Sen micrófonos aos machistas

Protesta contra Luciano Méndez, no ano 2016 Dominio Público Praza Pública

Non precisamos poñerlle micrófonos diante ao agresor para que ofreza as súas declaracións que rebordan testosterona e que revitimizan á vítima, e que a min, como muller, tamén me agriden

Unha alumna da Universidade de Santiago de Compostela foi aldraxada con comentarios de carácter sexual, presuntamente, polo profesor Luciano Méndez, coñecido por comportamentos anteriores na mesma liña que xa lle implicaran unha suspensión temporal de emprego. 

O caso en si está en todos os medios, cunha profusa análise do sucedido e das reaccións de ambas as partes implicadas: agredida e agresor. Esta equidistancia no tratamento dos medios é a que resulta insoportable e contraria á ética xornalística. Os medios de comunicación poden ser aliados para a igualdade ou para o patriarcado e cando nós, como xornalistas, escollemos un determinado enfoque e unhas fontes para as nosas noticias, estamos posicionándonos. E con este caso estamos vendo, de novo, moitos cómplices machistas. 

A violencia sexual (verbal ou física) é dos aspectos peor tratados no xornalismo se o analizamos con mirada de xénero. Contamos con códigos, guías, recomendacións, boas prácticas etc., que non vou mencionar porque son moitas, pero hai unha cuestión na que todas coincide: non se pode xustificar a agresión. A razón de que esta alumna fose humillada na súa clase non foi nin a súa indumentaria, nin unha posible enfermidade mental do profesor, nin unha arroutada: foi o machismo. 

Non precisamos poñerlle micrófonos diante ao agresor para que ofreza as súas declaracións que rebordan testosterona e que revitimizan á vítima, e que a min, como muller, tamén me agriden. Non quero saber dos seus impulsos incontrolables ante o que considera como a máis mínima provocación, nin se ten capacidade de dar clase á xente en topless ou non. Non é un monstro, nin un xenio tolo, nin un enfermo; só é un machista.

Necesitamos máis feminismo no xornalismo, non cabe neutralidade nin equidistancia nun asunto que atenta directamente contra os dereitos humanos da metade da poboación

Quero saber sobre os protocolos en caso de acoso sexual nas universidades galegas, quero saber que medidas se pretenden tomar neste caso, quero saber como van reparar o dano psicolóxico da rapaza agredida, quero saber por que unha persoa expedientada e abertamente machista segue a dar aulas, quero saber se hai máis casos de violencias machistas contra alumnas. Preciso fontes expertas que me falen de relacións de poder e submisión no acoso, de iniciativas para a prevención das violencias machistas (psicolóxicas, sexuais, físicas, simbólicas…) que sexan exemplares noutras universidades e que puidesen ser referenciais para que isto non se volve repetir. 

Hai múltiples enfoques que permitirían loitar contra as violencias machistas pero ningún pasa por poñer un micrófono que permita xustificarse a un presunto agresor. Necesitamos máis feminismo no xornalismo, non cabe neutralidade nin equidistancia nun asunto que atenta directamente contra os dereitos humanos da metade da poboación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.