pasado, 10 de novembro. O martes, día 12, volvín ao faladoiro na radio onde colaboro. En poucas horas tiven que empaparme de actualidade política e social logo de pasar as tres semanas previas mergullada na burbulla de positividade do festival e vinme, de novo, na triste realidade do ruído e o xogo trampulleiro.
A volta foi un shock. Retornar á confrontación co debate acedo, coa tensión, coa manipulación, coas medias verdades e as medias mentiras e volver tentar en van a mediación imposible, ademais de resultarme violento e moi difícil, fíxome matinar intensamente arredor do momento presente.
Desde aquí, propoño unha revolución. Apagar o ruído. Vindico a melodía que bailamos en Vigo os días pasados. A de medrar, a de mellorar, a de escoitar e dicir, a de crear. Abomino do ruído, co rogo de que, se alguén me le, se incorpore a esta pequena parte de cidadás que nos propoñemos seriamente como reto vital non alimentalo. Baixemos decibelios
Atopámonos desde hai algúns anos diante dun escenario estarrecedor. “Líderes” coma Donald Trump, flamante vencedor das eleccións nos EUA, ou o seu novo responsable de eficiencia gobernamental, Elon Musk, dan proba de que a ignorancia e mais a indignidade están a gañar a batalla na especie humana. Aquí, nesta beira do Atlántico, semellamos seguidoras sen criterio que se moven pola inercia de vagas xeradas en despachos coma os de Cambridge Analytica (malia que agora teñan outros nomes). No Estado español, o partido das tres letras conseguiu acabar de desviar a capacidade dialéctica das organizacións políticas e sociais, (con grande apoio dos “populares”, todo sexa dito). O ruído dos xuízos impulsados por Hazte Oír ou Manos Limpias, as querelas por defecto, os enfrontamentos para dirimir culpas ante os desastres provocados pola DINA en Valencia que naceron mesmo antes de actuar no control de danos, son algunhas das consecuencias palpables.
A estratexia política tal como a coñecemos logo da ditadura franquista esaveuse no ruído. O consenso, a negociación, o recoñecemento das vitorias alleas, son utopías neste intre. A nova política, sustentada nos medios de comunicación, nos programas de entremento e nos soportes dixitais, non ofrece propostas, ideas nin proxectos. O método é tan simple como derrubar ao opoñente e presentarse como o mal menor. Dito en palabras sinxelas, un “quita ti para poñerme eu”. Un “cuñadismo” que xa non ten graza ningunha e si moi mala baba.
Desde aquí, propoño unha revolución. Apagar o ruído.
Vindico a melodía que bailamos en Vigo os días pasados. A de medrar, a de mellorar, a de escoitar e dicir, a de crear. Abomino do ruído, co rogo de que, se alguén me le, se incorpore a esta pequena parte de cidadás que nos propoñemos seriamente como reto vital non alimentalo.
Baixemos decibelios.