Todos temos moi presente o terríbel xenocidio de Ruanda que supuxo o intento de exterminio de toda a poboación tutsi por parte do goberno hexemónico hutu en 1994. No pasado, en Ruanda distinguíanse dous estamentos dentro da etnia banyaruanda, á que pertencía case toda a poboación: a maioría hutu e a minoría tutsi. En abril de 1994 o asasinato do xeneral Juvénal Habyarimana e o avance da Fronte Patriótica Ruandesa desencadearon unha morea de masacres en todo o país contra os tutsis obrigando a un desprazamento masivo de persoas cara a campos de refuxiados situados na fronteira cos países veciños, en especial o Zaire (hoxe República Democrática do Congo). En agosto de 1995 tropas zaireñas intentan expulsar aestes desprazados a Ruanda.
Catorce mil persoas son devoltas a Ruanda, mentres que outras 150.000 refúxianse nas montañas. Máis de 800.000 persoas foron asasinadas e case todas as mulleres que sobreviviron ao xenocidio foron violadas. Moitos dos 5.000 nenos nados froito desas violacións foron asasinados. E con todo, que fixo a comunidade internacional? Pois, simplemente, nada. Por que? Imaxínome que ten que ver co escaso interese económico de Ruanda para as potencias occidentais e pola súa carencia de recursos naturais e enerxéticos. Ruanda baséase nunha economía de subsistencia que ocupa ao 90% da súa poboación. O país carece de recursos naturais e minerais de importancia, ademais de sufrir constantemente de secas, a escaseza alimentaria e un pobre desenvolvemento tecnolóxico.
Agora coñecemos que en Siria se está producindo unha sanguenta guerra civil, un conflito moi violento e cruento, só que nesta ocasión parece que á comunidade internacional lle preocupa moitísimo o que alí sucede. Durante o presente ano, todo o país estaba envolto nunha guerra brutal; cada recanto de Siria foi escenario de fortes tumultos e mesmo enfrontamentos armados entre os rebeldes e o goberno, o que trouxo consigo un incremento exponencial da espiral de violencia que desembocou en terríbeis batallas e presuntos bombardeos indiscriminados e, especialmente, na suposta utilización de armas químicas por ambos os dous bandos. Estes feitos, á súa vez, causaron a morte de miles de persoas e un éxodo masivo da poboación cara a nacións veciñas, ademais, os combates causaron a destrución de moitas cidades e de milenarios monumentos e importantes patrimonios. Nacións Unidas informou que os mortos no país son máis de 100.000 e o número de refuxiados ascende a máis de 2.000.000, convertendo a esta guerra civil nunha das peores crises do noso século
Tamén soubemos que senadores do Partido Republicano, de Estados Unidos, volveron facer recentemente declaracións instando o presidente Barack Obama a organizar unha forza internacional para intervir militarmente en Siria, baixo o pretexto de impedir a suposta utilización de armas químicas. Durante a semana pasada, os gobernos de Estados Unidos, Francia e Reino Unido alegaron ter evidencias que demostrarían o seu suposto uso por parte do goberno de Damasco contra poboación civil nalgunhas zonas “rebeldes”.
O propio presidente estadounidense, Barack Obama, advertiulle recentemente ao goberno do presidente Bashar al-Assad de que o uso de armas prohibidas por parte das forzas de seguridade sirias provocaría un cambio nas regras do xogo no conflito que ten lugar no país árabe desde hai máis de dous anos.
O goberno sirio non se limitou a rexeitar as acusacións dos EE.UU, Francia e Reino Unido, volveu asumir solemnemente o compromiso perante a comunidade internacional de que non utilizará xamais armas químicas, non só porque respecta a lexislación internacional, o Convenio de Xenebra, todos os protocolos adicionais e o resto de regras da guerra, senón tamén por razóns humanitarias e morais.
Opino que resulta evidente que os círculos máis intervencionistas e belicistas do imperialismo estadounidense e os seus aliados están preparando, coas súas falsas alegacións, tal como sucedeu en Irak, o escenario para unha dura intervención militar en Siria.
Desde o inicio do conflito en Siria, en marzo de 2011, Estados Unidos e os seus aliados europeos e na rexión do Oriente Medio non consideran outra solución para o país árabe e continúan dando apoio aos grupos de mercenarios armados e terroristas para derrocar o goberno do presidente Bashar al-Assad.
A propia evolución dos acontecementos revela que as potencias imperialistas non queren nin o diálogo, nin a democratización de Siria, nin os dereitos humanos, pois sistematicamente rexeitaron todas as iniciativas tomadas nese sentido, inclusive reformas políticas pola vía de emendas constitucionais, a adopción do pluri–partidismo , a convocatoria de eleccións, os cambios ministeriais e as xestións autorizando ao diálogo e a reconciliación nacional.
Estados Unidos, a Unión Europea e os seus aliados na rexión estableceron unha estratexia que prevé a intervención militar, a ocupación e a disgregación de Siria. Tacticamente, loitan no terreo diplomático para obter un mandato nesa dirección por parte do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, á vez que sabotan toda iniciativa de diálogo e paz feita baixo a cobertura dese organismo. O conflito en Siria é un novo foco de tensión internacional debido ao intervencionismo das potencias imperialistas, que máis unha vez demostran ser a verdadeira ameaza á paz mundial.
En momentos como este, é necesario defender o diálogo, a negociación, a paz e loitar contra as intervencións e agresións militares que violan a soberanía dos pobos, a súa independencia nacional e provocan traxedias. E reafirmar o principio de que soamente o pobo de cada país ten o dereito de decidir sobre o seu futuro, sobre a súa forma de goberno, sistema político e socioeconómico.
Ao preparar a intervención en Siria, as potencias imperialistas demostran a súa dobre vara de medir á hora de decidir unha intervención militar. Queda claro que Siria non é Ruanda. No caso de Ruanda non fixeron nada porque o único que había en xogo eran miles e miles de vidas humanas. Agora o que está en xogo, ademais das vidas humanas, é o petróleo, o gas e aposición xeo-estratéxica de Siria nese lugar.