Salvar o PP

Xuízo da Gürtel (e III)

No xuízo está a quedar clara a adxudicación irregular das obras, así como as comisións que recibía o PP e o financiamento ilegal do partido, pero non vexo moito interese no tribunal en afondar na investigación, nin nas responsabilidades dos máximos dirixentes do PP. A fiscal, por exemplo, non preguntaba a Correa se os subornos eran para Bárcenas ou para o PP.

O tribunal rexeitaba as declaracións como testemuñas dos empresarios Florentino Pérez, presidente de ACS e presidente do Real Madrid, e Juan Miguel Villar Mir, ex–presidente de OHL, que recibiron moitas adxudicacións de obras e entregaron doazóns ao PP. Tampouco reclamou as testemuñas dos ex–ministros de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, Rafael Arias Salgado, e os de Medio Ambiente Elvira Rodríguez e Jaume Matas porque, segundo o presidente, a petición era “improcedente e innecesaria”. Consideraba que as referencias ás comisións que pagaban os empresarios “non eran concretas”. O tribunal chega, de momento, á conclusión de que “todas estas personas non pintan nada”, a pesar de que Correa insistía: “Construtora Hispánica recibió obra gestionada por mí, y Teconsa recibió obra gestionada por mí y por Jesús Merino”. E concluía o xuíz: “Aquí no se juzga al PP”.

O tribunal non quere investigar nada sobre José María Aznar e Mariano Rajoy, presidentes do PP e máximos responsábeis do financiamento ilegal do partido. Rajoy, ademais de vicepresidente do goberno de Aznar entre 2000 e 2003, foi secretario xeral do partido entre 2003 e 2004, que coincide coa época das actividades da Gürtel que se están a xulgar. Diversos titulares nos medios de comunicación recollían moi ben a situación: “El tribunal descarta investigar si los pagos a Correa eran para financiar al Partido Popular” (La Voz de Galicia); “Correa implica a las constructoras OHL, ACS y Dragados en el ´pago de comisiones´ al PP” (La Opinión); “Los papeles de Bárcenas cofirman que OHL y ACS entregaron dinero negro al PP” (eldiario.es); e outro de El Mundo recoñecía a estudada declaración do dirixente da Gürtel: “Correa admite comisiones para el PP pero evita acusar a la cúpula”.

Correa elixiu a Arturo Fasana como xestor dos 22 millóns de euros que tiña en Suíza porque Ramón Blanco Balín, o seu cerebro financeiro, aseguraba que “la importancia de los clientes [de Fasana] y de uno en concreto hacía imposible cualquier problema judicial”, segundo a confesión de Correa a eldiario.es en novembro de 2015. Fasana xestionaba a chamada conta “Soleado” na que estaban, entre outros, un gran construtor, o presidente dunha multinacional cosmética, directivos de grandes empresas e “las iniciales de dos importantes instituciones del Estado”, todo isto recollido nun pendrive, segundo publicaba elconfidencial en xuño de 2013.

Correa confesaba por escrito: “Blanco Balín me trasladó que todas las comisiones cobradas por él en sus cargos durante 8 años como vicepresidente y consejero delegado de Repsol, con los países en los que cerraba acuerdos (Argentina, Colombia, Venezuela, etc) las depositó en la cuenta Soleado (Credit Suisse) de su íntimo amigo Fasana, y que ascendían a 60 millones de euros”. Por que non se investiga todo isto? Correa falaba no xuízo do seu diñeiro en Suíza e dunha misteriosa persoa que o blindaba de calquera investigación, pero non daba o seu nome porque “si lo digo, sale esta tarde en todos los periódicos”. Está a monarquía española entre esas importantes institucións do Estado?

O tribunal tampouco  preguntou, nin pediu explicacións cando Correa falou do rei Juan Carlos: “Nosotros fuimos adjudicatarios del AVE a la Meca, ¿sabe quién gestionaba eso? El rey de España”. Insinuaba Correa que Juan Carlos tamén cobraba comisións?

 

No PP non saben nada

No PP negan toda relación coa Gürtel e, en todo caso, explican que os presuntos delitos serían de  persoas a título particular. Pablo Crespo é un home de partido (foi secretario de Organización do PP de Galicia até 1999 e cando cesa nesa responsabilidade foi recolocado por Feijóo durante seis anos no consello de administración de Portos de Galicia, que presidía Carlos Negreira) e repetía no xuízo, como segundo responsábel desta trama corrupta, o mesmo que sempre dixo Rajoy: a Gürtel é unha montaxe contra o PP.

Que balance fan no PP dos primeiros días do xuízo da Gürtel e do pago de comisións, que xa declararon varios empresarios? “Eso fue hace muchos años” manifestaba María Dolores de Cospedal. Efectivamente, pasaron 20 anos, pero Cospedal debería saber que algúns dos dirixentes actuais do PP estaban xa daquela na dirección do partido; que Rajoy foi vicesecretario electoral do PP desde 1991, nomeado por Aznar, e dirixiu as campañas electorais de 1993, 1996 e 2000, así como as europeas de 1994 e as municipais e autonómicas de 1995, é dicir coincidía con Correa, que organizaba os actos electorais do PP desde mediados dos 90. Correa manifestaba no xuízo: “Yo me pasaba el día en Génova. Estaba más tiempo en Génova que en mi despacho. Era mi casa, vamos”. Correa entraba directamente na sede polo parking porque tiña unha tarxeta especial, como os membros da executiva, e así non tiña que pasar polo escáner o diñeiro que levaba para a caixa B do PP. E Rajoy non sabía nada … Na mesma liña de “non saber nada”, Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP, declaraba que “no le consta” que a dirección do partido enviase directrices para o financiamento ilegal do PP e que, nesa época, el “estaba en COU”.

Estas son algunhas das penas que se solicitan: 125 anos e un mes para Francisco Correa, 85 anos e 6 meses para Pablo Crespo, 46 anos para Alberto López Viejo, ex–concelleiro de Madrid e ex–conselleiro da Comunidade de Madrid que concedeu 386 actos a Gürttel, 45 anos e dous meses para José Luis Izquierdo, 42 anos e seis meses para Luis Bárcenas, ex–tesoureiro do PP, 15 anos para Jesús Sepúlveda, ex–alcalde do PP de Pozuelo de Alarcón, oito anos para Ángel Sanchís, ex–tesoureiro do PP, etc. Pero teño a sospeita de que o xuízo da Gürtel pode acabar nunha sentenza con penas moi pequenas e sinalando só responsabilidades persoais. E de testificar os dirixentes políticos do PP e as empresas que facían doazóns, nada de nada. E todo isto cun único obxectivo: salvar o PP e salvar tamén os directivos das principais construtoras que pagaban o “imposto revolucionario”. E quero equivocarme.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.