A crise económica e financeira de 2008, sumada ás políticas de austeridade, de recorte social e de desmantelamento dos servizos públicos acentuaron aínda máis nos últimos tempos as desigualdades e o retroceso do noso Estado de Benestar. Desde entón, falamos dunha sociedade que xa non é a mesma, unha sociedade que sabe o que é sufrir a ondaxe neoliberal que levou a cabo a redución de orzamentos en sanidade, de camas, de profesionais, que viviu unha privatización masiva dos servizos hospitalarios.
Hoxe, en plena crise sanitaria e económica pola emerxencia do coronavirus (COVID-19), a sociedade segue nun profundo proceso de cambio. Cada vez somos aínda máis conscientes da importancia de ter un sistema público forte capaz de coidarnos, sobre todo nos momentos difíciles. Poñemos en valor a importancia do tecido colaborativo fronte ao individual. Sanidade pública e axuda colectiva como receitas.
Fronte a quen quixo facer negocio de maneira irresponsable coa nosa saúde, o persoal sanitario sitúase en primeira liña de lume, deixándose a pel, dobrando quendas pola falta de persoal e traballando en precario pola falta de medios. É necesario recoñecer e agradecer o seu labor. Do mesmo xeito que debemos recoñecer e agradecer o labor de tantas persoas que continúan traballando e arriscando a súa saúde polo ben común: Persoal de caixa de supermercados e alimentación, transportistas, farmacéuticos, repartidores, limpadores, persoal de cociña, de comedores sociais, traballadores de gasolineiras, de medios de comunicación, forzas de seguridade… é momento de apreciar o invisible: un traballo que resulta imprescindible, en moitos casos mal remunerado. Cando todo isto pase debemos ter memoria.
Estes días lemos como a comunidade chinesa en Betanzos doa máscaras, alcol e luvas ao ambulatorio local. Como na Coruña doan material de protección á Policía Nacional. Como en Madrid doan varias caixas nas urxencias dos hospitais da Paz, Ramón y Cajal ou Puerta de Hierro. E como isto se replica en tantos lugares do noso país. Fronte aos discursos reaccionarios e xenófobos: realidade social en situacións de crise. Non esquezamos a quen pretende obter rédito electoral utilizando o medo como arma.
Segundo os últimos datos do ECRE (2017), o número de homes e mulleres sen fogar é de 1.263 persoas en Galicia. Non podemos esquecernos tampouco deles. Nin das mulleres vítimas de violencia machista que poidan estar confinadas co seu agresor. Nin de tantas persoas obrigadas a traballar nun risco extremo de contaxio para si mesmos e as súas familias (como os 6.000 mil traballadores que ata o pasado martes estiveron obrigados a manter a súa actividade de produción na planta de PSA Citröen en Vigo). Nin dos autónomos e pequenos empresarios que viven con incerteza o horizonte futuro. Nin dos nosos maiores.
Só a través da solidariedade, da responsabilidade e da unidade como individuos en comunidade poderemos lograr minimizar as consecuencias desta pandemia. Actuar, valorar, apreciar, lembrar e non esquecer. Reinventar a sociedade desde a empatía faise imprescindible. Reflexionemos sobre isto.