Sen verbas

Se algo hai que non e habitual, ou que case se pode calificar de insólito, e que eu fique sen verbas. Que a locuacidade, mellor ou peor empregada, forma parte da miña personalidade está mais que demostrado. Hoxe, no entanto, cústame atopalas. Fáltanme forzas. Sinto unha enorme sensación de tristura, de impotencia e de frustración, moita frustración.

Mentras media España seguía absorta, por unha banda, nunha marathón prenavideña que fai dividir as forzas entre tentar recrear por unhos días un conto de Dickens (algúns por verdadeira convicción e outros porque e o que toca), e por outra protagonizar episodios de auténtica compulsión consumista, a violencia de xénero volvía golpear sen piedade, deixando de novo un rastro de morte tras de si, un rastro que tampouco, na maioría dos casos, afectou demasiado a esa xente tan ocupada, mais alá do xesto compunxido no momento de ver o telexornal e que se repetirá nestes vindeiros días nalgúns casos nas concentracións de quenda, pero que, de ningún xeito, alterarán ese idílico ambiente que compre recrear estes días. Mesmo nalgunha familia na que se está a vivir o drama da violencia machista, pero que, en datas tan sinaladas, sentará o maltratador á mesa para dar esa imaxe de familia feliz que compre, porque, xa se sabe... Algo sempre hai que aguantar!

Tamén nos vindeiros días, probablemente haberá quen saia a rúa enarborando pancartas e lanzando consignas, pero que, unha vez rematada a “fazaña”, retiraranse de novo da circulación, ata a seguinte ocasión, porque, de traballar activamente, de tentar axudar a que outras mulleres non corran a mesma tráxica sorte que as asasinadas e agredidas nestas últimas datas e de tantas outras que as precederon, de eso nin falamos, que cansa moito e, ademais, estamos no Nadal, e ainda que se proclaman “antitodo”, tamén se toman o seu “impass”, faltaba máis!.

Así as cousas, non podo por menos que reiterarme en que, certamente, me faltan as verbas, non sei como expresar canto sinto, pero si que hai algo que teño claro e que ainda son quen de dicir e mesmo de berrar con claridade:

A primeira: Non hai dereito! Non hai dereito a que se sigan asasinando mulleres case  con total impunidade, a que se vulnere dun xeito tan brutal, tan salvaxe, o noso dereito á vida, e aínda menos  a que ningún malnacido se crea coa potestade de manipulala, controlala, e moito menos de arrebatala!.

A segunda: Estou farta! Farta de que non se faga o que e imprescindible para rematar dunha vez por todas con este  terrible feminicidio. Farta de que as leis non se apliquen co rigor e contundencia que este require. Farta tamén de que, mais dun e dunha, no nome do activismo (a o que, por certo, ensucian), aproveiten tanta desgraza para o seu beneficio, sen ter en conta a enorme dor que hai detrás de cada caso de violencia de xénero.

Faltánme verbas, certo, pero o que non me falta e sentimento, dor, e tamén, a que negalo, desesperanza, pero unha desesperanza que lonxe de poñer en perigro a loita que estou, que estamos tentando levar a cabo, non fai senon reforzar a idea de que facemos falta, de que podemos e debemos seguir traballando para que todas sigamos vivas. Con verbas ou sen elas a nosa loita continúa, porque temos moi claro que, unindo esforzos, atoparemos a saída.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.