Rocío Mosquera di que os salarios deben favorecer "aos excelentes, aos mellores", e pagar en función "do que se é, do que se fai, e de como se fai". Quen vai estar en contra de que gañe máis quen máis traballa e quen máis rende? Sen embargo, atendendo aos obxectivos de actividade do Sergas pode suceder que canto máis variable sexa o salario do médico máis risco pode haber para a saúde da cidadanía. Vexamos.
Atendendo aos obxectivos de actividade do Sergas pode suceder que canto máis variable sexa o salario do médico máis risco pode haber para a saúde da cidadanía
Compoñentes do salario actual dos traballadores da sanidade pública
Os soldos están regulados pola lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (transitoriamente real decreto lei 3/1987). Contan con retribucións básicas fixadas polos orzamentos estatais (salario e trienios, en función da antigüidade), e complementarias, as que pode modificar a Conselleira, entre as que está o complemento por dedicación exclusiva, e outros como o complemento de produtividade variable, que se paga en función do cumprimento dos obxectivos determinados polo Sergas.
As retribucións básicas veñen sendo un terzo do salario dun facultativo e as complementarias dous terzos. No caso do persoal non sanitario as complementarias representan algo menos do cincuenta por cento. O complemento de produtividade variable é o único que se cobra en función do cumprimento dos obxectivos de actividade que o Sergas determina anualmente. Este representa só ata un 5% do que cobra un facultativo (con dedicación exclusiva), sen ter en conta a retribución por gardas nin a antigüidade. O resto do salario pouco se modifica. Na enfermaría ten unha influencia bastante menor incluso e non hai produtividade variable para o resto de persoal.
Uso do complemento variable por parte do Sergas. A letra pequena do discurso
Nada que dicir se os indicadores do Sergas medisen o que fai cada médico en resultados de saúde, pero nada disto aparece nos obxectivos anuais do Sergas
A realidade é que ese 5% variable do salario pode condicionar en gran medida a práctica clínica dos facultativos en función dos obxectivos da organización. Que sucedería se a parte variable alcanzase os dous terzos do salario? Á Conselleira fáiselle a boca auga.
Nada que dicir se os indicadores do Sergas medisen o que fai cada médico en resultados de saúde, pero nada disto aparece nos obxectivos anuais do Sergas. Tamén é certo que non é doado discernir o que aporta cada facultativo ou outro membro da organización á redución de mortalidade ou de enfermidade dos seus pacientes pero existen indicadores que fan aproximacións neste sentido e que o Sergas podería usar. O que lle pide o Sergas aos seus facultativos, grosso modo, ten pouco que ver con resultados finais de saúde e moito en redución de gasto (farmacia, probas diagnósticas, estancia media hospitalaria ou derivacións ao hospital,…).
O que lle pide o Sergas aos seus facultativos, grosso modo, ten pouco que ver con resultados finais de saúde e moito en redución de gasto
Coidado pois con valorar positivamente os discursos aparentemente correctos destes nosos gobernantes e pensemos que teñen letra pequena. Na sanidade sería bo que os nosos sanitarios contasen cun salario digno e que o Sergas os deixase tranquilos para preocuparse exclusivamente por atender á poboación o mellor que poden e saben, que estou ben seguro é o que intentan facer. A súa independencia e ética profesional é a mellor garantía de servizo público. Co rumbo que levamos as decisións dos nosos gobernos non son fiables para a nosa saúde.