A través de titulares como “Soy culpable”, pretende apropiarse dun relato de honestidade única, mentres oculta que forma parte dun sistema corrupto e deseñado para que o poder quede nas mans duns poucos. O seu discurso tenta xustificar as súas accións como unha loita entre “autónomos” contra un “Estado opresor”, creando a falsa ilusión de que son as mesmas vítimas do sistema que queren perpetuar
Na Antiga Grecia, os sofistas ensinaban ás clases populares a defenderse nos xuízos das polis, democratizando o acceso á palabra e á vida pública, algo reservado para unhas poucas familias. Polas súas formas e falta de ética, Platón e outros filósofos considerábanos marrulleiros, xa que a súa retórica caía a miúdo na falacia. Porén, o que realmente lles molestaba era a ousadía de formar ao pobo, ofrecéndolle ferramentas para participar nun espazo que as elites querían manter pechado.
Hoxe, figuras como Alvise explotan esa mesma retórica, pero cun obxectivo moi diferente. A través de titulares como “Soy culpable”, pretende apropiarse dun relato de honestidade única, mentres oculta que forma parte dun sistema corrupto e deseñado para que o poder quede nas mans duns poucos. O seu discurso tenta xustificar as súas accións como unha loita entre “autónomos” contra un “Estado opresor”, creando a falsa ilusión de que son as mesmas vítimas do sistema que queren perpetuar.
O soberanismo galego enfróntase a unha situación similar. A manipulación dos discursos españolistas busca desprestixiar as nosas demandas, convertendo calquera erro nunha oportunidade para sementar dúbidas e caricaturizar o noso movemento. Aquí é onde unha formación en retórica sería fundamental, non para imitar eses discursos, senón para desmontalos de xeito eficaz dende o primeiro momento. Dotar ao noso pobo das ferramentas necesarias para recoñecer e contrarrestar estas trampas comunicativas faría que o soberanismo non só se defendese, senón que pasase á ofensiva con argumentos sólidos e un relato propio.
Cando nos acusen de ser insolidarios por querer unha fiscalidade propia, por non mudar ao castelán nunha aula chea de galegofalantes porque temos un convidado de Cuenca, por non querer máis eólicos no noso territorio, cando nos tilden, de paletos, necios e egoístas por querer rachar cunha España que nos nega como pobo, fagamos como Alvise e non dubidemos nunca en afirmar: “Si, soy culpable"
Non se trata de caer na falacia ou na manipulación, senón de empoderar ás clases populares para participar activamente no debate político sen ser vítimas destas estratexias. Unha retórica soberanista, clara e pedagóxica, que non só defenda os intereses galegos, senón que expóña as contradicións dun sistema inxusto e excluínte, capaz de mobilizar amplamente á sociedade galega para desarmar o discurso hexemónico españolista.
Mentres Alvise explota o seu ‘Soy culpable’ para perpetuar un sistema inxusto, o soberanismo galego ten o reto de responder cunha retórica transformadora. Unha retórica que non só desarme estas falacias, senón que empodere ao pobo galego e lle devolva o poder sobre o seu futuro.
Pois como nos ensinaron os sofistas, a clave está en democratizar o acceso á palabra, porque na palabra reside a verdadeira forza da transformación social. E por iso, cando nos acusen de ser insolidarios por querer unha fiscalidade propia, por non mudar ao castelán nunha aula chea de galegofalantes porque temos un convidado de Cuenca, por non querer máis eólicos no noso territorio, cando nos tilden, de paletos, necios e egoístas por querer rachar cunha España que nos nega como pobo, fagamos como Alvise e non dubidemos nunca en afirmar: “Si, soy culpable.”