Sairemos adiante con vontade de emprendemento.

O pasado mércores día 11 a Mocidade Galega Aberta (asociación estudantil de mozos e mozas universitarios galegos, entre os que me encontro) realizou o seu  primeiro acto público dende que se constituíu como tal: a I Xornada de Emprendemento da Mocidade Galega Aberta.

O acto comezou cedo, ás 10:00 da mañá, e non rematou até as 21:30, de maneira que foron case 10 horas de mesas, coloquios e debates. A encargada de iniciar a xornada foi a profesora da USC Isabel Neira, quen presentou os resultados máis relevantes do Informe GEM Galicia 2010, un estudo financiado pola CEG que aporta datos sobre creación de empresas en Galicia dende unha perspectiva comparada co resto das CCAA e do conxunto do Estado. A continuación foi Federico Martín, neste caso profesor da UdC, quen se encargou de expoñernos un segundo informe, este titulado “Deficiencias estruturais, migración interrexional e fuga de cerebros”, e que foi elaborado xunto ós tamén profesores da UdC Fernando González Laxe e Federico Martín Bermúdez.

O informe pon de relevo o atraso económico de Galicia e o drama que supón para tódolos galegos e galegas o feito de que grande parte do capital humano que se forma na nosa terra emigre a outros lugares do Estado e do mundo

O informe pon de relevo o atraso económico de Galicia e o drama que supón para tódolos galegos e galegas o feito de que grande parte do capital humano que se forma na nosa terra emigre a outros lugares do Estado e do mundo. Nunha terceira mesa, Enrique Gómez de BIC Galicia falounos da filosofía emprendedora e, concretamente, dos oito pasos do proceso emprendedor: 1) a persoa, 2) a idea, 3) o proxecto, 4) tomar decisións, 5) o financiamento, 6) implementación do proxecto, 7) consolidación do mesmo e 8) crecemento.

A Cooperativa Mondragón honrounos coa súa presencia. Esta mesa foi a máis solicitada e o público non tardou en encher a sala

E para poñer fin a unha intensa e interesante mañá a Cooperativa Mondragón honrounos coa súa presencia. Esta mesa foi a máis solicitada e o público non tardou en encher a sala. Escoitamos a unha empresa formada por 120 cooperativas e con 100.000 traballadores (dos que 83.000 son socios) dicir que para eles o importante é o traballo e que o capital é tan só un recurso, un factor produtivo máis, isto, tira pola borda aquilo de que toda empresa debe necesariamente perseguir a maximización de beneficios. É máis, o obxectivo de Mondragón non é outro que xerar riqueza na sociedade conforme ós principios de xustiza e equidade. Un auténtico modelo de éxito de economía social que constitúe unha referencia para todos nós.

Ás 16:00 retomamos a actividade cuns moi interesantes testemuños de catro emprendedores, representantes das empresas Imaxdi, Nanogap, Ams Lab e Algueirada, todos eles proxectos galegos innovadores que están a triunfar nun contexto de crise económica. De seguido, foi a quenda do financiamento, o “grande ausente”. Para falarnos dun dos principais atrancos que impiden despegar á economía actual contamos con Tania Villares de Unirisco e con Guillermo Viña de IGAPE Nova.

E para poñer punto e final á I Xornada de Emprendemento, tivo lugar a que sen dúbida foi unha das palestras galeguistas máis útiles e construtivas dos últimos tempos. Xosé González (Foro Peinador), Enrique Sáez (IGADI) e Manuel Vázquez (Rede Galega de Empresas), acompañados por Xabier Pena (responsable de novos proxectos en R), analizaron o mercado interior e exterior de Galicia en clave galega, insistindo na necesidade de que se produza unha galeguización da economía, proceso crucial para fomentar a competitividade das empresas galegas e valorizar o idioma, a cultura e a identidade do país.

Analizaron o mercado interior e exterior de Galicia en clave galega, insistindo na necesidade de que se produza unha galeguización da economía, proceso crucial para fomentar a competitividade das empresas galegas e valorizar o idioma, a cultura e a identidade do país

Como resultado destas Xornadas ben podemos sacar varias conclusións :

  • Se queremos construír unha Galicia próspera e do benestar, deben proliferar a tódolos niveis educativos programas destinados a fomentar o espírito de emprendemento e iniciativa individual e colectiva entre a mocidade galega. De nada serven os coñecementos e habilidades adquiridos no sistema educativo, se a mocidade non adopta tamén as actitudes emprendedoras necesarias pra os poñer ao servizo da creación de riqueza e benestar.
  • Cómpre fomentar o espírito de cooperativa que cree sinerxías entre os mozos e mozas  que conforman o tecido estudantil do ensino superior galego para adquirir compromisos, desenvolver ideas e levar a cabo proxectos emprendedores que rompan coa dinámica de desmobilización e pasividade da meirande parte da xuventude.
  • Hase de poñer en marcha a creación dunha Rede Galega do Emprendemento que recolla baixo dun mesmo teito a tódolos organismos, empresas ou particulares relacionados co fomento do emprendemento e a propia actividade emprendedora.
  • Dende o galeguismo compre continuar coa labor de espallar entre a mocidade emprendedora, con datos e casos prácticos na man, a valorización do idioma, a cultura, a identidade e o autogoberno de Galicia como elementos fomentadores da competitividade das empresas galegas.

Debe fomentarse un plan integral de incentivos fiscais ao financiamento privado de iniciativas emprendedoras, que complementen ou substitúan aos claramente insuficientes programas de subvencións públicas

Será en balde fomentar o espírito emprendedor se este non conta con posibilidades de financiamento que reguen a súa iniciativa. Debe fomentarse un plan integral de incentivos fiscais ao financiamento privado de iniciativas emprendedoras, que complementen ou substitúan aos claramente insuficientes programas de subvencións públicas. Favorecer fiscalmente e de xeito salientable as actividades de crowdfounding, business angels ou mecenazgo de iniciativa empresarial porá en circulación capital agora morto ou oculto e favorecerá a dinamización da economía. Do mesmo xeito, debe facilitarse o pago das súas débedas a aqueles emprendedores que non trunfen coa súa iniciativa, co obxectivo de paliar o narcótico medo ao fracaso.

Sen máis nada que engadir, e co dito enriba da mesa cabe agora que reflexionemos todos e todas, que xuntemos forzas e vontade. A resposta non a encontraremos nos mercados nin no Estado, esta está no emprendemento da sociedade civil, sexa este económico ou social

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.