Siria e a obscenidade moral

Fálase dunha inminente intervención militar en Siria. Hai quen lamenta que non se producira antes, que Estados Unidos e os seus aliados non reaccionasen até agora. Non foi desinterese, senón máis ben unha aposta estratéxica calculada. Dende hai dous anos diversas potencias occidentais, así coma os seus aliados en Oriente Medio, interveñen en Siria de forma máis ou menos subterránea, proporcionándolles armas e información de intelixencia aos rebeldes. Francia e Estados Unidos, entre outros, forneceron axuda militar aos grupos armados da oposición. A CIA e os servizos secretos británicos traballan no terreo apoiando os rebeldes sirios e aconsellando aos países do Golfo sobre os grupos aos que deben armar. 

O material bélico facilitado aos rebeldes chegou principalmente a través dos países do Golfo e Turquía, e foi medido con precisión dende 2011, para que estes non dispuxesen de armamento pesado. Deste xeito os rebeldes puideron ferir pero non tumbar o goberno de Assad

O material bélico facilitado aos rebeldes que loitan contra Assad chegou principalmente a través dos países do Golfo e Turquía, e foi medido con precisión dende 2011, para que estes non dispuxesen de armamento pesado. Deste xeito os rebeldes puideron ferir pero non tumbar o goberno de Assad; contaron con capacidade suficiente para resistir pero non para vencer. E así, o conflito mantívose nun nivel que lles permite a ambos os bandos sobrevivir, desgastándose. É o punto morto, a situación indefinida que até agora conveu a algúns actores internacionais involucrados dun modo ou outro no conflito.

Non é algo novo. Nos anos oitenta, cando estalou a guerra entre Irán e Iraq, Washington proporcionoulles apoio, armas e información militar a Bagdad, e de feito Sadam Hussein empregou gas sarín estadounidense contra poboación iraniana e kurda. Pero nunha estratexia de dobre xogo EEUU tamén facilitou secretamente armamento a Irán entre 1985 e 1987 a través dunha rede de tráfico de armas estadounideses e israelís organizada pola CIA.

Cos beneficios dese negocio, Washington apoiou á Contra nicaraguana e á guerrilla afgá que loitaba contra as tropas soviéticas en Afganistán. A operación foi coñecida co nome de Irangate. Deste xeito Estados Unidos contribuíu á prolongación da guerra entre Bagdad e Teherán, co propósito de desgastar a dous países estratéxicos e con petróleo e de deixalos fóra de xogo. Se ambos perdían, Washington gañaba.


A procura dunha partida de xadrez en táboas

No caso sirio considérase que se algún bando gaña, Estados Unidos perde (e con el, Israel)

No caso sirio considérase que se algún bando gaña, Estados Unidos perde (e con el, Israel). É a premisa aceptada en certos círculos políticos e diplomáticos occidentais. Por iso apostouse pola guerra do desgaste, polo punto morto, por unha situación indefinida. Agora que Assad tomara vantaxe con respecto aos seus inimigos, a comunidade occidental anuncia un novo nivel de intervención en Siria.

Así o expresaba esta semana, sen pudor ningún, Edward Luttwak, do Center for Strategic and International Studies, nun artigo publicado en The New York Times:

“Un resultado decisivo para calquera bando sería inaceptable para Estados Unidos. Unha restauración do réxime de Assad apoiado por Irán aumentaría o poder e o status de Irán en todo Oriente Medio, mentres que unha vitoria dos rebeldes, dominados polas faccións extremistas, inauguraría outra onda de terrorismo de Al Qaeda. Só hai un resultado que pode favorecer posiblemente a Estados Unidos: o escenario indefinido. Mantendo o Exército de Assad e aos seus aliados, Irán e Hezbolá, nunha guerra contra loitadores extremistas aliñados a Al Qaeda, catro inimigos de Washington estarán envolvidos nunha guerra entre si mesmos...”.

 

A escuma das intencións reais

A Historia, esa gran ferramenta para analizar tamén o noso presente, demóstranos que ás veces as versións oficiais dun goberno son só a escuma das súas posicións reais

Se vivísemos nun mundo idílico poderiamos crer na bondade da política internacional. As guerras serían esas misións de paz das que tanto falan os dirixentes occidentais, e os gobernos moveríanse impulsados tan só pola defensa dos intereses dos cidadáns. Pero o noso mundo dista moito de ser idílico.

A Historia, esa gran ferramenta para analizar tamén o noso presente, demóstranos que ás veces as versións oficiais dun goberno son só a escuma das súas posicións reais. Que detrás de posturas públicas aparentemente altruístas agáchanse políticas ilegais e criminais. Que por baixo dos discursos oficiais en nome da defensa dos dereitos humanos móvense intereses económicos e xeopolíticos.

Non fai falta rebuscar moito para atopar exemplos: O apoio de Estados Unidos aos golpes de estado e ás ditaduras na Latinoamérica dos anos setenta; as mentiras para invadir e esnaquizar Iraq, as escusas para invadir e ocupar Afganistán, a negación sistemática de crimes de guerra, de asasinatos de civís, a creación de centros de tortura diseminados por todo o mundo, a aceptación por parte de Europa dos voos da CIA, o uso de avións non tripulados -drones- para cometer asasinatos extraxudiciais, o emprego de uranio empobrecido, a venda a armas a gobernos evidentemente ditatoriais e represores e así un longo etcétera.

Casualmente esta mesma semana a CIA recoñecía algo xa sabido: O seu papel detrás do golpe de estado que en 1953 derrocou o primeiro ministro iraniano Mohamed Mossadeq, elixido democraticamente e que nacionalizara o petróleo iraniano, até entón explotado por Reino Unido principalmente. Recentemente tamén se fixo público un contrato polo que Estados Unidos facilitaralles bombas de acio á monarquía absolutista de Arabia Saudita, que fornece de armamento aos rebeldes sirios.


Os únicos árbitros

As potencias occidentais pretenden erixirse de novo como árbitro desinteresado ao que hai que chamar cando as cousas se poñen feas. Preséntanse a si mesmas como solucionadoras de conflitos a través do uso de bombas

As potencias occidentais pretenden erixirse de novo como árbitro desinteresado ao que hai que chamar cando as cousas se poñen feas. Preséntanse a si mesmas como solucionadoras de conflitos a través do uso de bombas e do impulso de operacións militares aparentemente “limpas, xustas e breves” (iso dixeron de Iraq, como esquecelo). EE.UU e os seus aliados non parecen dispostos a agardar os informes dos inspectores de Nacións Unidas antes de atacar Siria, o que senta un perigoso precedente.

O réxime de Assad é responsable de represión, de miles de mortos, pero neste caso non se probou aínda que sexa o autor do ataque con armas químicas

O réxime de Assad é responsable de represión, de miles de mortos, pero neste caso non se probou aínda que sexa o autor do ataque con armas químicas. Podería selo, de feito é un do seis países que non asinou a Convención de control de armas químicas (o seu veciño, Israel, tampouco a ratificou).

Pero o serio -e o legal- sería agardar ás conclusións da ONU sobre a autoría do ataque e, tras iso, buscar outras opcións alternativas á linguaxe das bombas. Pola contra estarase apostando por unha guerra novamente ilegal, que non contará coa aprobación do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Se hoxe Washington e os seus aliados actúan como árbitros para decidir se hai que atacar ou non un país, mañá outra nación pode reivindicar o mesmo dereito.


As outras "obscenidades morais"

O  primeiro ministro británico, David Cameron, dixo que o ataque con armas químicas en Siria é algo “absolutamente aborrecible e inadmisible”, o presidente francés François Hollande anunciou que “Francia castigará os que gasearon inocentes” e o secretario de Estado estadouniense, John Kerry, afirmou que o uso de armas químicas é unha obscenidade moral.

Cabe preguntarse se o emprego de fósforo branco en Faluya (Iraq) por EE.UU non é unha obscenidade moral nin un acto "aborrecible, inadmisible". É lexítimo expor se non sería pertinente, polo tanto, castigar, tal e como Francia defendeu, os que gasearon inocentes, como Israel en Gaza ou Estados Unidos en Faluya.

Que fale de obscenidades morais un Estado que tan só na última década asasinou, feriu, torturou, secuestrou ou encerrou sen cargos centos de miles de persoas é canto menos rechamante. Que potencias que lexitiman secuestros, torturas, asasinatos extraxudiciais e cárceres como Guantánamo traten de erixirse unha vez máis como defensores dos dereitos humanos e das liberdades resulta un tanto delirante. E que un Premio Nobel da Paz vaia apostar unha vez máis pola vía militar demostra o marco orwelliano no que nos achamos.

No medio do labirinto de intereses internos, rexionais e internacionais atópase a poboación civil siria, castigada pola violencia, dentro dun conflito do que tamén son responsables os actores rexionais e internacionais implicados desde o inicio.

Nestes dous últimos anos, a guerra en Siria provocou 100.000 mortos e dous millóns de refuxiados, dos que máis dun millón son nenos. Pero parece que estas mortes e estes desprazados non eran até agora unha obscenidade moral

Nestes dous últimos anos, a guerra en Siria provocou 100.000 mortos e dous millóns de refuxiados, dos que máis dun millón son nenos. Pero parece que estas mortes e estes desprazados non eran até agora unha obscenidade moral.


Hai moitas preguntas que non se están respondendo

De que forma axudarán as bombas occidentais á poboación siria?

Como van evitar vítimas civís (tendo en conta ademais os tráxicos precedentes)?

Valorouse que unha participación aberta de varios países no conflito podería elevar o nivel de confrontación na rexión?

Como evitarán o emprego de máis armas químicas no futuro?

E despois deses dous días de ataques, que? De novo a guerra de desgaste, o escenario indefinido, a intervención subterránea?

Ou pola contra, máis bombardeos, máis ataques, máis guerra presentada, en pleno século XXI, como vía para a paz, mentres se lles dá as costas a outros camiños, a outras políticas?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.