Sen galego, Galicia perde o seu futuro cultural

Porcentaxe da poboación galega que fala só en galego ou máis en galego que en castelán ©

Parece claro que non, que a mellor lingua para que os habitantes dunha rexión pensen e se comuniquen ben é a súa lingua autóctona, pois esta é a única que foi creada con esta finalidade

Diríxome a ti, lector, e pregúntoche: que debemos facer para que os habitantes dunha rexión prosperen culturalmente? Pídoche que trates de dar unha resposta seria a esta pregunta. Parece claro que un requisito indispensable para que os habitantes dunha rexión prosperen culturalmente é que estes pensen e se comuniquen ben, con claridade. Pero pensamos nunha lingua: o noso pensamento está inextricablemente unido a algunha lingua. 

Así pois, pregunto: cal é a mellor lingua para que os habitantes dunha rexión pensen e se comuniquen ben? Vexamos: a lingua autóctona de Islandia é o islandés, a de Grecia o grego, a de Corea o coreano, a de Lituania o lituano, a de Somalia o somalí e a de Karnataka (un estado da India) o canarés. Pregunto: a mellor lingua para que os habitantes de Grecia pensen e se comuniquen ben é o coreano? A mellor lingua para que os habitantes de Corea pensen e se comuniquen ben é o islandés? A mellor lingua para que os habitantes de Karnataka pensen e se comuniquen ben é o somalí? 

Parece claro que non, que a mellor lingua para que os habitantes dunha rexión pensen e se comuniquen ben é a súa lingua autóctona, pois esta é a única que foi creada con esta finalidade. Así, o islandés foi creado polos islandeses ao longo do tempo para pensar e expresarse eles ben, non para que os coreanos que viven en Corea pensen e se comuniquen ben.

Parece claro que a mellor lingua para que os habitantes de Galicia pensen e se comuniquen con claridade é o galego, non o castelán

Agora ben, a lingua autóctona de Galicia, isto é, a lingua creada polos habitantes de Galicia para pensar e expresarse eles ben é o galego, non castelán. O castelán foi creado polos casteláns en Castela a partir do latín vulgar para pensar e expresarse eles ben, non para que os habitantes de Galicia pensen e se comuniquen ben. Así pois, parece claro que a mellor lingua para que os habitantes de Galicia pensen e se comuniquen con claridade é o galego, non o castelán. 

Vemos que hoxe moitos galegofalantes falan aos seus fillos en castelán. Estase producindo unha substitución do galego polo castelán: cada vez hai menos xente que pensa en galego e o usa habitualmente

É certo que durante séculos unha pequena parte dos habitantes de Galicia adoptou o castelán como a súa lingua, o galego foi desprestixiado e perdeu presencia escrita. Pero isto non se debe a que haxa unha razón cultural que o xustifique, senón que isto débese a motivos basicamente políticos: isto ocorreu porque ao longo dos séculos os casteláns intentaron impoñer o castelán en Galicia e desprestixiar o galego por un ideal centralista, como acreditan os documentos históricos, moitos recollidos na obra O libro negro da lingua galega de Carlos Callón. Se Galicia se independizase do Reino de León na Idade Media, como fixo Portugal, os habitantes de Galicia non adoptarían o castelán como a súa lingua, como é natural. 

A pesar de que hai unha razón cultural tan clara que xustifica que en Galicia se fale o galego, debido ao seu desprestixio vemos que hoxe moitos galegofalantes lle falan aos seus fillos en castelán. Estase producindo unha substitución do galego polo castelán: cada vez hai menos xente que pensa en galego e o usa habitualmente, como pode comprobar empiricamente calquera que viva en Galicia e como o Instituto Galego de Estatística demostra. Se a tendencia continúa, o galego vaise converter pronto nunha lingua morta. Se realmente amamos Galicia e desexamos que prospere culturalmente, debemos esforzarnos por reverter esta situación e esixirlles aos políticos que deroguen o Decreto do plurilingüismo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.