Como é sabido, dende as primeiras eleccións ao Parlamento galego, celebradas no remate do ano 1981, só houbo dous gobernos non conformados polo PP (ou polo seu precedente AP): o chamado tripartito (PSdG, CG, PNG) entre 1987 e 1989 e o integrado polo Partido Socialista e o BNG dende 2005 ao 2009. A efectos de calquera comparanza coa situación que podemos vivir a partir do vindeiro día 25, só ten sentido mirar para o sucedido hai 11 anos porque a experiencia gobernamental dos anos oitenta foi derivada dunha moción de censura e non dos resultados dunha convocatoria electoral específica.
Hai, obviamente, semellanzas e diferenzas entre aquelas semanas previas á cita de xuño do 2005 e o que está a suceder neste momento. Nun caso, o desgaste do PP, que formaba parte indiscutíbel da paisaxe política, tiña dúas explicacións básicas: os comportamentos rexistrados no desastre do Prestige e na intervención no Irak, e o afán desmedido de Fraga por seguir encabezando persoalmente a maioría absoluta que xa duraba 16 anos. Agora, o deterioro deste partido presenta algúns matices singulares: o custe pola aplicación de fortes restricións nos servizos públicos de benestar e pola frecuencia dos casos de corrupción semellan afectar mais á propia marca e ao seu líder estatal –Mariano Rajoy- que ao propio presidente da Xunta. Estamos ante as consecuencias dunha espectacular cerimonia de persuasión colectiva: aínda que as estatísticas non o demostren, hai un amplo estado de opinión que salvagarda a reputación política de Feijoo, asumindo como propio o mito de bo xestor criado nos laboratorios de agitprop dependentes de Montepío.
As forzas políticas da oposición proxectan o seu labor sobre o mesmo universo potencial de votantes (persoas que se senten identificadas –nunhas intensidades diferentes- con ideas e propostas de esquerda e/ou nacionalistas) mais padecen un maior nivel de segmentación a respecto daquel momento. E concorre, asemade, unha circunstancia moi relevante:un ano antes das eleccións de 2005, o triunfo de Rodríguez Zapatero puxera fin ao ciclo aznarista que comezara no ano 1996. O PSdG tiña o vento a favor da política estatal –onde, polo demais, aínda non estoupara a burbulla asociada á construción- e presentaba un nivel de conflitividade interna que non puña en perigo a fidelidade do seu corpo electoral.
Para completar o cadro comparativo, no 2005 emerxeu unha iniciativa transversal –“Hai que botalos”- que explicitaba publicamente a densidade dos desexos de cambio presentes en significativos sectores da intelectualidade e da creación cultural e favorecía a mobilización do electorado que estaba dispoñíbel para abrir as portas a unha maioría parlamentaria alternativa á que posuía Fraga.
Velaquí, precisamente, a chave decisiva do 25 de Setembro. Gañará quen sexa quen de maximizar a participación dos votantes potenciais. Feijoo tenlle medo á inhibición dunha parte dos seus apoios e á perda que podan representar as cifras de C’s (mais graves canto mais se acheguen ao teito do 5%). Para PSdG, En Marea e BNG o reto é minimizar a abstención propia e captar os sectores indecisos que transitan nos territorios fronteirizos co PP.
O escenario político estatal presenta síntomas de fartura e desafección que poden interferir nas devanditas pretensións mobilizadoras. Mais aquí existe un poderoso incentivo diferencial: se Feijoo non obtén 38 escanos –só ou co partido laranxa- haberá, sen ningunha dúbida, un goberno de coalición para unha nova andaina política. A experiencia do 2005 certifica a verosimilitude deste aserto. Non é unha especulación intelectual. Forma parte da memoria colectiva.