O secretario de Estado estadounidense, John Kerry, advertiu este 26 de agosto que “Bashar al Asad traspasou a liña vermella”. A declaración vén en referencia á presunta utilización por parte do réxime sirio de armas químicas contra a poboación civil ás aforas de Damasco, presuntamente acaecidas o pasado 21 de agosto, e denunciadas polos rebeldes agrupados no Exército Libre de Siria (ELS) Para consolidar esta hipótese, o propio presidente estadounidense Barack Obama declarou esta semana non ter “case ningunha dúbida” sobre a presunta culpabilidade do réxime de al Asad na utilización de armas químicas. Dende hai meses, Obama vén advertindo a delimitación dunha tenue liña vermella que, no contexto actual, semella procrear as condicións dunha eventual intervención militar exterior no país árabe, escenario que cobra forza co paso dos días, e particularmente definida como unha acción unilateral liderada por Washington sen o aval da ONU.
A ambigüidade e unha calculada táctica de espera identifican a posición de Washington co respecto ao conflito sirio. Ó carón da Primavera árabe, a traxedia siria que comezou con manifestacións civís contra o réxime de Bashar al Asad en febreiro de 2011 derivou nunha guerra interna con cada vez maior proxección e intervención exterior.
O tempo foi, precisamente, o catalizador que intensificou aínda mais as complexidades e indefinicións do conflito sirio así como as ambigüidades da posición estadounidense
Como sucedera coas autocracias de Ben Alí en Tunisia ou Mubarak en Exipto, Washington calculaba que a caída do réxime al Asad en Damasco era cuestión de tempo, esperando así a caída dunha peza incómoda dentro do inquietante taboleiro de Oriente Próximo. Pero o tempo foi, precisamente, o catalizador que intensificou aínda mais as complexidades e indefinicións do conflito sirio así como as ambigüidades da posición estadounidense. Nesta prolongada conxuntura, Washington liderou outra guerra (Libia) mentres contemporizaba a crítica situación exipcia, traducida no seu tácito apoio ao golpe militar de xullo pasado e a cruenta represión posterior contra os islamitas exipcios.
A presión unilateral e punitiva
Washington (co tácito apoio israelí) embárcase agora na mesma campaña de desestabilización iniciada coa guerra de Iraq en 2003, reproducindo a mesma posición unilateral de carácter punitivo e preventivo
Agora, por tanto, reaparece o drama sirio. Con aproximadamente tres millóns de desprazados internos e refuxiados en países veciños como Turquía, Washington (co tácito apoio israelí) embárcase agora na mesma campaña de desestabilización iniciada coa guerra de Iraq en 2003, reproducindo a mesma posición unilateral de carácter punitivo e preventivo. Todo isto persuadido pola certeza da negativa rusa e chinesa para aprobar calquera iniciativa de intervención en Siria discutida dentro da legalidade do Consello de Seguridade da ONU.
Que razóns, por tanto, persuaden agora a Washington a adoptar unha iniciativa militar contra Siria, que non implique necesariamente unha intervención terrestre? Probablemente sexan dúas variables: a primeira, a indefinición do conflito sirio, lastrado pola evidencia dun país polarizado e dividido nunha guerra de posicións onde as forzas leais a Bashar al Asad e os rebeldes do ELS manteñen o control de varios bastións territoriais, pero ninguén termina por derrubar o seu rival.
Por tanto, EUA e os seus aliados mais visible dentro da crise siria (Israel, Gran Bretaña, Turquía, Arabia Saudita, Catar e Emiratos Árabes), semellan convencidos de que a caída do réxime de Bashar al Asad non é un feito tan factible como esperaban, razón pola que adiantarían unha presión exterior de carácter militar e punitiva, orientada a eventualmente propiciar esa caída.
A ambigüidade estadounidense no conflito sirio ven, moi probablemente, explicada polos receos de Washington sobre a composición do ELS
A segunda variable ten mais implicacións estratéxicas. A ambigüidade estadounidense no conflito sirio ven, moi probablemente, explicada polos receos de Washington sobre a composición dun ELS lastrado polas divisións internas, con intereses visiblemente contrapostos mais alá da caída do réxime de Bashar al Asad e onde nos últimos meses constitúe unha evidencia que as células radicais yihadistas cobran un protagonismo principal, con especial incidencia na célula recén establecida de Al Qaeda en Iraq, agora con sucursal en Siria.
Para Obama, tomar a iniciativa baixo a cuestionable presunción de que foi o réxime sirio o presunto culpable da utilización de armamento químico contra a poboación civil, significa alterar o equilibrio de forzas xa non só dentro da guerra civil siria senón mesmo dentro dos rebeldes e do ELS. Como non resulta clara a certificación de que este armamento químico foi utilizado polas forzas leais a Bashar al Asad, existen presuncións de que o mesmo ben puido ser utilizado por células radicais, aproveitando que o espazo territorial fronteirizo entre Siria e Iraq constitúe de feito un paso fóra de control para as forzas oficiais, determinado polo contrabando de armas de todo tipo.
Sorteando a invasión terrestre
Cunha misión de verificación da ONU en Damasco, dificilmente o réxime de al Asad cometería unha imprudente (e torpe) matanza de civís con armamento químico
En clave militar, é pertinente considerar que, cunha misión de verificación da ONU en Damasco, dificilmente o réxime de al Asad cometería unha imprudente (e torpe) matanza de civís con armamento químico. A súa eventual utilización só podería explicarse nunha situación límite para o réxime sirio, e o panorama actual non identifica precisamente unha situación de extrema gravidade para a eventual caída do seu réxime. Paralelamente, e polo contrario, non resulta casual que estas acusacións proferidas polos rebeldes ocorran precisamente cando a misión da ONU se atopara en Siria.
Como medida punitiva de presión, os plans de Washington de eventual ataque sobre posicións militares sirias probablemente se enfoquen en ataques cirúrxicos e selectivos, coa presunción de exercer unha tenaza que hipoteticamente preme a Bashar al Asad a dobregarse, así como eventualmente propicie desercións no seu bando. Con isto, Washington impulsaría unha iniciativa que tentativamente evite comprometerse nunha intervención militar terrestre.
De consolidarse esta perspectiva de ataques cirúrxicos en Siria, Washington consolidaría a súa estratexia unilateral e ilegal de intervención militar en diversos contextos conflitivos: Cósova (1999); Iraq (2003); e Libia (2011), onde a ONU aprobou a ampliación do espazo aéreo para apoio loxístico a favor dos rebeldes libios, mais non a intervención militar finalmente impulsada por EUA e Gran Bretaña.
Washington consolidaría a súa estratexia unilateral e ilegal de intervención militar en diversos contextos conflitivos: Cósova (1999); Iraq (2003); e Libia (2011)
No trasfondo, o interese de Washington descifra unha estratexia destinada a propiciar unha reconfiguración do equilibrio xeopolítico en Oriente Próximo, acentuando o debilitamento do mundo árabe, preservando a seguridade de Israel e asentando unha correa de contención cara a Irán. Así, Obama decide trazar a súa propia liña vermella en Siria.