Sálvame mola...

Na televisión unha proposta que aguante dous anos xa se pode considerar tradicional. E se esta proposta invade 4 horas da tarde de luns a venres pódese considerar unha auténtica invasión sociolóxica. Sálvame é o paradigma do que significa a actualidade dos contidos audiovisuais no estado español. Por iso resulta estraño que a aposta da dirección de TVE sexa programar a emisión en directo dunha tourada.

Tendido cero, a meca dos taurinos na 2 de Televisión Española rebaixa o seu share ano tras ano, e no orzamento de produción cada vez ten máis presenza, obrigada, o diñeiro público

Exemplos para non facelo sobran. Tendido cero, a meca dos taurinos na 2 de Televisión Española rebaixa o seu share ano tras ano, e no orzamento de produción cada vez ten máis presenza, obrigada, o diñeiro público. E na radio, Clarín, de RNE, cada vez ten menos oíntes e se emite a horas case intempestivas.

Sen embargo para este goberno do Partido Popular as touradas son un asunto de Estado, xa o deixou claro o ministro Wert na súa primeira comparecencia na Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados. As touradas ían contar co seu propio sistema promocional. E volver retransmitilas na TVE é un paso dos xa anunciados. Todo isto en contra do criterio científico xeral, que desaconsella que emisións violentas poidan ter cabida en horarios onde os pequenos da casa poden estar diante da televisión. Un estudo publicado no ano 2004 e elaborado por investigadores da Universidad Complutense de Madrid e da Swansea University de Gales subliñaba o impacto emocional negativo das emisións en televisión de touradas. Resulta estraño xustificar ao teu fillo o maltrato dun animal, e lembrarlle que só o pode facer con ese animal, non con outras especies.

Resulta estraño xustificar ao teu fillo o maltrato dun animal, e lembrarlle que só o pode facer con ese animal, non con outras especies

Velaí o argumento da decisión dos país, repetido ata a saciedade polo director de TVE. Unha auténtica patraña ultraliberal. Corresponde ao Estado e aos gobernos autonómicos velar polo interese superior dos menores, e precisamente existe normativa audiovisual neste senso, a coñecida de xeito popular como Directiva de Televisión Sen Fronteiras ou a moito máis recente Lei Xeral Audiovisual. Se os rapaces non poden ver certos contidos de ficción, por que poden facelo cos contidos taurinos? Que diferenza hai entre Xungla de Cristal 4.0 e unha tourada? Pois de xeito paradoxal, a longametraxe é ficción, e o festexo taurino real, tan real como que o animal morre en directo.

Que teñan claro que en Galicia estamos en pé e non toleraremos máis lixo tauromáquico en espazos públicos

As audiencias amosaron o pasado mércores como os galegos non só rexeitamos as touradas, senón que tamén a maioría medra. Se o 6% da audiencia de Galicia, segundo datos de Europa Press, veu a tourada, que estaba a ver o resto, ese 94% de telespectadores? A única resposta do “lobby” taurino e dos medios que fan de altofalante foi dicir que a retransmisión mellorou os datos de audiencia de TVE. Eu persoalmente non o nego, e hai unha razón significativa, a nova dirección da canle estatal iniciou hai meses un auténtico desmembramento da grella dunha televisión que era líder en diferentes franxas horarias. E mesmo agora as tardes adoitan contar con reposición de series. E con todo isto a tourada colleitou pésimos balances, a metade que a etapa da volta ciclista, e con competidores directos perdeu. Superou a repetición do capítulo dunha serie de La Sexta e un documental de Cuatro. E isto ao que aspiran os taurinos? Pois si, non aspiran a máis porque non son máis que unha minoría, que conta co inestimable apoio do PP na súa teima de impor a violencia taurina en todos os ámbitos das nosas vidas. Pero que teñan claro que en Galicia estamos en pé e non toleraremos máis lixo tauromáquico en espazos públicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.