Unha vez que a muller pasa dos trinta, o mundo encárgase de lembrarlle a súa suposta obrigación á hora de perpetuar a especie. Con todo, unha vez dada a vida vén o mantela
Unha vez que a muller pasa dos trinta, o mundo encárgase de lembrarlle a súa suposta obrigación á hora de perpetuar a especie. Somos nós as que cargamos con esa responsabilidade porque son os nosos corpos quen potencialmente están preparados para levala a cabo.
Con todo, non é o embarazo ou o parto o único modo de perpetuar a humanidade. Aínda que forman parte esencial da procreación, non son máis que unha pequena parte do que realmente supón criar a novos membros da nosa especie, pois unha vez dada a vida vén o mantela. Noutros momentos aprovéitase este parágrafo para enxalzar a necesidade de que todos os sexos se impliquen no coidado da infancia, mais hoxe deime conta de que iso non é suficiente se a acurtamos como está a ocorrer cada vez con maior frecuencia.
Podemos falar desa destrución paulatina e sutil que exercen as redes sociais, alimentando inseguridades, creándoas desde cero, illando aos adolescentes nos seus mundos virtuais e aplacando a curiosidade dos que apenas deixaron a lactancia atrás. Podemos mencionar como o consumo se converteu nunha cousa de nenos, sendo estes os obxectivos principais da metade das compañías publicitarias, extirpándolles todo tipo de axencia ao pensar. Todos estes exemplos levan á infancia a un desasosego emocional que a miúdo acaba en trastornos do desenvolvemento nunca antes vistos e nas súas consecuencias máis comúns: a ansiedade e a depresión. Eses corpos que renovarán a forza de traballo deixan de ser nenos antes do acordado pola natureza, e se me apuras, nunca chegan a sentirse persoas completas. E a pesar da gravidade do asunto, estes non son os métodos de aniquilación da infancia que máis me desaniman como nai en potencia.
Un exterminio metódico da infancia
Cada ano España recibe a través de nosas perigosas fronteiras a numerosos nenos e nenas sen apoio familiar algún. Estas vidas son tratadas con neglixencia mentres deben lidar coa dor que supón o seu involuntario abandono
Este último ano presenciamos vía telemática como Israel destrúe a infancia palestina de modo sistemático. Isto xustificouse dicindo que aos 4 anos un neno palestino xa é terrorista polo simple feito de que será ensinado na relixión musulmá. Non importa que en Palestina a muller teña moitos ou poucos fillos, a súa poboación redúcese a pasos axigantados, sen tempo algún para a infancia de ser educada.
Estas non son as únicas mulleres ás que se lles prohibe contribuír na famosa taxa de fecundidade, ameazando ás súas criaturas coa morte antes mesmo de coñecer a vida. As mulleres negras, asiáticas ou calquera raza que non sexa a branca son desprovistas dun adecuado coidado perinatal, o que implica frecuentes abortos indesexados. De novo, pouco importa que elas "se responsabilicen do seu rol de muller" se non se lles permite ter unha vida aos seus descendentes.
Non podemos reducir a dimensión deste exterminio da infancia ás nais e aos lactantes, pois cada ano España recibe a través de nosas perigosas fronteiras a numerosos nenos e nenas sen apoio familiar algún. Estas vidas son tratadas con neglixencia mentres deben lidar coa dor que supón o seu involuntario abandono; son representantes dunha infancia conxelada que a miúdo non prospera. Escoitamos que son senegaleses, que son marroquís, que son magrebís, que son alxerinos… A maioría de nós non sabemos nin situar a súa procedencia, e aínda así non somos capaces de ver que o único que son é nenos.
Seguramente, tras estes dous parágrafos, chegaches á conclusión de que sen dúbida a única muller aceptable para ser nai é branca, sustenta certas crenzas e ten pasaporte dalgún país adiñeirado. Como mulleres que cumprimos con moitas desas características, pode resultarnos difícil empatizar. A infancia morre, pero non é branca, non é cristiá, non é española… Para empezar, esa non é unha escusa e para seguir, nin sequera é así.
Nin futuro, nin presente
A esta muller, esta nai de dous nenos de 3 e 5 anos, cumprindo coa súa tácita responsabilidade de fecundidade, arrincóuselle de raíz a posibilidade de ver crecer á súa substitución poboacional, porque ignorar o cambio climático non só embarra un futuro que aínda non imaxinamos, se non que actúa con voracidade sobre o presente
Este último mes vimos como ignorar o cambio climático arrebátalle o futuro ás xeracións máis novas. Os desastres naturais que levan ocorrendo en países máis empobrecidos como Paquistán ou Indonesia durante anos afectan agora coa mesma crueza ao Occidente máis enriquecido. A día de hoxe, e tras os seus 1700 mortos durante as inundacións de 2022, dos cales ao redor de 400 son menores de idade, Paquistán continúa experimentando dificultades para alimentar aos seus fillos. É dicir, esa cifra que comezou sendo uns poucos centenares de nenos falecidos non deixou de aumentar. Poida que os ricachones se constrúan búnkeres e soñen cun hotel na lúa, pero o certo é que non poderán fuxir do mesmo destino ao que nos están encamiñando a nós.
En Estados Unidos non se afán aos furacáns e predicilos xa pouco axuda a saciar o apetito dun planeta que puxemos a dieta. O número de vítimas non é tan elevado como acostuma a ser no Sur Global, pero a desfeita que deixa segue sendo aterradora. Menciono estes desastres naturais porque deberían ser suficiente advertencia para non cometer os erros que se cometeron esta semana no Levante español.
Entre os desaparecidos de Valencia hai unha mesa de catro empresarios, deses que nos “salvan” ofrecéndonos esmola en forma de traballos precarios, e que debido á súa profunda ignorancia non se souberon protexer nin a si mesmos nin aos seus empregados. Mais este feito, a pesar da traxedia que supón, non me entristece tanto como un caso que, aínda que non me afectou directamente, si que ten repercusión na vida dunha amiga miña.
Non teño fillos. Desexo telos, porén temo traelos enganados a un mundo que cada día aseméllase moito a un gran sumidoiro no que acumular os refugallos duns poucos irresponsables. Diríxome a vostedes, poderosos adiñeirados: Deixen de matalos, e nós teremos fillos!
A conversación da que xorde este artigo iníciase por mor dun comentario que fixen en redes sobre o mal trato e esaxerado castigo que se lle dá aos activistas do cambio climático. Cando saquei o tema, eu non me esperaba que ela fose falarme do falecemento de dous nenos de 3 e 5 anos arrastrados pola riada que levou parte da súa casa e que, con total seguridade, a súa nai non volverá abrazar. A esta muller, esta nai de dous nenos de 3 e 5 anos, cumprindo coa súa tácita responsabilidade de fecundidade, arrincóuselle de raíz a posibilidade de ver crecer á súa substitución poboacional, porque ignorar o cambio climático non só embarra un futuro que aínda non imaxinamos, se non que actúa con voracidade sobre o presente.
O ser humano vanglóriase da súa intelixencia; pero mostra o contrario. Aplicamos o método capitalista á hora de reproducirnos. Esixímoslle á maquinaria feminina que produza altas cantidades de corpos porque somos incapaces de protexelos e esperamos que unha boa parte sexan descartados antes mesmo de chegar ao mercado. Poñémoslles valor segundo as súas etiquetas. A vida humana desvalorizouse e a infancia é só un proceso de fabricación que, segundo os grandes empresarios, debe ser acurtado para converter a reprodución humana nun negocio máis eficiente.
Non teño fillos, aínda que por momentos criei. Desexo telos, porén temo traelos enganados a un mundo que nos prometían sería un paraíso tecnolóxico mais que cada día aseméllase moito a un gran sumidoiro no que acumular os refugallos duns poucos irresponsables. Diríxome a vostedes, poderosos adiñeirados: Deixen de matalos, e nós teremos fillos!