Sobre Zapatero, os compromisos e a amizade (2)

Xa que este texto en entregas é unha visión particular, debería ofrecer algunha reflexión sobre a miña relación coa política; non querendo nunca ser un político a política afectou toda a miña vida condicionándoa, pero non creo que iso lles interese aos lectores desta sección. Con todo foi desde esa posición ambivalente que me interesou a figura de Zapatero. Non abonda a explicación que xa dei de que a segunda lexislatura de Aznar puxo en perigo a democracia mesma e era unha obriga apoiar un cambio, vin algo naquel home novo que o facía substancialmente distinto dos políticos españois en xeral e dos socialistas en concreto.

Non abonda a explicación que xa dei de que a segunda lexislatura de Aznar puxo en perigo a democracia mesma e era unha obriga apoiar un cambio, vin algo naquel home novo que o facía substancialmente distinto dos políticos españois en xeral e dos socialistas en concreto

A APARICIÓN DO PSOE. Máis aló dos libros de historia que trataban do primeiro terzo do século XX, lembro a primeira vez que oín falar da existencia do PSOE. Debeu de ser en 1975, un catedrático de Economía, Francisco Bustelo chegara a Santiago e sondaba como crear en Galicia ese partido. Bustelo era unha figura respectable e aquel pequeno grupo inicial presentouse coa humildade que correspondía aos recentemente chegados. Por outra banda aquelas siglas tiñan algún tipo de atractivo, remitían a unha época e unha cultura republicana que era fácil idealizar pois era completamente descoñecida naquela sociedade troquelada por curas e militares; tampouco o antifranquismo contiña unha cultura cívica pois estaba naturalmente empapada de cuartel e sancristía. Pero tras a morte de Franco aquel embrión transformouse, inchou e inchou.

Sen ese contexto histórico non se comprende o lugar que ocuparon González e Guerra nas décadas seguintes nin se comprende ao partido que recrearon

A experiencia revolucionaria de Portugal por aqueles anos, a Revoluçao dous Cravos, foi definitiva para que EE.UU. apoiase a Internacional Socialista en Europa co fin de anular os partidos comunistas: chegaron os marcos alemáns e todo tipo de apoios tácticos e fácticos e o PSOE varreu a toda a esquerda antifranquista. Sen ese contexto histórico non se comprende o lugar que ocuparon González e Guerra nas décadas seguintes nin se comprende ao partido que recrearon, unha organización cun programa de reformas sociais pero nacida e preparada para administrar o estado dentro de estruturas internacionais dadas. O idealismo sincero de militantes foi quedando á marxe e aínda esmagado polos profesionais da política, coa inevitable carga de cinismo que iso leva.

O PSOE EN GALICIA. Pero as miñas reticencias non só se fundamentan nunha apreciación xeral sobre ese partido en España senón, dun modo moi concreto, á súa relación con Galicia e que se concretan en dúas decisións absolutamente prexudiciais e tamén significativas. Recordo a presentadora de TVE (a única emisora entón) informando dos beneficios que levaría para os españois o tratado de adhesión a Europa que negociara o goberno de González. Foi relatando as vantaxes para as producións dun territorio tras outro e pechou a relación referíndose a Galicia, creo que estas foron as súas palabras exactas: “en Galicia terán máis facilidade para desprazarse”. Efectivamente todos os sectores produtivos galegos foran esquecidos e ofrecíannos facilidades para seguir emigrando, aínda que a maleta corría pola nosa conta. Hai recordos que non se poden nin deben esquecer.

E a outra decisión estratéxica foi manter Galicia como un interesado feudo da dereita. Diso encargouse un incrible fenómeno político chamado Francisco, Paco, Vázquez. Calquera antifranquista galego recoñecía nel sen dubidar a un franquista galego. Un personaxe que reunía todos os ingredientes do franquismo político: a corrupción urbanística, o nacional-catolicismo do Opus e o nacionalismo españolista de Falanxe. Vázquez, levantado por un lobby de intereses locais mantivo completamente anulada a organización da que era secretario, o PSdeG, de modo que Fraga puido reinar e modelar a sociedade. O seu pacto con Fraga chegou ao extremo de facer campaña a favor deste en contra do candidato do seu propio partido. Non se comprende tal disparate se non é porque a González, en Madrid, interesáballe ter dividido o PP, sabendo que Fraga seguiría desde Galicia intervindo na política estatal e mantería debilitado así o liderado dun Aznar recentemente chegado. Galicia foi a moeda de cambio para frear o avance estatal do PP. 

Só salvaría a etapa de Pérez Touriño como secretario, pois esforzouse por empezar a asumir as responsabilidades debidas do partido coa sociedade galega

Só salvaría a etapa de Pérez Touriño como secretario, pois esforzouse por empezar a asumir as responsabilidades debidas do partido coa sociedade galega. Con estas experiencias compréndese que non esperase nada particularmente bo dun dirixente socialista e que Zapatero me resultase unha verdadeira sorpresa.

UN INESPERADO. A chegada de Zapatero á secretaría fronte ás opcións que eran máis previsibles e que se mostraban as máis razoables foi unha sorpresa, o PSOE era un partido sen fe en si mesmo e sen esperanza en ninguén, e de aí xurdiu un personaxe practicamente descoñecido e inesperado. Zapatero, sen deixar de ser un profesional da política e sen pretender romper os marcos establecidos, era distinto; recordo que ao coñecelo dixen para min que era un verdadeiro espectáculo humano, recoñecín nel o ímpeto dun mozo. Non era un revolucionario pero entendía tamén a práctica política dun modo radical, verdadeiramente cría na política como un instrumento para cambiar as vidas. Había nel algo de perigo, de aventura, supoño que foi iso o que me sorprendeu. E creo que iso o percibiron todas as persoas que o coñeceron nese momento no que el, tras anos incubándose a si mesmo, se manifestou: era un animal novo e perigoso. Non pretendía romper o cercado en que se desenvolvía o política pero o seu ímpeto facía que se achegase perigosamente aos límites, era un animal político por domar. Ese perigo xuvenil fai que algunhas persoas se sentan atraídas e outras, dentro e fóra do seu partido, receen e sexan hostís. Si, Zapatero era un inesperado na política española. E tamén un intruso.

Non pretendía romper o cercado en que se desenvolvía o política pero o seu ímpeto facía que se achegase perigosamente aos límites, era un animal político por domar

UN INTRUSO MESMO NO seu PROPIO PARTIDO. Mantívose nunha certa penumbra observando e aprendendo, ocupara responsabilidades de segundo grao e non pertencía ao círculo dos sinalados ou protexidos por G e G. Pero o que o facía distinto non era tanto o que dixo cando se presentou ante o partido senón a cultura política que se percibía cando un falaba con el. A súa cultura política era distinta á da xeración anterior e que se vía propietaria do partido, pois efectivamente refundárano.

O que o facía distinto non era tanto o que dixo cando se presentou ante o partido senón a cultura política que se percibía cando un falaba con el. A súa cultura política era distinta á da xeración anterior e que se vía propietaria do partido, pois efectivamente refundárano

Creo que parte da autoconfianza, tan característica de Zapatero, nacía de crer que el podía expresar o modo de ver as cousas dunha nova xeración que xa non fora educada pola ditadura e crecera sen medo e crendo realmente na democracia. Unha xeración que non interiorizara o medo, que non crecera nunha sociedade ríxida, xerárquica e burocrática, onde homes e mulleres vivían en espazos segregados, onde a 'hombría' adquiríase a través de ritos de iniciación brutais como o servizo militar, unha humillante descarga de violencia machista e nacionalismo, onde non existía o dereito á discrepancia nin tampouco á diferenza... Os cambios económicos e sociais das décadas anteriores, facilitados pola xeración anterior de dirixentes socialistas, crearan unha nova cultura social e Zapatero tomara boa nota dunha máxima que repetía González, “os cambios sempre son xeracionais”.

OUTRA CULTURA POLÍTICA E OUTRO LIDERADO. Ese cambio de cultura política manifestaríase politicamente máis tarde cando alcanzase o Goberno, pero entón xa se percibía no seu trato persoal e no seu modo de liderar, un modo diferente que desconcertou totalmente os cadros do partido formados nas décadas anteriores.

Fronte ao estilo de G e G, baseado en establecer fratrías, entendementos e complicidades, Zapatero levantou a súa poder político nunha relación primeiro co seu partido e logo coa sociedade baseada nun diálogo persoal

O seu estilo de liderado naceu tanto das súas experiencias xeracionais como da súa personalidade tan peculiar. Zapatero é un individuo irremediablemente individualista, un solitario. Fronte ao estilo de G e G, baseado en establecer fratrías, entendementos e complicidades, Zapatero levantou a súa poder político nunha relación primeiro co seu partido e logo coa sociedade baseada nun diálogo persoal. Todo líder é forzosamente personalista, no seu caso iso evidenciábase máis, pois non sabía ocultalo. Cando falaba no Parlamento facía un razoamento concreto e cando se dirixía á cidadanía faláballe a cada persoa individualmente, moitas persoas que antes votaran ou non a G e G e non crían na sinceridade completa das súas palabras e as súas posicións, sobreentendían a astucia política, en cambio si confiaron na sinceridade de Zapatero.

TRATOUSE DUN LAZO PERSOAL. Creo que ese pacto e ese lazo, que saltaba por riba do partido, entre el e as persoas que o votaron é o que explica a dor que expresaron logo moitas persoas decepcionadas pola súa actuación política no seu últimos tres anos de goberno. A rabia que manifestaron moitas destas persoas estes anos é significativa da profundidade daquela relación, houbo un desengano persoal. Non se trataba de decepción coa política, senón de verdadeiros sentimentos de desengano, algo difícil de reparar. Creo que aínda que Zapatero o tente só o tempo permitirá que esas persoas o comprendan e o perdoen. Naturalmente non me refiro a outras persoas que sen entregarlle nunca a súa confianza o insultan, esa é outra historia da que tratarei máis adiante.

A rabia que manifestaron moitas destas persoas estes anos é significativa da profundidade daquela relación, houbo un desengano persoal. Non se trataba de decepción coa política, senón de verdadeiros sentimentos de desengano, algo difícil de reparar

Aquel político carismático conseguiu durante uns anos que o cinismo predominante na política española cedese o campo a unha confianza e unha esperanza en que a política podía ser doutra forma, que a política podía ser moralizadora e educadora da cidadanía. A crise triturou ese momento político pero antes de chegar a ese fracaso permítanme algunha outra consideración sobre o liderado de Zapatero.

ZAPATERO e a súa RELACIÓN CO PARTIDO. A idea dominante, sobre todo entre a xente ilustrada e de esquerdas, é de que existe o sistema. En certo xeito é verdade, pero iso non elimina a consideración de que existen as persoas e de que tanto a economía como a política é realizada por individuos, autores. Os logros de Zapatero naceron da mesma enerxía que lle creou obstáculos, do seu mesianismo. Todo liderado forte ten un compoñente mesiánico maior ou menor, sen dúbida el cría ser unha figura necesaria para transformar España para mellor, a iso referíame a semana pasada cando aludía ao seu nacionalismo rexeneracionista. O propósito de cambiar o existente, a confianza en si mesmo e o modo radical en que entendía a política levouno a pretender recrear tamén o Partido Socialista. Desde o aparello expresáronse os temores da xeración anterior e criticóuselle que pretendese xubilalos, aínda que toda substitución na dirección dunha organización supón a chegada duns e o apartamento doutros, en conxunto paréceme que foi unha crítica inxusta, pois Zapatero tivo gran interese, poida que demasiado, en soldar as xeracións e non fracturar o partido. Con todo, o contido político do seu propio liderado esixía inevitablemente unha substitución política e humana e iso só podería acabar en vitoria ou en derrota.

A relación que Zapatero mantivo até o final co seu partido foi complexa e difícil de desentrañar para todos, mesmo para o grupo de mozos dirixentes que o levantou e que se sentiu decepcionado cun dirixente que veneraba tanto ao partido como institución e a súa historia e que aos poucos ía cedendo terreo ás súas inercias. As súas referencias políticas buscábaas na propia historia do partido e aínda que sempre se manifestou respectuoso e devoto da figura de González, con todo o certo é que non só rompeu co seu estilo senón tamén con algúns lazos.

A RELACIÓN CON PRISA. Un, que lle acabou resultando moi custoso, foi a relación ou o entendemento entre o PSOE e o grupo Prisa. Creo que está sen historiar con ecuanimidade o papel dese grupo de comunicación como verdadeiro intelectual colectivo desa época histórica que vai da morte de Franco até aquí e que bastantes consideramos xa pechada e, en xeral, do papel dos medios de comunicación españois, fundamentalmente madrileños, como parte do poder político. Poderíase resumir en que o PSOE lle cedeu ao grupo, principalmente a El País, o papel de educador ideolóxico da sociedade española e que a hexemonía política do partido argumentábase e alimentábase das ideas e tendencias que irradiaba o xornal.

O caso é que Zapatero percibiu que sería imposible conservar esa relación sen ceder o seu liderado e sen perder a independencia do partido e distanciouse, ou rompeu a tutela intelectual, de Prisa

O caso é que Zapatero percibiu que sería imposible conservar esa relación sen ceder o seu liderado e sen perder a independencia do partido e distanciouse, ou rompeu a tutela intelectual, de Prisa. Creo que os militantes, se tiñan constancia diso como creo que a tiñan, deberían sentirse orgullosos desa defensa da súa soberanía, con todo pesoulles a preocupación polas consecuencias negativas que tería ese distanciamento, os custos.

ZAPATERO NA CORTE. A distancia e os receos con Prisa cambiaron unha pauta moi importante no espazo da opinión progresista e da cultura establecida. Eses receos estendéronse tamén a toda unha xeración intelectual que non mostrara antes distancia nin hostilidade co partido de González e que reaccionou con certa violencia intelectual contra Zapatero.

Desde a distancia, resúltame difícil explicar completamente esa actitude, creo que fundamentalmente nace desa personalidade individualista e solitaria do propio Zapatero, non fixo os suficientes xestos de recoñecemento desa intelectualidade establecida. Con anterioridade a ser elixido secretario do partido Zapatero era un deputado envorcado no traballo político que facía en Madrid unha vida social mínima e que viaxaba de volta a León en canto o traballo parlamentario o permitía. Zapatero puxo énfase en conservar a súa vida persoal e familiar, en parte pola súa propia natureza e lazos persoais e en parte porque entendía as relacións políticas dun modo práctico e formal. Creo que só lle impediu establecer unhas relacións que nunha cidade que é Corte, como Madrid, son fundamentais. De novo o aspecto persoal da política. O meu coñecemento é pouco pero a miña impresión é que nos distintos ámbitos de poder madrileño, sexan políticos, económicos, mediáticos, culturais, reina unha cultura baseada non no diálogo, o trato e o pacto senón nos entendementos e complicidades. E todo iso nace do rozamento constante. Zapatero foi esquivo para ese tipo de relacións constantes e permaneceu illado humanamente.

'Trolls' que axudaron a forxar unha pinza coa dereita para atacar as medidas políticas que iniciou Zapatero e que primeiro sorprenderon pero logo atoparon agres resistencias

DE 'TROLLS'. En certo xeito as resistencias que atopou como gobernante eran as da España tradicional, as mesmas resistencias de esquerdas ou de dereitas que enfrontou a II República. Hoxe adoitamos referirnos a aquela República fracasada e á figura de Azaña do modo en que se tratan os mitos, sen pararnos a analizar e sen aceptar as súas continxencias. A España daquel entón era unha nación só posible pola forza e un estado imposible, non sabemos como evolucionaría se non triunfase o golpe de estado dos militares nacionalistas. Noutros estados europeos dábanse naquel entón tensións semellantes, pero houbo un factor particular que interveu e que lle creou enormes perturbacións á República: a cultura de guerra-civilismo. Unha tradición cultural que se mantén hoxe, que nace da falta de cultura cívica e que a nega. Igual que entón, a dereita española é nacionalista, incriblemente clasista, inculta, autoritaria e rancia pero noutros sectores que non se corresponden exactamente con ela domina tamén o autoritarismo, o nacionalismo, a incapacidade de escoitar e dialogar co diferente, a falta de respecto ao outro e o instinto aniquilador do contrario. Tanto Azaña como os partidarios da República en xeral cometeron fallos clamorosos, merecían críticas pero tamén respecto e comprensión. Con todo, tanto a República entón como a vida pública ou os medios de comunicación agora están cheos de 'trolls'. 'Trolls' que axudaron a forxar unha pinza coa dereita para atacar as medidas políticas que iniciou Zapatero e que primeiro sorprenderon pero logo atoparon agres resistencias.

RESISTENCIAS. Houbo resistencias que ironizaban sobre a paridade das mulleres, que se burlaban das mulleres ministras. Naturalmente que houbo ministras máis ou menos incapaces para o cargo, igual que outros compañeiros seus, pero ninguén se burlou en cambio de 'os Aídos' ou 'os Pajines'. A ranciedade xeracional incapaz de verse ao espello e de aprender algo novo.

Pero houbo unhas resistencias enormes que vexo que agora ninguén lembra. Pero ninguén lembra aquelas manifestacións de centos de miles de persoas coas súas bandeiras clamando contra quen vendía a España, traizoaba as vítimas de ETA, liquidaba a familia, mataba os nenos, reabría as tumbas e reavivaba o odio fratricida? Foi un carrusel vermello e gualda continuo apoiado por potentes medios de comunicación e polas estruturas da igrexa católica española e que dividiu, como pretendía, a sociedade. E iso estivo axudado por un matonismo intelectual dunha nova dereita rica, toda esa violencia intelectual pretendía atemorizar e evitar que o seu goberno tivese apoios. Realmente alguén cre que toda esa oposición non é algo a ter en conta cando se goberna?

UN CERTO AIRE CON SUÁREZ. Como xa escribín nesta sección, creo que Zapatero supuxo o fin das posibilidades deste sistema político, tentou actualizalo e adaptalo ás transformacións habidas na sociedade española no últimos trinta e cinco anos. Vemos que non o conseguiu. Pero tentouno. Se queremos referirnos con ecuanimidade ao seu intento deberiamos pararnos un momento a facer reconto das ignominias destes dous anos de Rajoy en que, comezando polo seu inicial asalto a unha TVE que ofrecía un servizo profesional, procedeu ao desmonte total da democracia e ao saqueo final dos servizos públicos. E quen queira ser xusto debería quedar un minuto en suspenso e considerar o seguinte: todas as cabeceiras de prensa existentes chamadas 'nacionais' pediron no seu día reiteradamente que dimitise. Sabe alguén dalgunha desas cabeceiras de prensa que pedise a dimisión de Rajoy? E se fixeron o anterior e agora non o fan é porque se trataba xustamente diso, de que chegase Rajoy. Ese é o único segredo daquel ambiente de hostilidade abafadora desde todas partes e no que acabaron caendo moitas persoas atafegadas e  decepcionadas.

Fracasou, claro que si, toda aventura acaba en fracaso. Aquel poldro novo foi atopando os seus límites e poida que fose finalmente domado

O final da súa etapa política lembroume en parte á figura de Suárez, en soidade, abandonado polo seu partido, deostado e recibindo ataques desde todos os lados. Como el, Zapatero era un intruso insolente e molestou.

Fracasou, claro que si, toda aventura acaba en fracaso. Aquel poldro novo foi atopando os seus límites e poida que fose finalmente domado. Pero non quero cansar, permitan que fale do seu fracaso, que foron tres derrotas, a semana próxima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.