Sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade... Ou non

A Constitución Española de 1978, no seu artígo 43, recoñece o dereito a protección da saúde. O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo33, di que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade.

Cando di que a Sanidade ten que ser Pública, vemos día a día cómo se privatiza o sistema. Dende os servizos de lavandería, cociña, limpeza, central de chamadas para citas, etc....ata os servizo de alta tecnoloxía: radioloxía, tomografía axial computerizada... Se o propio sistema, que ten que defender os servizos públicos, é o primeiro en saltar a súa lei, como podemos defender un Sistema Público?

Tamén di que ten que ser Universal. Vemos como isto non é certo. Fixeron un Real Decreto específico para excluír os inmigrantes, tamén están excluídos os maiores de 26 anos que non se declaren pobres, tamén os cidadáns que saian do país por máis de 6 meses... É dicir, a propia administración exclúe os seus.

Que a Sanidade sexa Gratuíta xá é un eufemismo: dende a retirada de múltiples medicamentos para patoloxías moi frecuentes: procesos gripais, varices, hemorroides, antiinflamatorios tópicos ata as próteses. Todo redunda en que o aforro que fai a administración téñeno que pagar os máis débiles: enfermos crónicos e pensionistas.

A Sanidade ten que ser de Calidade. Como vai ter a mesma calidade un servizo con todos os seus profesionais operativos que cando son a metade. Se a taxa de reposición de persoal, primeiro estivo no 10% e logo no 50%, a calidade ten que verse resentida pois ao persoal auméntalle o traballo. Como viron que isto non era asumible, agora a taxa de reposición volve ao 100%, vendo o fracaso da medida. Si aforraron, pero a costa de perder calidade. Podemos falar de productos determinados, como os usados para a diabete: mala calidade, falta de tiras reactivas para os autocontrois, etc.

Como vemos, a administración do PP  é o que provoca que perdamos un dos piares do Estado de Benestar. Si a Lei de Dependencia co PP quedou definitivamente aparcada (dito polos propios profesionais que traballan neste campo) a Lei de Sanidade está converténdose en papel mollado. Un Sistema Sanitario que conseguimos con tanto esforzo, por parte de tod@s, non podemos telo en desmantelamento permanente por parte de quen debería ser o seu máximo responsable.

Estámolo vendo co novo hospital de Vigo: privatización de servizos (externalización), falta de camas, falta de aparcadoiro público, etc... Ten todos os defectos que acabamos de explicar. Temos que conseguir, entre tod@s, que estas políticas de desmantelamento do sistema Sanitario terminen e poidamos disfrutar do ben máis preciado que temos que é a nosa saúde. Nas nosas mans está, que de verdade o Sistema Sanitario sexa PÚBLICO, UNIVERSAL, GRATUíTO E DE CALIDADE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.