Serpes, cobras e outras informacións

Non son as noticias máis importantes do verán, un case nunca escrebe do “máis importante”. Son noticias que nos espertan da modorra estival e nos fan premer o botón de pausa para darlles unha volta e buscarlles explicación. Son heteroxéneas e veñen entre o café e a caña. Non lles chamamos aquí serpes por inventadas para encher o baleiro informativo, no verán non diminúen as noticias, diminúen os xornalistas, ou as ganas de informar, se acaso o grao de atención. As que van a seguir son serpes… por velenosas.

  • A primeira, desculpando, un asunto persoal, unha comenencia. Googleando Xurxo Borrazás para ver o que se di (algo que ninguén fai, quitado o que escrebe), descubro un comentario meu que descoñecía. Non sobre min senón meu. Polo visto, no mes de abril critiquei que un senador de En Marea non falase en galego nesa cámara. O comentario fíxeno nun medio dixital que nin sequera coñecía (laduda.net), o cal redobra o meu mérito. Chamoume a atención porque nunca escribo comentarios en foros, este sería o primeiro, pero o certo é que ía asinado co meu nome e o meu nome non é Pablo Álvarez ou Antonio García, de modo que... branco e en botella: tiña que ser eu. Se a un lorcho coma min lle saen esta caste de apócrifos, non quero imaxinar como está o tema onde se coce o máis gordo. Velaí o estado de cousas na política patria: c’est la guerre.

De maneira que xa o saben os medios: toda mensaxe remitida por Xurxo Borrazás non é miña. Se o fose, levará outro nome porque cando quixen abrir unha conta de correo en gmail co meu... xa estaba collido. Seguramente no futuro terei que sustituílo igualmente das miñas publicacións e documentos para non ser denunciado por suplantación de personalidade. Tomarei o alcume dalgún personaxe meu, hainos a moreas, ata que estea atado non vou dicir cal para que ninguén se adiante. 

  • Este ano o verán comezou o 26 de xuño, co gatillazo das enquisas electorais. O día seguinte lemos que o PP gañara as eleccións... ata en Allariz. Feijóo declarou que os resultados en España e Galiza o reconciliaban coa actividade política.

Home non!  Do canguelo a pifiala ao “mira ti por onde”.

  • Publícanse os datos de salarios no Estado, por comunidades. En Galiza o soldo medio é inferior en sete ou oito mil euros anuais ao de Madrid ou Euskadi. Os soldos dos homes superan os das mulleres en seis mil euros. O titular que un xornal vigués escolle para a noticia é: “O salario dos funcionarios supera o dos privados nun 30%”.

Peste de funcionarios! Por culpa deles ocorren estas cousas.

  • O ministro de economía alemán advírtelle ao goberno de esquerdas de Portugal que debe cambiar de rumbo ou deberá pedir outro rescate, “e garántolle que o terá”, engade.

Mi ma! Que xenerosidade! . Fixádevos que Schauble non pide aplicar tal ou cal medida, como lle pediría a Rajoy. Fala de “cambiar de rumbo”.

  • Unha turista que sae dun aeroporto con destino Estambul é entrevistada na televisión. No aeroporto ao que se dirixe acaba de producirse un atentado con bombas, fusís de asalto e ducias de mortos. “Algo de cousa si que dá” afirma, “pero non vai haber dous atentados seguidos, ou sexa que agora Atatürk é o aeroporto máis seguro do mundo”.

Case dan ganas de que haxa un atentado xusto antes de collermos calquera avión.

  • Datos de poboación: En Galiza hai máis persoas por riba dos 80 anos que por debaixo dos dez. Hai un 33% menos de adolescentes entre 15 e 19 anos dos que había hai tres lustros. Entre 20 e 29 anos, hai un 41% menos que hai 15 anos.

O peor non é que a natalidade sexa baixa, o peor é que a este paso imos ter que cambiar “hai” por “quedan”.

  • O PP volve ripar oito mil millóns de euros do peto das pensións. O día seguinte un think tank financeiro especializado en plans de pensións, Óptima, predí que en catro anos a pensión máxima baixará dos 2500 euros a 1400 e a súa ameaza con trompetas de Xericó é reproducida en todos os medios.

O de “tanque” en think tank debe ir por “carro de combate”.

  • Atentado en Bagdad con 230 mortos, 20 segundos de axencia na televisión. Transición á presentadora cun sorriso de orella a orella: “E agora imos xa coa Eurocopa...” Quince minutos con enviados especiais.

E porque España está eliminada. Do contrario, 24 horas con programación especial.

  • O 93 % da obra proxectada pola Xunta e o Estado en Galiza está sen adxudicar.

Isto é “obrar” milagros.

  • PEMEX repite, para quen queira escoitar, que está en creba e non precisa máis barcos, senón desfacerse dos que ten, incluídos os floteis de Barreras e Navantia. De momento pide atrasar botaduras e distánciase como a parella que di “non me importa se queres saír con outras persoas, de verdade, eh”.

Adiviñade quen vai pagar os floteis, despois de rendibilizalos nunha nova campaña electoral.

  • O 100% dos menores de 25 anos en Islandia decláranse ateos.

Habería que ir pensando en desprazar a carga da proba sobre quen asegura oír voces e ver fantasmas. Nós non nos definimos por negar nada, somos simples persoas, non ateos, en Islandia o cen por cen. Eles poden ser “teístas” ou o que lles pete. 

  • No Parlamento pídese o montante de gasto en publicidade da Xunta e esta ocúltao dicindo que as campañas son “imprescindíbeis” para o funcionamento da Administración, os procedementos son públicos e están no DOG, ao que a oposición contesta que para acceder a eses datos habería que ir departamento por departamento.

Está claro que os contratos de propaganda son parte do núcleo duro da xestión de Feijóo: como se reparten, como se valoran, como se pagan, etc. Dito iso: que traballo, non si? Ter que ler o DOG e sumar aquí e acolá. Que cómodo para o PP dispor dunha oposición tan eficiente que nin leva a conta da desfachatez propagandística do PP para recitarlle unha por unha, campaña a campaña, o imprescindibeis que foron todas elas .  

  • As bagoas de Tony Blair dicindo que lamenta as consecuencias da invasión de Irak pero que o mundo é mellor sen Sadam Hussein prodúcenme a sensación dun pederasta asasino escusándose en que a meniña levaba saia curta e un sorriso pícaro.

Xa é tarde demais e nada abonda para reparar o mal pero... fáltanos ver ao bufón de Aznar facendo que chora, non me abonda con verlle as  muecas de tolo e os ollos inxectados en odio. Está difícil porque o cuarto da foto, Durao Barroso, non se escusa e acaba de fichalo Goldman Sachs.

  • As autoestradas galegas levan pasado por tantas mans que seguir a pista dos seus propietarios (perdón, “concesionarios”, os propietarios seguimos sendo nós, faltaría máis) é como seguir as mans do trileiro a mover as tapas sobre a bola. Isto ocorre coa nai das infraestruturas do país, a que asfixia as nosas empresas pequenas e medianas e desartella o territorio grazas á traizón dos que prorrogaron o saqueo virtualmente sine die. A que, en caso de liberarse, permitiría racionalizar de vez o resto das infraestruturas, adecuándoas ás nosas capacidades reais. Agora polo visto tres fondos de pensións americanos, británicos e holandeses poxan por facerse con elas. Xa lle pagaramos o trabuco a bancos, compañías de seguros, especuladores dos Emiratos Árabes e outros fondos de pensións americanos: debeuse correr a voz. Que pase o seguinte!

Non deixa de ser irónico que o noso afogamento económico sufrague as pensións dos países ricos, agora que nos din que as nosas teñen os días contados. Madia leva! Non han ter! 

  • Dedícanlle o Día das Letras a Carlos Casares. Perfecto. Tan esperado como que un ano máis non llo dediquen a Carvalho Calero. Hai quen se alegra e hai quen se indigna por unha cousa e pola outra. O feito é que a figura de Carvalho Calero, que pasaría coa mesma gloria e a mesma pena que a do resto dos e as homenaxeados, se engrandece con cada negativa.

Dándolle voltas, creo que xa sei porque non lle toca nunca a Carvalho Calero:  na RAG pensan que segue vivo, ou que aínda non morreu todo o que tiña que morrer. A Academia é a Academia, as normas son as que son e unha das condicións para ser nomeado é levar dez anos morto. Agora ben... esa é a letra da lei, o espírito é que o morto non interfira nos asuntos dos vivos. E o espírito quen o interpreta? Pois os académicos, e como diría Fraga Iribarne: “xa dixen todo o que tiña que dicir”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.