Lembro cando nos presentaron a Letizia Ortiz como futura esposa de Felipe de Borbón que moito insistían en que era unha muller de clase media e eu moito insistía en que sería de clase media pero non da mesma clase media ca min. Tiñamos moitas cousas en común: nacéramos no 72, tiñamos estudos universitarios, estudáramos no estranxeiro, aparcábamos moi ben... pero desde logo que nada diso o fixéramos nas mesmas condicións, nin as nosas familias se parecían nin as nosas condicións económicas e sociais tiñan nada que ver. Supoño que por iso, aínda que eu ademais sabía idiomas, non chegaría a ter as súas oportunidades laborais nin sería convidada a ceas tan interesantes como esas ás que ela acudía. O certo é que no instituto e na universidade coincidín con moitas persoas coas que aparentemente compartía o acceso ás mesmas oportunidades na vida, oportunidades das que non puideran gozar meus pais, pero si os seus, mesmo as súas nais, situacións vitais radicalmente diferentes que cambiaron para min completamente dunha xeración a outra, pero non eramos de todo iguais.
Lembro cando nos presentaron a Letizia Ortiz como futura esposa de Felipe de Borbón que moito insistían en que era unha muller de clase media e eu moito insistía en que sería de clase media pero non da mesma clase media ca min
Meu irmán e eu fomos á universidade con gran sacrificio por parte do noso pai, obreiro do metal, e da nosa nai, ama de casa e eterna coidadora que, en crise permanente e con escaseza de recursos nunca sacrificou a educación, a cultura ou a sanidade. Coma nós moitas persoas de familias traballadoras tivemos a posibilidade de aspirar a outra forma de vida que agora vemos que se cambalea. Fomos, e somos, privilexiados e privilexiadas que tivemos oportunidades académicas e laborais que fixeron que hoxe en día ocupemos un lugar na sociedade distinto do da xeración que nos precedeu e agora vemos que as xeracións que nos suceden atopan as portas pechadas. As persoas que chegaron á universidade, coma nós, mesmo teñen unha mellor preparación pero teñen que marchar traballar ao estranxeiro. As persoas que están en primaria ou no ensino medio igual xa non chegan á universidade porque en poucos anos, polo camiño que imos, volverá ser para as elites ou porque serán incapaces de superar os múltiples obstáculos que se lles están poñendo en forma de reválidas ou de falta de apoios. Nesta situación creo que todo o mundo temos que asumir a responsabilidade de non traizoalos. Non podemos ser correas de transmisión de arriba a abaixo das decisións destinadas a reforzar unha superestrutura ideolóxica cada vez máis excluínte.
Que fai que moitas persoas, no desenvolvemento do seu traballo, asuman e executen decisións que non toman elas e que prexudican terriblemente a outras persoas?
Que fai que moitas persoas, no desenvolvemento do seu traballo, asuman e executen decisións que non toman elas e que prexudican terriblemente a outras persoas? Son conscientes das consecuencias e non están de acordo co que lles mandan facer pero o fan de igual maneira. Temos exemplo magníficos e admirables de que non sempre é así, como os bombeiros coruñeses que se negaron a participar no despexo de Aurelia Rey pero, por desgraza, seguen a ser casos illados. Nunha asemblea á que acudín na Universidade de Vigo alguén falaba de que parecía que sufrían unha especie de síndrome de Estocolmo. É certo que parece que chegamos a estar secuestradas dentro dese poderoso círculo que alguén trazou para incluír ou excluír persoas da sociedade que é o traballo remunerado e que cada vez é máis pequeno e deixa máis xente fóra, moitas máis daquelas que sempre estiveron excluídas sen posibilidade ningunha de achegarse sequera. Non só traballamos para gañar cartos, un emprego tamén é unha cuestión de status e consideración social, tanto que moitas persoas desempregadas din sentir que “non valen para nada”.
Non só traballamos para gañar cartos, un emprego tamén é unha cuestión de status e consideración social, tanto que moitas persoas desempregadas din sentir que “non valen para nada”
Como muller, filla dunha ama de casa, ben sei que o traballo o é estea remunerado ou non e que a dignidade non a gañas co salario pero tamén é ben certo que temos que comer, dar de comer ás nosas crianzas, pagar facturas que cada vez son máis altas e máis numerosas pola suba de impostos e pola perda de servizos sociais, sanitarios e educativos. Así que por medo a perder os recursos económicos perdemos a dignidade e traizoamos aos que non teñen tanta sorte coma tivemos nós (de momento). Isto faime pensar na proposta da creación dunha Renda Básica das Iguais como unha ferramenta que redistribuiría a riqueza, que garantiría a vida digna á que temos dereito todas as persoas polo simple feito de nacer, que serviría para superar o sistema que ten como eixos centrais o mercado e o traballo remunerado e que permitiría tamén que as persoas puidésemos decidir libremente. Mentres non exista algo así quédanos asumir riscos e vencer o medo porque parece que cada vez nos queda menos que perder. Traizoar a outras e traizoarnos a nós mesmas xa non garante nada cando son unhas poucas persoas as que deciden en función unicamente dos seus intereses.