Servirá para algo?

O caso Bárcenas inunda, como é lóxico, o espazo mediático. Para non repetir anteriores argumentos relativos á gravidade da corrupción presente no escenario político do Estado español, quixera salientar tres aspectos que aparecen nas amplas derivadas que xorden a partir deste episodio.

Resulta pintoresco constatar a utilización, por parte de Rajoy e Cospedal, do tópico argumento conspirativo para artellar unha coartada defensiva ante as novas xornalísticas que describen algunhas supostas  actividades do ex –tesoureiro da rúa Génova. Que un partido coa importante acumulación de poder que actualmente posúe o PP decida botar man dun vitimismo tan obsceno coma este revela o nivel de inseguridade argumental no que se atopan os seus dirixentes. No canto de reflexionar sobre as razóns que explican  o notábel crédito suscitado por esas informacións no corpo social prefiren a fuxida retórica para buscar uns hipotéticos culpábeis –que, ademais, non son identificados- do calvario que está atravesando o partido gobernamental.

O que Feijoo non pode ignorar é o que as hemerotecas demostran: entre 1991 e 1996 foi un alto cargo das Consellarías de Agricultura e de Sanidade e posteriormente ocupou postos relevantes na Administración xeral do Estado (INSALUD e Correos)

Núñez Feijoo aportou, nesta treboada de cifras e letras, un argumento chamativo. Para evitar unha explicación sobre o financiamento do seu partido na segunda metade da década dos 90, o actual presidente da Xunta lembrou que naquel  momento non estaba afiliado ao PPdG e, xa que logo, non podía asumir algunha responsabilidade compartida nesta cuestión. O que non pode ignorar é o que as hemerotecas demostran: entre 1991 e 1996 foi un alto cargo das Consellarías de Agricultura e de Sanidade e posteriormente ocupou postos relevantes na Administración xeral do Estado (INSALUD e Correos).

Mais alá das consideracións xurídicas que se podan formular, resulta admisíbel –no plano político- practicar semellante disociación entre a persoa que aceita un relevante cargo político e o comportamento do partido que propiciou o seu nomeamento? Nun sistema democrático de calidade, o máximo dirixente actual do PP debería asumir como propias dúas tarefas básicas:informar do que pasou nos tempos nos que Pablo Crespo xestionaba as finanzas da organización e pedir desculpas polas prácticas inadecuadas rexistradas. As responsabilidades políticas do PPdG non prescriben, sobre todo se temos en conta os habituais alegatos sobre as liñas históricas de continuidade que presiden a propia existencia deste partido.

Como se pode dixerir a obscena contradición daqueles líderes que pola mañá predican a máxima austeridade para a gran maioría da poboación e polo serran ingresan un soldo adicional procedente do partido?

Para rematar o tríptico, atopamos unha circunstancia que apenas merece críticas na opinión publicada. Trátase da percepción de retribucións salariais por parte daqueles dirixentes do PP que tamén desempeñaban tarefas institucionais nos gobernos ou nos parlamentos. Ninguén defende expresamente a lexitimidade do cobro de cantidades “en negro” pero case non se discute a “normalidade” destes suplementos salariais “en branco”. Poren, estamos ante un comportamento incongruente e cínico:os partidos non son empresas privadas senón que constitúen organizacións sen ánimo de lucro que reciben importantes cantidades procedentes dos orzamentos públicos. Como se pode dixerir a obscena contradición daqueles líderes que pola mañá predican a máxima austeridade para a gran maioría da poboación e polo serran ingresan un soldo adicional procedente do partido? Se pensan que o exercicio da actividade política non está suficientemente remunerado deben facer propostas concretas e sometelas ao debate social. O que non é de recibo é a reiterada exhibición desta dupla moral.

Como reaccionan ante a corrupción os representantes políticos, a xudicatura, a elite empresarial e o propio corpo social. Servirá para algo esta amarga experiencia?

O caso Bárcenas confirma a presenza abafante da corrupción no corazón mesmo do sistema político español. A esta altura, o problema principal non é que existan estas prácticas ilegais e/ou carentes da ética esixíbel nunha sociedade democrática avanzada: a cuestión decisiva é como reaccionan ante a corrupción os representantes políticos, a xudicatura, a elite empresarial e o propio corpo social. Servirá para algo esta amarga experiencia?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.