Sobre a lóxica. Un anuncio doutro tempo

Restos do hospital Gandhi de Teherán, bombardeado nos ataques de EUA e Israel CC-BY-SA Tasnim News Agency

Primeiro esmágase Irán, e logo compárase coa foto que se pretendía ter ó final. E non, non coincide o aspecto do país co que se pretendía dun estado ós pés do atacante co seu petróleo (o iraní) no seu depósito (estadounidense), o seu uranio (iraní) nas súas bombas ou centrais (estadounidenses), co seu estreito (compartido entre Irán e Omán) nas súas mans (estadounidenses)

A finais da década pasada facíame sorrir cada pase que contemplaba dun anuncio de televisión. Consistía en amosar como un coche que non din identificado era sucesivamente golpeado e esmagado por un elefante ata que un individuo con aspecto de indio, supoño que para xuntalo mentalmente co elefante e a cultura mística india, o comparaba cunha foto dun coche europeo (non lembro cal, pero si lembro que era francés) e lle daba o visto bo. O anuncio, para min, era un fracaso que me facía sorrir.

Nun primeiro momento, parecíame que reducía o coche ó deseño, descartando a mecánica ou a comodidade como algo prescindible. Mais coa repetición de visionados, fun algo máis aló: o esnaquizar un aparello para convertelo no que non é non deixa de ser unha perda de recursos, a máis de reducir as súas posibilidades (o que o converte nunha especie de antianuncio), e mesmo un desacreditar a reparación de obxectos polos propios medios. Pódese afondar no dito, pero as consecuencias indican que basicamente poderíase tomar por un anuncio que se volve anticapitalista, contra as premisas que manteñen o sistema que fai posible o anuncio.

O anuncio veume á cabeza pola actuación estadounidense (non norteamericana) no estreito de Ormuz. De Hormuz, como escriben eles. Estadounidense, porque Trump é quen ordena, mais as forzas son de todos, dende Hawaii no oeste a Florida no surleste e Maine no norleste, e foi o sistema que teñen e os seus votos quen puxeron a Trump no lugar que ocupa e coas prerrogativas que ten hoxe. Naturalmente, haberá quen poda dicir que non quere a Trump nin ó sistema, pero o caso é que é de todos eles, para mal ou para ben. O seu compañeiro de ataque, israelí, non merece mellores verbas. O caso é que primeiro esmágase Irán, e logo compárase coa foto que se pretendía ter ó final. E non, non coincide o aspecto do país co que se pretendía dun estado ós pés do atacante co seu petróleo (o iraní) no seu depósito (estadounidense), o seu uranio (iraní) nas súas bombas ou centrais (estadounidenses), co seu estreito (compartido entre Irán e Omán) nas súas mans (estadounidenses). 

O efecto, por moito que se lle dea propaganda, é iso: un esnaquizamento do inimigo que amosa a tolemia do atacante, que mantén nas mans un deseño que só un tolo tentaría homologar con algo parello á realidade

Sen máis liberdade que antes (tanto na ditadura teocrática iraní como no que corresponda ós EEUU). Polo medio, os bombardeos que comezaron esnaquizando unha escola de nenas, a modo de elefante ‘moldeando’ o coche do anuncio, e as pequenas esquirlas que saltaron sexa en Israel, nas bases norteamericans en Oriente Medio ou nos barcos indefensos (e indefendibles) amoreados en Ormuz. E o efecto, por moito que se lle dea propaganda, é iso: un esnaquizamento do inimigo que amosa a tolemia do atacante, que mantén nas mans un deseño que só un tolo tentaría homologar con algo parello á realidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.