Social media, probando

Xa van sendo uns aniños de traballar na rede e unha comeza a estar cansa dunhas cantas expresións ás que se atribúe tanto poder, que parece que o simple feito de mencionalas dota de profundidade a reflexión máis superficial. Certamente, vou cansa de ver unha e outra vez os mesmos refritos de regras, decálogos ou tips para triunfar nos social media; uns redúcense a un feixe de frases e outros ocupan libros enteiros, mais as propostas son exactamente as mesmas.

Vou cansa de ver unha e outra vez os mesmos refritos de regras, decálogos ou tips para triunfar nos social media

Non estou en contra das ideas, enunciadas hai anos pola netiqueta, que non deixan de ser, á súa vez, as normas máis básicas de conduta aplicábeis en termos xerais a calquera sociedade. Estou en contra de que unha e outra vez mas presenten como algo novo, como a verdade revelada a un iluminado de medio pelo. Ai, non, que iluminado e medio pelo son termos contraditorios. Vexamos un de tantos exemplos:

1. Aplica o sentido común.

2. Se respectuoso.

3. Non fales cando non che toca.

4. Respecta  o contido confidencial.

5. Respecta o copyright.

6. Se transparente.

7. Se humana en primeiro lugar.

8. Escoita antes de falar.

9. Véndete ben.

10. Mantente centrado nun obxectivo que favoreza a túa marca e a comunidade ao mesmo tempo.

Estas ideas, administradas nesta ocasión en dez puntos bastante reiterativos, poden resumirse naquel riquiño Don't be evil que xa non cumpren nin os seus propios promotores

Estas ideas, administradas nesta ocasión en dez puntos bastante reiterativos, poden resumirse naquel riquiño Don't be evil que xa non cumpren nin os seus propios promotores, e que pasou a actualizarse no de fai o que eu digo, non o que eu fago ou, o que é o mesmo, a dualidade mundo real vs. mundo virtual non existe, para o xéreno humano só existe un mundo no que se dan todo tipo de comportamentos.

Como era fácil prever, as accións de Facebook viron reducido o seu valor nos primeiros días desde a súa saída a bolsa e nada parece indicar que esta tendencia se vaia inverter. Que o equipo de Zuckerberg teña conseguido ofrecer unha serie de ferramentas de comunicación que leva tentado máis de 900 millóns de persoas, unhas máis conscientes que outras do seu prezo, é unha cousa. Que Facebook chegue a ser quen de xerar cartos por cada un dos seus usuarios será outra ben distinta. Mais que a publicidade de Facebook sexa un modelo de transparencia non é nin de lonxe un dos seus obxectivos empresariais.

Como era fácil prever, as accións de Facebook viron reducido o seu valor nos primeiros días desde a súa saída a bolsa e nada parece indicar que esta tendencia se vaia inverter

De igual modo que as copias dixitais permiten usos compartidos que nunca será posíbel impedir, como moito criminalizar, os usuarios xa non estamos sometidos á obrigatoriedade de recibir mensaxes publicitarias coa mínima atención requirida para que poidan provocar un desembolso de diñeiro pola nosa parte, malia os feroces intentos das empresas propietarias das redes sociais como Facebook, de que continuamente vexamos información que de boa gana eliminariamos se nos permitisen unha verdadeira configuración personalizada. En efecto, polo momento Facebook non é quen de xerar diñeiro para as empresas anunciantes, que poderían iniciar unha retirada en bloque se o termómetro da bolsa non lle recoñece algún outro mérito convertíbel en ceros.

Polo momento Facebook non é quen de xerar diñeiro para as empresas anunciantes, que poderían iniciar unha retirada en bloque se o termómetro da bolsa non lle recoñece algún outro mérito convertíbel en ceros

Hai oito anos, cando traballaba nunha editora de libros de texto, cuestionei ao xefe de márketing o gasto que papel couché que se facía nos mailings. Entendín perfectamente que o retorno era case nulo, pero formaba parte da imaxe corporativa, un sinal de que a empresa tiña poderío, e non facelo sería enviar a mensaxe de que a editora podería estar en problemas. Creo que sucede algo similar coa publicidade de Facebook: non estar é unha chamada de atención que non ten por que ser positiva, mais de aí a que se poida concretar un retorno concreto, hai un longo camiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.