Se os nosos soños son iguais...

Seguramente é unha eiva que eu teño, pero moitas veces non sei ben o que penso até que o escribo, por iso me poño a escribir isto sobre da tan traída e levada candidatura única, unitaria, unida, conxunta, confluente... Ai, os adxectivos! Polo que levo visto é algo no que todos estamos de acordo na súa necesidade, pero vivímolo na continua desconfianza d@s outr@s. No canto de pór a vista no obxectivo, pómolo, partindo cadaquén dun lugar agora distinto pero que non sempre foi así, no camiño que a el nos leva. E digo isto porque case todos vimos do mesmo sitio e a vida foinos facendo coller desvíos e gallos que, creo eu, non foron quen de borrar da nosa alma o que tiñamos e temos de  común. E eses obxectivos seguen estando aí e son unha dramática necesidade urxente que só se revestirá de esperanza se algún día saímos do sarillo no que estamos metidos nisto de irmos xunt@s nunha candidatura ao congreso español.

Non canto de pór a vista no obxectivo, pómolo no camiño que a el nos leva

Formulados de xeito simple, eses obxectivos están no ánimo de todos: a defensa dos dereitos lexítimos da Nación Galega. Tod@s entendemos a necesidade dun grupo parlamentar propio (que só poderiamos acadar unidos, iso non se lle escapa a ninguén), que sexa dono das súas decisións e que actúe con total independencia de calquera grupo ou interese alleo a Galicia; que se dirixa a conseguir que a Nación Galega sexa suxeito do dereito a decidir o seu futuro; de decidir sobre da nosa lingua, a nosa cultura, os nosos recursos económicos, nunha palabra facernos donos do noso destino como pobo. Por favor, partidos, mareas, movementos sociais, que erga a man o primeiro que estea en desacordo con todo isto.

Tod@s entendemos a necesidade dun grupo parlamentar que só poderiamos acadar unidos

Que é logo o que nos afasta? As desconfianzas, os vellos agravios (que non nego), as diferenzas persoais, as cobizas, as ambicións non cumpridas, o temor á perda dos privilexios... E, recoñecendo o difícil que é superar os agravios, ver frustradas ambicións que críamos merecidas e lexítimas ou renunciar a posicións de vantaxe persoal,  non seremos quen de nos desfacer desa miserábel atadura do persoal fronte ao universal, que neste caso é o nacional? Somos tan soberbios que pensamos que estas miudezas tamén afastan á cidadanía? Pode que de nós si, pero entre eles non.

Non seremos quen de nos desfacer desa miserábel atadura do persoal fronte ao universal, que neste caso é o nacional?

Xa sei que a cousa e ben máis complexa, pero non hai nada que non se poida remover se esa é a vontade. Certo é que non se vai facer nada se non se ten en conta que, ademais deses obxectivos comúns, hai que incluír as sensibilidades de cadaquén. Porque todo o que non se opoña a eses obxectivos comúns haberá de se incluír polo seu propio valor, mais tamén por respecto mutuo.

Nesta situación de irreflexiva desunión que non se conte comigo; eu podo respectar o dereito ao suicidio, pero que ninguén pense que lle vou emprestar a corda

Cal é pois o problema deste cainismo suicida? Parece como se se tratase procurar un camiño no que aniña un pensamento procaz: aínda que eu non saia moi ben, o caso é que acadarei a enterrar para sempre ao que teño por inimigo, por máis que (ou precisamente por iso) non hai moito que eramos amigos. Por desgraza sempre hai alguén que se alegra cando sente tocar a morto. Nesta situación de irreflexiva desunión que non se conte comigo, eu podo respectar o dereito ao suicidio, pero que ninguén pense que lle vou emprestar a corda.

Só unha cousa me queda por dicir desde a miña situación a día de hoxe, que é a de retroceso no, nunca desexado, protagonismo que nun momento puiden ter nisto. Eu estarei, aínda que sexa o mesmo demo, con quen chame por tod@s, sen exclusións nin condicións previas e constrúa con acordos e unha clara actitude de patriotismo, esa unión necesaria para a supervivencia da nación. Estarei con quen vexa que ten como obxectivo primeiro que a Nación Galega, a nación de todas as galegas e de todos os galegos sexa dona do seu destino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.