Seis anotacións e dous paxaros

George Steiner advírtenos de que, cando nos mergullamos na lectura ou no estudo dos clásicos, como moito somos intérpretes de interpretacións. Teño moi presente esta advertencia tanto cando leo como cando escribo.

O 15 de xullo de 2011, pouco antes de coller o coche para trasladarme a Mérida, abrín un pequeno caderno con estas pretensiosas palabras: EN BUSCA DE ANTÍGONA.

Por que España non foi capaz de asumir o seu pasado e aínda hoxe nos botamos os mortos á cara?

O 21 de xullo aparece a primeira anotación sobre a famosa palabra alemá que vén presidindo estes escritos: Vergangenhitsbewältigung. Algo así como a asunción do pasado, particularmente do pasado relacionado co Holocausto. Por que España non foi capaz de asumir o seu pasado e aínda hoxe nos botamos os mortos á cara? Naturalmente, non se pode ignorar que a Alemaña nazi perdeu a guerra e foi ocupada e tutelada durante moito tempo. En España aqueles que terían que facer a reflexión que se reclama gañaron a guerra e a posguerra e, polo que se ve, en boa medida a transición e a democracia. A actual situación así parece indicalo.

O 23 de xullo anotei no meu caderno: Tampouco non se pode ignorar o proceso de desnazificación ao que foi sometida Alemaña, primeiro por imposición dos vencedores e despois polos propios gobernos alemáns. Non hai que esquecer quen foi Konrad Adenauer ou Willy Brant, por exemplo.

"Ao home reclámaselle a súa condición ética; en cada momento a que lle corresponda, en cada situación a que poida ou deba dar. En calquera caso, espérase del unha resposta ética"

Máis abaixo, no mesmo día, despois de marcar unha separación cuns trazos horizontais, apuntei: Ao home reclámaselle a súa condición ética -dimensión?-; en cada momento a que lle corresponda, en cada situación a que poida ou deba dar. En calquera caso, espérase del unha resposta ética.

O 1 de agosto, escribín: Setenta e cinco anos despois do Glorioso Alzamento Nacional, a dereita española non admite responsabilidades, nin se sente ilexitimada como herdeira do estado creado a partir de guerra civil. Néganse a condenar a rebelión, a guerra e a ditadura e intentan por todos os medios ao seu alcance -que non son poucos- reescribir a Historia á súa medida, a pesar de que xa estiveron durante corenta anos escribíndoa desde a vitoria, desde unha das vitorias máis impía que eu coñezo. O actual presidente do Congreso, o día en que se cumprían os setenta e cinco anos, non cumpriu lendo un edulcorado texto de Azaña no que se falaba de tolerancia e de concordia. Algo similar ao proceso de desnazificación que se ideou para Alemaña. Aquí non se fixo e, acollidos á liberdade de expresión, toda unha pléiade de medios escritos e audiovisuais teima, insidiosa, día tras día en crear opinión revisionista na peor acepción da palabra, se é que admite máis dunha.

Algo similar ao proceso de desnazificación que se ideou para Alemaña. Aquí non se fixo e, acollidos á liberdade de expresión, toda unha pléiade de medios escritos e audiovisuais teima, insidiosa, día tras día en crear opinión revisionista

Agora mesmo estamos inmersos nunha aguda crise económica. Pero a crise é moito máis que económica. Vivimos, creo, unha profunda -e perigosa- crise política na que, en lugar de repensar a democracia para a súa rexeneración ou refundación, vanse poñendo as bases para a súa aniquilación. Creo sinceramente que a democracia está en perigo. De todos os xeitos, e aínda que haxa que ser moi coidadosos ao afirmalo, penso que a democracia española vén mostrando moitos puntos febles en todos estes anos. Dende logo, o desprestixio e pode que a arbitrariedade das principais institucións do Estado ninguén pode negalos. Agora xurdiu o movemento 15M, o movemento dos indignados. Haberá que estar atentos a ver que sae de aí. Cando menos representa unha esperanza. Veremos. Case que un ano despois deste apresurado apuntamento a súa vixencia elevouse á enésima potencia.

O 16 de agosto fixen cinco anotacións no caderno. Unha delas di así: A propósito do proceso de desnazificación ao que foi sometida Alemaña, quero anotar unha obviedade: España foi sometida durante corenta anos a un exhaustivo e meticuloso proceso de desdemocratización. As consecuencias aínda se pagan hoxe. Habería que poñer un ao lado do outro ambos os dous procesos. Comparar medios e resultados. Seguro que é unha obviedade, sen dúbida, pero non pode deixar de terse en conta.

España foi sometida durante corenta anos a un exhaustivo e meticuloso proceso de desdemocratización. As consecuencias aínda se pagan hoxe

Non obstante, a primeira anotación no caderniño, feita o 15 de xullo, o mesmo día no que o inaugurei coas pretensiosas palabras Buscando a Antígona, é moito máis amable. Intimista: Comemos en Hervás, escribín, pobo famoso pola súa xudaría -percorremos parte dela baixo unha calor abafante- no que o último fin de semana de xuño ou o primeiro de xullo todo o pobo representa unha obra, supoño que de raíces históricas, Los Conversos. (Antes era La Conversa, pero hai uns anos decidiron encargar a un dramaturgo local unha actualización).

En Hervás, mentres repousabamos á sombra despois do paseo, fatigoso pola calor e as empinadas calellas, presenciei algo que de neno contemplaba todos os anos e que xa hai moitos que me vén sendo negado: unha femia de gorrión, este paxariño tan común, ao parecer en retroceso, aprendíalle a voar á súa cría. Houbo un momento no que o atordado gorrionciño meteuse mesmo entre as miñas pernas ante a manifesta inquietude da súa nai. A escena conmoveume. Puxo diante miña a min mesmo e ao meu mundo ido, tal  como, quizás ambos os dous podíamos ser daquela, e precisamente cando ando deambulando polas beiras máis escuras do meu pasado individual e colectivo.

Á fin e ao cabo, cando a estas alturas da vida reflexiono sobre min e a miña contorna vital non podo ser, seguro que non, outra cousa que un intérprete de interpretacións

Non me parece irrelevante que a primeira anotación sexa de índole persoal ou intimista. Esa asunción do pasado, ese axuste de contas coa Historia, debe abranguer tamén o pasado, a Historia persoais. Á fin e ao cabo, cando a estas alturas da vida reflexiono sobre min e a miña contorna vital non podo ser, seguro que non, outra cousa que un intérprete de interpretacións. Hai algúns anos eu estaba moi seguro da miña memoria. Agora non. Agora sei que unha enorme porcentaxe das miñas lembranzas non son máis que interpretacións tiradas dunha esquiva nebulosa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.