Se nada me prestas nada che debo

O préstamo é un acto económico mais de intercambio voluntario de bens, no que un dos actores –o prestamista- entrega cartos presentes a cambio da promesa doutro actor –o prestatario- de devolverlle cartos futuros. Os factores de risco da operación –o tempo e maila solvencia do debedor- están xa contemplados no tipo de rédito apalabrado. Nunha economía estable e dinámica case sempre o préstamo ten un final feliz, e só nunha porcentaxe moi baixa os debedores rematan incumprindo a súa promesa inicial. Cando este é o caso, -que a operación saia mal-, cabe sempre preguntarse onde estivo o fallo. Foi o prestamista quen non calibrou ben a solvencia presente e futura do prestatario? Ou, pola contra, foi o prestatario quen desbaldiu os cartos emprestados en viño, mulleres e cantigas nocturnas? Ou,- tamén cabe esa posibilidade-, que nin fora a culpa dun nin do outro, senón de factores externos e imponderables que empeceran a devolución do importe pactado.

Unha vez a operación de préstamo saíu mal, debería existir a presunción de que o prestamista é tan culpable coma o prestatario

Unha vez a operación de préstamo saíu mal, debería existir a presunción de que o prestamista é tan culpable coma o prestatario; aínda mais, xa que se supón que os prestamistas realizan unha esmiuzada e complexa análise de riscos e míranche ata a cor da roupa interior, é razoable e lóxico pensar que a meirande responsabilidade sexa deles. Pero importa algo saber o que fallou? Eu penso que importa, e moito. E sábeno ben os poderes establecidos, -que adoitan ser voceiros da parte acredora, cando non son eles propiamente acredores-, que non perden tempo en espallar o termo “crise da débeda” para explicar a situación actual. Se débeda e crédito son as dúas caras da moeda “préstamo”, a santo de que “crise da débeda” e non “crise do crédito”?

Para os adoradores do Mercado non hai tal problema. No seu mundo perfecto e chachipiruli, os axentes privados só se endebedan ata onde poden devolver o prestado, e os prestamistas só prestan cando están convencidos de que os prestatarios poden pagar

Acaso xa están dando por certo e seguro que a culpa foi do prestatario, que o prestamista fixo un cálculo correcto da operación, pero o prestatario malgastou e viviu por riba das súas posiblidades? A linguaxe non é imparcial e inocente; se o fora, estariamos a falar de crise do préstamo, xa que engloba ámbalas súas partes, un crédito e unha débeda. Non é o mesmo dicir que o crédito é excesivo que o que é excesivo é o endebedamento. Á hora de buscar unha solución, esta vai depender de que focalizemos o problema nun ou no outro lado do préstamo. Se pensamos que o problema está no exceso de endebedamento, procuraremos poñerlles ós prestatarios mais atrancos para contraer as súas débedas; se pola contra opinamos que o problema é un crédito excesivo, buscaremos o xeito de fortalecer os incentivos necesarios para que os prestamistas actúen con mais dilixencia á hora de conceder créditos.

Para os adoradores do Mercado non hai tal problema. No seu mundo perfecto e chachipiruli, os axentes privados só se endebedan ata onde poden devolver o prestado, e os prestamistas só prestan cando están convencidos de que os prestatarios poden pagar. E no esporádico caso de que xurda algún impagamento, o prestamista sufre as consecuencias (independentemente das accións contra o debedor que lle permita o marco legal). Pero o mundo real non é tan chupiguai e as cousas van por outros vieiros, como ben demostrou  a crise do Este asiático de finais de século e como demostra a actual crise que padecemos: as débedas privadas rematan sendo nacionalizadas.

Necesidade tras necesidade, engordan os pasivos do Estado aqueles mesmos que predican a súa anorexia. Os mesmos que aproveitan calquera descoido para malvender os activos públicos e así engordar os activos dalgún privado

Os acólitos do neoliberalismo enchen a boca con grandes palabras (Individualismo, Liberdade, Responsabilidade…) e algún que outro refrán (O que a faga que a pague); pero se o acredor que quebra ten certo peso na economía, entón hai que botarlle unha man e, nun acto de puro cinismo, piden a berros e sen rubor o trasfego das perdas ó Estado, ou sexa, ó Colectivo. E se lle botas en cara a súa incongruencia sóltanche aquilo de que non son partidarios pero periga o sistema. Ou sexa, que non é por gusto, senón por necesidade. E así, necesidade tras necesidade, engordan os pasivos do Estado aqueles mesmos que predican a súa anorexia. Os mesmos que aproveitan calquera descoido para malvender os activos públicos e así engordar os activos dalgún privado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.