Seleccións nacionais

A tripla coroa acadada pola selección española de fútbol constituíu o meirande suceso dunha equipa de selección de todos os tempos. A xeira principiada no 2008 ofreceunos unha equipa moi conxuntada, que desenvolve un extraordinario xogo colectivo baseándose no esquema do Barça de Guardiola e alicerzándose nos tres p (posesión, presión e profundidade no pase), malia que o estilo de Vicente del Bosque dea un produto máis efectivo ca efectista, máis eficiente ca jogo bonito.

Hai lugar, pois, para a ledicia, malia que non formen parte xogadores galegos desta equipa e os evidentes esforzos por agachar a incompetencia dos Gobernos Rajoy e Feijóo a conta do rebumbio do trunfo na Eurocopa. Outra caste de reaccións ou sentimentos sería propia de mentalidades negativizadas ou profetas do non, aínda que só fose por razón de proximidade mental, boa veciñanza ou polo discreto movemento económico que estes acontecementos xeran na contorna.

Por que a Federación española non lle da a voz decisoria ás Federacións nacionais galega, vasca e catalá nesta cuestión?

Isto non prexudica o dereito lexítimo que Galicia ten para partillar, coas súas equipas absolutas, toda caste de competicións internacionais deportivas. Non existe, no caso do fútbol, norma xurídica internacional, europea nin española que prohiba a participación da selección galega na fase limiar dos vindeiros Mundial e Eurocopa. Non, simplemente a FIFA dálles dereito de veto ás Federacións estatais para impedir que participen as equipas das nacións sen Estado ou territorios do seu ámbito. E a Federación española de fútbol decidiu que Galicia, Euskadi e Catalunya non poidan participar en competición internacional ningunha na que participe España como tal.

É, pois, un veto abusivo, mais tamén medoñento. Porque a Federación Galega podería decidir, unha vez levantado, non participar directamente e acollerse ao pavillón español para participar internacionalmente. Pois logo, por que a Federación española non lle da a voz decisoria ás Federacións nacionais galega, vasca e catalá nesta cuestión? Ao mellor a moitos lles interesa ficar como estamos. Mais temos dereito a decidilo por nós propios. 

 

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia outórgalle competencias exclusivas á Xunta na conservación e custodia do patrimonio cultural, sen prexuízo da obriga de colaboración da Igrexa canto ao patrimonio da súa propiedade

 

A arrincadeira: Rajoy ou a inoportunidade

Rajoy non é quen de comparecer perante a opinión pública para explicar a súa política. A que ven, logo, a Santiago? A pechar un culebrón? A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do 1995 outórgalle competencias exclusivas á Xunta na conservación e custodia do patrimonio cultural de Galicia, sen prexuízo da obriga de colaboración da Igrexa canto ao patrimonio da súa propiedade. Cando se van responsabilizar Feijóo e o conselleiro Vázquez desta obriga?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.