Saskia Sassen. A nova xeografía da marxinalidade

A concesión do Príncipe de Asturias de ciencias sociais por vez primeira a unha muller trae á actualidade á esta socióloga holandesa e aos seus estudos sobre a globalización. Di Sassen que os procesos de globalización conteñen unha dinámica centralizadora. Ao tempo que se dispersan as actividades de produción, centralízanse o control, a propiedade e o beneficio, en lugares físicos que contan cos recursos especializados para "crear" globalización. As TIC, a dixitalización dos procesos, non eliminan a necesidade de espazos físicos -dende as fábricas aos centros de negocios- só permite que se instalen cunha nova distribución no mapa global. A industria non se desmaterializa coa tecnoloxía: deslocalízase, relocalízase. A terciarización é unha ilusión óptica occidental, hai hoxe mais actividade industrial no mundo que nunca na historia, noutros lugares e noutras condicións mais precarias para uns e mais beneficiosas para outros.

A industria non se desmaterializa coa tecnoloxía: deslocalízase, relocalízase. A terciarización é unha ilusión óptica occidental, hai hoxe mais actividade industrial no mundo que nunca na historia

Tampouco se desmaterializa a vida cotián nos lugares, cidades globais, onde se concentra o poder. Prodúcense servizos especializados de alto valor de mercado: finanzas, consultoras, tecnoloxía... que xeran traballos moi valorizados nun mercado de traballo global. Créase tamén un mercado de traballo global para labores moi desvalorizadas: traballos manuais mal pagados, moitas veces na economía informal (servizo doméstico, coidado das criaturas, hostalería ...), traballador@s e traballos nunca representad@s na nova economía global pero que forman parte imprescindible da súa infraestrutura. Unha segmentación global do mercado de traballo con marcas de xénero e etnia, que mobiliza enormes continxentes de emigrantes.

A nova xeografía da centralidade e a marxinalidade mantén anteriores desigualdades e xera outras novas e maiores: unha nova periferia excluída do crecemento económico

A nova xeografía da centralidade e a marxinalidade mantén anteriores desigualdades e xera outras novas e maiores: unha nova periferia excluída do crecemento económico. As cidades globais acumulan inmenso poder, recursos e investimentos mentres antigos centros industriais, no mesmo pais, na mesma comarca, esmorecen. Medra a desigualdade entre os centros de negocios e o seu entorno metropolitano. Os salarios dos executivos e do persoal mais cualificado increméntanse mentres se deterioran os ingresos da clase media e @s traballador@s con menos formación, que engrosan a economía informal de supervivencia. O incremento da fenda salarial, afecta á estrutura do consumo que á vez modula a oferta laboral. A decadencia da clase media, aínda maioritaria en occidente, coincide coa perda do seu valor na economía global post-fordista e post-keynesiana para a produción e o consumo masivo.

Son sobre todo as mulleres no traballo informal as que demandan a visibilidade e a regulación deste mercado oculto, constitúen a maioría desa nova clase obreira, desempoderada e invisible, ao servizo dos sectores estratéxicos da economía global

A socióloga alerta sobre as dinámicas non tan visibles da globalización. A mobilización de mulleres e inmigrantes (ou mulleres inmigrantes) para atender ese mercado de traballo informal urbano, a recuperación dos fogares como espazos informais de produción, anuncian unha nova transición demográfica e mostran a inutilidade dos sistemas clásicos de control da economía ante estas novas situacións.

O acceso a un salario por baixo que sexa, xunto cunha nova onda de feminización do emprego e o emprendemento, pode forzar un cambio e alterar as xerarquías de xénero das que partiron

Son sobre todo as mulleres no traballo informal as que demandan a visibilidade e a regulación deste mercado oculto, constitúen a maioría desa nova clase obreira, desempoderada e invisible, ao servizo dos sectores estratéxicos da economía global. O acceso a un salario por baixo que sexa, xunto cunha nova onda de feminización do emprego e o emprendemento, pode forzar un cambio e alterar as xerarquías de xénero das que partiron. Para mulleres de baixos ingresos ábrese unha oportunidade de mellorar a autonomía persoal como traballadoras ou produtoras domésticas: gañar control sobre a súa vida fronte a un mercado laboral que historicamente as excluíu e discriminou; gañar acceso ao espazo público, sobre todo ás inmigrantes dentro das súas comunidades étnicas.

Saskia Sassen investiga dinámicas da globalización que se producen nos espazos de nova urbanización, axúdanos a entender o derrube da fábrica téxtil de Bangladesh, a situación de Pescanova, a compra de Barreras por Pemex

Saskia Sassen investiga dinámicas da globalización que se producen nos espazos de nova urbanización, axúdanos a entender o derrube da fábrica téxtil de Bangladesh, a situación de Pescanova, a compra de Barreras por Pemex. Ao incorporar a perspectiva de xénero ao estudo das novas dinámicas sociais, axúdanos tamén a comprender as dinámicas cotiáns da crise que vivimos: os roles das mulleres na nova economía de subsistencia. Axúdanos a comprender o noso presente.

Engade valor á súa obra que Sassen definira estes procesos nos anos 90; cando nos sentíamos a salvo porque formabamos parte do norte, ela xa falaba da nova xeografía da marxinalidade na globalización, e advertíanos da construción dos novos sur que agora habitamos. Agardo que o merecido premio supoña a divulgación da obra desta socióloga con tanto que aportar ao deseño de estratexias que eviten ou compensen as consecuencias da globalización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.