Hai só uns días, nunha Comisión parlamentar, un deputado popular rexeitaba á iniciativa dun Instituto de Crédito Galego por ser unha proposta con tintes soberanistas. Fiquei sorprendida, non tanto polo ton despectivo cando pronunciaba tales palabras, -a todo se fai o ser humano-, como por sobrevoar sobre as dificultades de Galiza nun momento tan crítico como este.
Nesta primavera empresas como, T-Solar, Caramelo, Pórtico, Gamesa, Unísono, Darty son só algún dos exemplos máis significativos. Un pouco máis no borde e cos pes xa case fora está Pescanova
Coas caixas de aforro eliminadas, o banco resultante buscando epitafio para a súa próxima defunción e as empresas galegas ao borde dun abismo, sorprende esa actitude de espectadora ou comentarista que adopta a dereita galega. Nesta primavera empresas como, T-Solar, Caramelo, Pórtico, Gamesa, Unísono, Darty son só algún dos exemplos máis significativos. Un pouco máis no borde e cos pes xa case fora está Pescanova, co que iso repercute na nosa economía a todos os niveis. Por moito que botemos as mans á cabeza, o certo é que o sistema financeiro galego despareceu como un anaco de sucre nun vaso de leite quente, deixando na desesperación a miles de persoas ás que lles roubaron os seus aforros de toda unha vida e deixando completamente abandonado o tecido industrial. A situación é tan crítica que sorprende a falta de propostas. Ou se cadra é unha parte máis da estratexia.
Nesta ofensiva neoliberal líbranse varias batallas ou guerras ao mesmo tempo. Unha é clara, a dos dereitos das persoas fronte os intereses dos lobbies financeiros. Para tal fin a demonización do sector público chegou a tal extremo que a propia esquerda ten que quitarse os prexuízos adquiridos nas últimas décadas e poñer os miolos a inventar novas estratexias políticas e económicas para os ideais de redistribución e xustiza que defende. Hai outras loitas máis agochadas. A da recentralización do estado é un claro exemplo. Non podemos obviar que a lexislación e o discurso político da dereita -coa conivencia de parte da esquerda- nos últimos anos trazou un camiño cunha única dirección: Madrid. A volta das mulleres ao rol tradicional de nais ou a eliminación da preocupación medioambiental son pezas necesarias para o puzzle global.
O certo é que a ofensiva é total, mais cada pobo a vive e a padece de xeito moi distinto. En Galiza a destrución do tecido industrial é dunha magnitude tan descomunal que cando voltemos a vista atrás non recoñeceremos o país. Nin é alarmismo nin visión apocalíptica. Collamos as hemerotecas ou percorramos as nosas rúas. Empresas que pechan ou comercios que desaparecen son o balance destes anos de austeridade e centralización.
Se Galiza perde máis que ninguén nesta crise, por que as opcións económicas autocentradas non se poñen en valor?
As preguntas máis simples son de urxente contestación. Se a Banca privada responde a uns intereses claramente destrutores da vida das persoas, por que non voltar a cabeza cara outras posibilidades? Se Galiza perde máis que ninguén nesta crise, por que as opcións económicas autocentradas non se poñen en valor? Un instrumento de crédito público galego é absolutamente necesario para poder salvar algo deste naufraxio. Necesitamos motores que nos impulsen e considero que este é un deles. Que a Soberanía é iso? Pois si.