Estes días estivemos ouvindo a dirixentes "de toda a vida" do PSOE botar a culpa do "fracaso electoral" a Pedro Sánchez. Os que levan anos á fronte do partido, en diferentes órganos, rebeláronse contra a dirección de Pedro Sánchez por non asumir responsabilidades despois das eleccións de Galicia e Euskadi, e das xerais de decembro de 2015 e xuño de 2016.
Unha parte importante deles estaban a ocupar cargos de dirección en maio de 2010, cando se produciu o xiro dado por Zapatero. Non recordo ningún deles opóndose nin á reforma laboral, nin ás diferentes medidas de axuste que adoptou ese goberno, cando o xiro que se deu á orientación das medidas económicas e laborais foi de cento oitenta graos.
Algúns dos actuais membros do Comité Federal puideron escoitar o 30 de xaneiro de 2010 o discurso de Zapatero no que falaba das medidas contracíclicas postas en marcha e das trescentas mil persoas paradas que, despois de esgotar as súas prestacións, poderían acceder a unha nova prestación. Despois de dicir que o obxectivo do proxecto socialista é sempre incrementar a protección social, a cohesión social, e a igualdade de oportunidades, afirmou que o límite do axuste do déficit son as políticas sociais, por suposto incluídas as novas políticas sociais desenvolvidas neses anos.
Algúns tamén puideron escoitar a súa comparecencia urxente para informar da reunión extraordinaria do Eurogrupo, do 7 de maio de 2010, en relación co rescate de Grecia e a situación dos mercados financeiros na que anunciou o cambio total de política económica e laboral: de medidas contracíclicas a un plan de axuste.
Nas eleccións xerais de 2008 o PSOE obtivo 11.289.335 votos, o que supuxo a súa maior votación desde 1977 e o apoio do 43,6% dos votantes, porcentaxe só superada polo 47,2% obtido por Felipe González en 1982. Era un voto por unha determinada maneira de saír da crise. O xiro adoptado en 2010 tivo un claro reflexo nas eleccións de 2011: 4.285.824 deixaron de confiar no PSOE. O 38% dos votantes de 2008 non repetiron a súa confianza, case dúas de cada cinco persoas. Eses votantes perdidos non foron a Podemos, que aínda non existía. Tampouco foron ao PP, que só aumentou os seus resultados en 588.556 votos. Algúns, 716 mil, foron a Izquierda Unida, pero a gran maioría abstivéronse.
A adopción de políticas netamente de dereitas como saída á crise, políticas que, ademais, responden exclusivamente a formulacións ideolóxicas e son claramente ineficaces, renunciando a dous anos de xestión con medidas contracíclicas, foi a causa da perda de votos. Os votantes do PSOE eran, na súa gran maioría, votantes de esquerdas e non toleraron esas políticas.
O fallo posterior ao trompazo de 2011 foi non asumir publicamente ese feito e non realizar unha esixencia de responsabilidades en profundidade. O cambio do Secretario Xeral, mantendo en postos de dirección e de representación a quen non se opuxeron a esas políticas, facía pouco crible o cambio de discurso. Como se pode crer a alguén que en 2010 xustifica a baixada salarial dos funcionarios e, mesmo, teoriza sobre a necesidade dunha "desvalorización interna" que en 2015 diga que é preciso subir os salarios para saír da crise? Son eses dous discursos contraditorios realizados polas mesmas persoas os que están detrás da perda do millón e medio de votos entre 2011 e 2015. O PSOE podía e debía facer outras formulacións pero por outras persoas. Era necesario un cambio de dirixentes e representantes para que fose crible e iso non se fixo.
Entre 2015 e 2016 o que o salvou electoralmente ao PSOE foi a actuación de Podemos. A súa actuación desde o día seguinte ás eleccións consistiu en dificultar a posibilidade de acordo entre a esquerda para que, noutras eleccións, quedasen por diante. Deixaron claro que para eles era máis importante o "sorpasso" que gobernar nun segundo plano. Iso, unido á precipitación de Pedro Sánchez en pactar con Ciudadanos, levounos ás eleccións de xuño de 2016. Tamén os que deron o golpe de man este sábado impediron nese momento un goberno de coalición que abranguese os nacionalistas.
Todo isto estase producindo nunha situación social na que cada vez é máis urxente establecer unhas prioridades políticas diferentes: É perentorio establecer un sistema de protección ás persoas desempregadas que non perciben prestacións que repercuta en atallar a pobreza infantil. É perentorio establecer sistemas de compatibilización do traballo coas prestacións por desemprego que acabe cos traballadores pobres. É urxente reverter as reformas laboral, sanitaria, educativa e da dependencia. É urxente establecer acordos políticos dun novo modelo de estado no que todos esteamos cómodos. É urxente potenciar un novo modelo produtivo. É urxente revisar os procedementos administrativos e penais para erradicar a corrupción.
Estes son, entre outros, os problemas que hai que resolver de maneira inmediata. Ningún deles se pode solucionar con Rajoy como presidente. Apostar por outro mandato implica necesariamente dar as costas á cidadanía. Había outras posibilidades, acordos coas demais forzas políticas, que é o que precipitou os acontecementos no PSOE.
Priorizar os diferentes obxectivos é o que marcará a política de alianzas: se é prioritario solucionar os problemas de pobreza, poderase pactar con todos aqueles que admitan esa prioridade, non co PP. Dicir, como se dixo por varios dirixentes, "eu con independentistas, non falo", ademais dunha enorme torpeza política, é priorizar a cuestión nacional sobre a pobreza. Niso nin estou de acordo nin creo que obedeza ao ideario socialista.
A situación creada é surrealista. Formalmente esixíronse responsabilidades ao Secretario Xeral e facer dimitir en pleno proceso de formación do goberno. O partido quedou descabezado. Quen forzaron esa dimisión, falan de que é peor ir a unhas terceiras eleccións e que é mellor absterse para que goberne Rajoy.
Esta abstención implica que ante calquera desencontro co goberno, e deberían ser cotiáns, teña só o PP a capacidade de convocar eleccións. Podería ocorrer que despois dunha abstención que provocaría a desafección de bo número de militantes e simpatizantes, aos dous meses se convoquen eleccións.
O PSOE está a mercé da vontade do PP. Se non se aproban uns determinados recortes, haberá eleccións; se non se volven baixar os impostos, haberá eleccións; se non se mantén o recorte da sanidade, haberá eleccións; se non se manteñen as reválidas, haberá eleccións; se se derroga a reforma laboral, haberá eleccións; se...se...se, haberá eleccións.
Se hai eleccións, atoparán o PSOE desarticulado. Sen candidato nin programa. Sen secretarías sectoriais e con graves problemas en territorios que gobernaba até este sábado. Parece que os dirixentes do PSOE non pensaron no que poderían facer os demais o día despois do Comité; só no que poderían facer eles.
Isto é polo que optou a maioría dos membros do Comité Federal. Agora só cabe esixirlles que se apliquen a mesma vara de medir que utilizaron "formalmente con Pedro Sánchez e se comprometan a deixar os seus postos de dirección e os seus cargos de representación se non obteñen mellores resultados que os de xuño de 2016.