Seis notas sobre o resultado e as tarefas pendentes de En Marea

1/ Moitas persoas nos sentimos a gusto co discurso do candidato Luís Villares, sen botar en  falta comparacións entre a Unión Europea e o Reich nazi, nen ideas como un suposto acabamento das eleccións autonómicas porque estabamos na fin do Réxime do 78. As boutades están ben para facer ruído, pero non na boca dun candidato á presidencia. Por suposto que En Marea debe estar na rúa e nas protestas, pero coidado con discursos hiperventilados que poden facer perder polo centro-esquerda moito máis do que se gañe pola esquerda máis antisistema.

2/ Que queren os nosos adversarios? Que comecen as liortas internas, que haxa un novo grupo mixto no Hórreo. Polo tanto, iso é o primeiro que se debe evitar. O proceso de unidade popular debe continuar e consolidarse, pasando de "partido instrumental" a partido a secas, no que caibamos soberanistas e federalistas, no cal as persoas que non pertencemos a Anova, Podemos, IU, ou Maré Atlántica poidamos estar definitivamente integrados en pé de igualdade co resto. Chegarán agora os cantos de serea da unidade do nacionalismo, un modelo que xa sabemos todo o que pode dar de si, para o bo, e para o malo.

Os resultados foron máis que aceptables dados os condicionantes: listas feitas a última hora, candidato descoñecido, ofensiva mediática, excelente campaña do PP, boa campaña do BNG

3/ Os resultados foron máis que aceptables (bos, segundo Jaime Miquel) dados os condicionantes: listas feitas a última hora, candidato descoñecido, ofensiva mediática, excelente campaña do PP, boa campaña do BNG. Autoconvencerse de que son malísimos non axuda a nada, só provocaría derivas máis propias dun filme dos Monty Phyton para ver quen odia de verdade aos romanos ou para ver como podemos zouparlle ao Fronte Xudaico Popular . A comparación con AGE indica 70.000 votos e 5 deputados máis. O sorpasso ao PSOE nas 7 cidades e nos concellos máis poboados de Galicia é incontestable. A campaña da Marea tivo un fallo evitable que foi a escasa preparación do debate na TVG. O resto de erros eran case inevitables, e o potente sprint final da última semana de campaña axudou a consolidar a marca, o candidato e mobilizar os propios.

4/ Só un 47,5% de votos válidos dos galegos e galegas foron para o PP. Non entremos no derrotismo e no "non hai que facerlle", porque se obtivesen un 4% menos estaríamos a falar dunha épica vitoria das forzas do progreso. En relación con isto, cómpre recordar que un cargo público nunca debe insultar os votantes, hai que ter un pouco de filtro, humildade e sentidiño. Cómpre aprender unha cousa da dereita galega: a súa estratexia intelixente de “Connosco, quen queira, contra nós, quen poida”. Eles si entenden ben o concepto de hexemonía de Gramsci (aínda que non leran o intelectual sardo) e o concepto de partido movemento.

Non entremos no derrotismo e no "non hai que facerlle", porque se o PP obtivese un 4% menos estaríamos a falar dunha épica vitoria das forzas do progreso

5/ O bloqueo na cámara dos comúns española non beneficia ás forzas do cambio: unhas terceiras eleccións vainas gañar o PP. As posición  “neoanguitistas” dunha parte de Unidos  Podemos, que ambicionan algo que é moi difícil e escasamente desexable (destruír o PSOE para ocupar parte do seu espazo) deben ser abandonadas. Que escoiten a Mónica Oltra, ou ao propio Errejón.

6/ Os gobernos municipalistas de Coruña, Ferrol e Santiago estano facendo razonablemente ben, pero creo que lles axudaría facerse máis fotos coa brigada de obras e menos con artistas ou de viaxe fóra do país. Errar é de humanos, rectificar é de sabios. En liña co falado no punto 4 non hai mellor exemplo que o que fixo o PP de Galicia. Non lles tremeu a man en retirar a Lei de Acuicultura, cesar cargos imputados ou sacar do goberno a Rocío Mosquera tras o desastre do Cunqueiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.