Sobreviventes

Vivimos nunha sociedade patriarcal onde as mulleres, todas nós, polo feito de sérmolo, padecemos numerosas discriminacións, dende a infancia na familia até a contorna profesional ou a relación de parella e as responsabilidades de crianza e coidado das demais. Non denomino a esa inxusta discriminación, violencia de xénero. E non o fago porque creo que é de grandísima importancia identificar cun nome propio e distintivo a situación que padecen un importante número de mulleres, dentro dunha relación de parella heterosexual, de diferente duración e intensidade, que chega a poñer en perigo a súa integridade física e conculca os seus dereitos como cidadás. Por esta gravísima situación pasan ao longo da súa vida moitas mulleres (calquera que fora o seu número serían demasiadas), pero non todas, do mesmo xeito que non se produce en todas as relacións heterosexuais. Esa gravísima situación é o que eu denomino violencia de xénero.

Non denomino a esa inxusta discriminación, violencia de xénero. E non o fago porque creo que é de grandísima importancia identificar cun nome propio e distintivo a situación que padecen un importante número de mulleres

O que teñen en común as persoas que a padecen é que son mulleres. Iso non permite concluír que calquera muller pode ser vítima da violencia de xénero e moito menos que todas as mulleres o somos. De ser así, sería unha cuestión de azar que che tocara ou non vivir esa experiencia, querería dicir que a prevención é inútil, que o que leva a unha muller a pasar por esa situación está fora dela e do seu control e por tanto é inevitable. É esa a mensaxe que queremos transmitir? É esa a realidade?

A submisión da esposa tan gabada polas relixións, a media laranxa polas comedias románticas, o sen ti non son nada das cancións populares... alimentan a disposición a aguantar das mulleres

Quédanos moito que traballar para identificar os camiños que levan á violencia de xénero. Algúns deles: a submisión da esposa tan gabada polas relixións, a media laranxa polas comedias románticas, o sen ti non son nada das cancións populares... alimentan a disposición a aguantar das mulleres, xunto coa falta de recursos económicos, o medo a perder a custodia das criaturas ou a non ser quen de sacalas adiante. Outros: a construción dunha masculinidade baseada no dominio e a falta de recursos persoais para afrontar a frustración, unha sociedade que non promove a resolución pacífica dos conflitos... Identificar as múltiples e moi diversas causas, debe colaborar no cambio dos roles de xénero na socialización das criaturas, para construír relacións de bos tratos dende a autonomía e o respecto. Para que este traballo de prevención sexa efectivo non podemos deixarnos levar polos prexuizos ou pensar que un problema de tal complexidade e raíces tan fondas ten unha solución simple.

As que temos xa unha certa idade percibimos o que temos avanzado como sociedade na sensibilización sobre a violencia machista. Malia o contradiscurso de parte da dereita e dalgún estamento relixioso, a conduta do maltratador é hoxe socialmente repudiada. Tamén, salvo excepcións, tense mellorado a actuación dos medios de comunicación e das forzas de seguridade que interveñen nos casos concretos. Porén, os estudos de actitudes da mocidade que se veñen de facer públicos mostran, por unha banda, a fraxilidade destes logros, e por outra as novas canles de exercicio da violencia e os novos discursos que a xustifican entre a xente nova. E mentres, todos os recursos que benintencionadamente se poñen en marcha: penais, de seguridade, económicos... móstransenos insuficientes para atallar ou mellorar a situación.

Os estudos de actitudes da mocidade que se veñen de facer públicos mostran, por unha banda, a fraxilidade destes logros, e por outra as novas canles de exercicio da violencia e os novos discursos que a xustifican entre a xente nova

Porque no presente, aquí e agora, están as mulleres que padecen violencia de xénero. Seguramente moitas delas saben que están ante unha situación que deben cambiar, séntense vulnerables e teñen medo a tomar unha decisión que non ten marcha atrás e que supón o recoñecemento público dun fracaso, o fin dun soño convertido en pesadelo. Ás veces só o perigo físico para as súas criaturas ou familiares empúxaas a actuar e a asumir as consecuencias da ruptura. Son elas as que deberán tomar a decisión, poñer un límite, reaccionar.

E que podemos facer nós? Nós a sociedade? Nós as administracións? nos as feministas? Podemos acompañar. Podemos informar, protexer, proporcionar recursos de todo tipo que fagan máis doada e curta a travesía do deserto que inician para reconstruírse. Autonomía, autoestima, identidade. Cada muller asasinada, cada muller que volve co maltratador, cada unha das que non se deciden, enfróntannos a un noso fracaso. Identificámonos con elas, co seu dolor, pero non somos elas, non podemos tomar a súa decisión por elas.

As historias reais de superación, das mulleres que evitaron, que se libraron, que se enfrontaron, que romperon e reconstruíron a súa vida, están ocultas no relato sobre a violencia de xénero

A posta en valor da condición de sobreviventes, da capacidade de sobrepoñernos ás dificultades da vida; as historias reais de superación, das mulleres que evitaron, que se libraron, que se enfrontaron, que romperon e reconstruíron a súa vida, están ocultas no relato sobre a violencia de xénero, totalmente copado polo drama. O drama é real: 700 mulleres asasinadas en 10 anos polo home que xurou amalas, remata calquera controversia sobre a magnitude do drama. Mais concentrarnos só na imaxe das mortas, só na condición de vítimas desas mulleres, oculta o valor dos milleiros de sobreviventes, o exemplo de vida que nos dan, os recursos tan diversos que mobilizaron para superar a súa situación, e fai, creo eu, fraco favor a todas. 

As responsables do deseño das políticas públicas contra a violencia de xénero deberían tamén ollar ás sobreviventes e poñer o acento en procurar ás mulleres recursos útiles para saíren da violencia de xénero e para evitar que moitas cheguen a padecela. Usar o seu exemplo para mellorar a utilidade dos recursos públicos de todo tipo, en lugar de porfiar en liñas de traballo ineficaces, que promoven a excesiva tutela e vitimización que non protección ou autonomía, que potencian a vinganza e o resentimento máis que a recuperación e a restitución.

As sobreviventes mostran o camiño de éxito da loita contra a violencia de xénero. Foron vítimas pero xa non o son, porque a condición de vítima é temporal

As sobreviventes mostran o camiño de éxito da loita contra a violencia de xénero. Foron vítimas pero xa non o son, porque a condición de vítima é temporal e circunstancial, supérase, resólvese, elas son o exemplo. Non deberían ser tamén protagonistas este 25N? Non deberían selo o resto do ano?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.