San Gallardon e Santa Ana Mato

Parece ser que o noso goberno central decidiu facer cumprir fielmente as normas da igrexa católica en materia reprodutiva, modificando a lei do aborto, modificando o acceso á pílula do día despois e decidindo a nosa forma de reprodución xa que se non tes diñeiro che reproduces como deus manda, de forma natural e por intervención divina.

O Ministro de Xustiza dixo recentemente, cito palabras textuais, "Probablemente o máis progresista que eu vaia ter feito na miña vida política é defender o dereito á vida" Supoño que para San Gallardón o máis progresista é deixar aos médicos baixo unha enorme inseguridade xurídica ou mandar as mulleres a abortar a Londres a unha clínica privada, como marcan as normas da nosa santa madre igrexa.

Sempre nos quedará ir a unha clínica do Opus Dei a mentirlle a un psicólogo que por un módico prezo fará cumprir a vontade de Deus (sempre e cando o psicólogo/psiquiatra non sexa Aquilino Polaino, porque entón ademais de embarazada sairás da consulta sendohomofoba). Desgraciadamente regresamos ás normas hipócritas daquela España gris onde podemos abortar pero sen que se note..

Seguindo o ronsel de San Gallardón defendo a vida das clínicas privadas e a rancia conciencia patriarcal das misas dominicais, encontrámonos con Ana Mato, a nosa flamante ministra de sanidade galega, que solicitou un informe detallado dos efectos da pastilla do día despois, esa que se dispensa sen receita en países como Francia, Bélxica, Reino Unido, Luxemburgo. Etc.

Imaxínome que esta Ministra (que parece xa Ministra da Igrexa) non se terá lido o informe da Axencia Española do Medicamento publicado o 12 de Xaneiro deste mesmo ano ou o informe da OMS ( informe 244 do ano 2000, revisado en Outubro do 2005), informes que dan o visto e prace ao devandito fármaco tan preocupante para o séquito de Rouco Varela e as organizacións provida.

Supoño que Ana Mato, estará mais interesada en protexer as mulleres da súa sa vida sexual, que de rebaixar as colas nos PACs e centros de saúde, por non dicir o gasto neste medicamento xa que, se vai con receita, estará subvencionado polo estado mentres que agora moitas mulleres van á farmacia e lla pagan do seu peto.

Vendo a actitude, tanto de Gallardón coma de Ana Mato, as opcións de protección en caso de fallar os anticonceptivos, son abrir a carteira e irnos a outro país ou entregar nosos bebes non desexados ás caritativas mans dos orfanatos cristiáns, como non, con axuda do noso santo estado.

Non contentos con dicirnos cando podemos e cando, non ter un fillo e/ou tomar medidas para non o xerar, como os nenos son un regalo Do noso Señor, Sanidade excluirá a reprodución asistida do catálogo de servizos mínimos e non sufragará os tratamentos considerando segundo eles que a infertilidade non é unha patoloxía e que a Seguridade Social gasta moito neste tipo de tratamentos.... En que quedamos Defenden vostedes a vida? Defenden vostedes a sanidade privada? ou ¿Defenden vostedes a teoría católica de que os fillos os temos se nolos dá Deus?

As técnicas de reprodución asistida, Santa Ana, non soamente serven para traer a este mundo a fermosas criaturas sen pecado concibido, se non que se utilizan para evitar enfermidades xenéticas como cancro, ataxias, entre moitas outras, enfermidades que xeran un alto custo ás arcas do estado e que con reprodución asistida e selección embrionaria se poden evitar... aínda que claro, iso á Santa Sede, non lle gusta en absoluto...

As anteriores leis non nos obrigaban a abortar, dábannos unha elección, permitíannos decidir que facer co noso corpo, agora xa non poderemos elixir (realmente se podemos, en caso de ter capacidade económica para iso...)

O 31 de Decembro do 2011 eliminaron o plan nacional sobre a SIDA, que afecta sobre todo a homes homosexuais. Recordemos que o líder da Igrexa Belga dixo en Outubro do 2010 que esta enfermidade é "unha xustiza inherente", vendo o percorrido das últimas modificacións legais con burdas escusas de protección á vida e á sanidade pública, só fáltalles prohibir o sexo fóra do leito conxugal, xa que o matrimonio homosexual (pecado capital iso da homosexualidade) xa o teñen baixo o seu punto de mira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.