O Partido Popular puxo sobre a mesa o asunto da segregación por sexos nas aulas, tema que, dende inmemoriais tempos, estaba máis que superado (por antipedagóxico) e que no estado español xa só practican as institucións educativas relixiosas máis reaccionarias e duras, nomeadamente as vencelladas ao Opus Dei, é dicir, as representantes dun xeito de entender o mundo, e en especial o papel da muller, moi afastado dos ideais de igualdade, xustiza e democracia. Agora, as fauces máis retrógadas da ultradereita (cun poder inmenso dentro do partido gobernante) despregan todo o seu argumentario (que non atura un mínimo de rigor lóxico) para convencer ao conxunto da sociedade, amparado na maioría absoluta que coidan que os lexitiman para absolutamente calquera clase de burrada, dos beneficios (académicos, seica, identificando a fin da Educación coas notas) para, se é posible, extender ese modelo e, sobre todo, para xustificar os millóns de euros que reciben dos cartos públicos os centros privados de curas e monxas segregacionistas.
É unha proposición absolutamente coherente coa dereita, actitude política afeita a segregar por mil motivos: económicos, sexuais, nacionais, lingüísticos
Sen embargo, e coma sempre digo, nada hai de sorprendente nesta proposta política. De feito, é unha proposición absolutamente coherente coa dereita, actitude política afeita a segregar por mil motivos: económicos, sexuais, nacionais, lingüísticos (lembrades aquel coqueteo coa idea de separar nas aulas aos de galego e aos de castelán?)... Se a palabra igualdade e as reivindicacións dun mundo máis xusto onde as diferenzas entre homes e mulleres van desaparecendo, pertenceu sempre á esquerda, iso é por algo. A dereita é conservadora e, xa que logo, involucionista, ou sexa, sen reparos á hora de corrixir os desvaríos do progreso como é, neste caso, a educación mixta.
A dereita, de sempre, practicou o darwinismo social. E un modelo de igualdade rebéntalles a súa interesada visión do mundo
Pero non sorprenden, porque para a dereita non todos somos iguais. E os ricos son mellores e máis listos (Fraga dixit), os brancos máis espabilados, os occidentais máis intelixentes, os que falan galego máis retrasados, os homosexuais máis enfermos, os discapacitados, un lastre... e as mulleres, en fin, xa se sabe onde deben estar as mulleres, que a direción do mundo é cousa de homes... A dereita, de sempre, practicou o darwinismo social. E un modelo de igualdade rebéntalles a súa interesada visión do mundo.
Detrás da idea da imposición do modelo franquista de los niños con los niños y las niñas con las niñas, descansa a idea de que na sociedade hai xerarquías e de que cada cerebro precisa un tipo de traballo distinto porque hai educación masculina e educación feminina.
No fondo, pensan iso, porque son uns maleducados.