Este martes foi un día grande, algo atípico nalgúns parlamentos. Concretamente no español e o francés. Na cámara gala aprobábase o matrimonio homosexual, unha gran guerra gañada e unha conquista fundamental na equiparación dos dereitos colectivos e individuais dunha gran parte da poboación francesa. A outra foi a sorpresiva admisión a trámite da iniciativa lexislativa popular en contra dos desafiuzamentos, asinada por case millón e medio de cidadáns, e unha das só tres admitidas a trámite en toda a historia da exigua democracia española. Os comportamentos e as reaccións nas cámaras galega e española son un síntoma do déficit de democracia que vivimos.
Os comportamentos e as reaccións nas cámaras galega e española son un síntoma do déficit de democracia que vivimos
O debate sobre a iniciativa producíase só dúas horas despois de que o presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, se reunise a porta pechada cos deputados, nunha sesión completamente secreta e illada do exterior, incomunicada, no que constitúe un exercicio de escurantismo e falta de democracia digno das peores ditaduras. O poder do diñeiro chegou á teoricamente chamada Casa de todos e campou como en casa de seu. Investido dun poder absoluto, o dirixente dunha das organizacións máis antidemocráticas do mundo, Draghi, díxonos que “sabía” o mal que o estaban a pasar os cidadáns (¡!). Como resalta o deputado Alberto Garzón (IU), “falounos coma se viñese de Marte”.
Logo decatámonos de que, segundo as súas propias declaracións, el non tiña ningún inconveniente en comparecer publicamente, pero para entón xa era tarde, os inhibidores de frecuencia torpedeaban calquera comunicación co exterior, e os ordenanzas afanábanse en cortar polo san calquera intento de saltarse a norma. O autor do secuestro do Parlamento este martes intenso tiña un nome, ou mellor dous: Jesús Posadas, o presidente do Congreso, último responsable desas medidas, e o seu partido, PP, quen lle dá as ordes non escritas.
Se hai algo do que o Partido (im)Popular alardea constantemente, mentres desmente continuamente coa práctica, facendo máis efectivo que nunca aquel refrán (“dime de que presumes e direi de que careces”), é de “democracia”
Se hai algo do que o Partido (im)Popular alardea constantemente, mentres desmente continuamente coa práctica, facendo máis efectivo que nunca aquel refrán (“dime de que presumes e direi de que careces”), é de “democracia”. Ata as seis da tarde todos pensabamos (mesmo a maioría deles atreveríame a aventurar) que as súas “señorías” ían votar a favor de admitir a debate a iniciativa lexislativa popular para declarar o toureo “ben de interese cultural” (e seguro aprobala), con pouco máis de medio millón de firmas, mentres tirarían á papeleira a outra ILP con que compartía axenda, a da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), con case millón e medio de sinaturas e o respaldo de polo menos o 90% da poboación segundo as enquisas (ese 99% que vive precariamente).
Xa a Lei en España é completamente antidemocrática e dun cinismo galopante: non hai ningunha norma que obrigue non xa a convocar un referendo popular, de resultados vinculantes, con 500.000 ou corenta millóns de firmas, non, como si sucede noutros países como Italia, onde o ano pasado se fixeron tres referendos; é que nin sequera obriga a debatela, algo que debería darse por suposto en calquera institución democrática que di ser representativa da vontade da cidadanía. Quizais a próxima iniciativa popular ten que ir nese sentido: que as iniciativas populares sirvan para algo.
No último momento, in extremis, e obrigado pola presión e mobilización cidadá que saturou os seus oídos e colapsou as súas contas de correo, o grupo parlamentario do PP botouse atrás, aínda que fora por mera estratexia de imaxe
No último momento, in extremis, e obrigado pola presión e mobilización cidadá que saturou os seus oídos e colapsou as súas contas de correo, o grupo parlamentario do PP botouse atrás, aínda que fora por mera estratexia de imaxe: era demasiado brutal o contraste entre os dous feitos, votar a favor de matar animais e en contra de evitar as mortes de máis persoas. A isto uníronse tres mortes no mesmo día, dun cidadán de Córdoba e unha parella de anciáns en Bizkaia. Onte tivemos que lamentar outra máis: a dun home de 55 anos en Alacante. O PP recorreu a unha escusa xurídica para dicir que de súpeto a apoiaba, e entón comezou un discurso triunfalista no que se apropiou do mérito da PAH e o contrapuxo á inacción dos anteriores gobernos “socialistas”.
Non é de estrañar que algúns representantes da PAH, á vez que manifestaban o seu xúbilo (“Si se pode!”), estoupasen de rabia e indignación e proferisen insultos máis que merecidos
Non é de estrañar que algúns representantes da PAH, á vez que manifestaban o seu xúbilo (“Si se pode!”), estoupasen de rabia e indignación e proferisen insultos máis que merecidos contra aqueles que hipocritamente se riron do traballo incansable de miles e miles de persoas e intentaron arrogarse este pequeno gran triunfo. Non, señorías do Partido (im)Popular, non son vostedes os que pararon os desafiuzamentos, nin os que van permitir a dación en pago: é grazas aos cidadáns que teñen e temos recollido firmas, cada un na medida das súas posibilidades, parado desafiuzamentos e acompañado á xente que sufría; grazas sobre todo aos que se deixaron a pel na loita, e aos que perderon algo máis, a vida, que agora se conseguiu nada máis e nada menos que introducir unha patiña no Congreso, xa todo un logro. Grazas a Stop Desafiuzamentos e Plataforma de Afectados pola Hipoteca, ao movemento 15M e a milleiros de cidadás e cidadáns anónimos. Xunto a esta ILP, era admitida a da tauromaquia; en total, tres iniciativas en toda a historia da democracia española. País de pandeireta.
Onte varios medios e propagandistas do sistema dedicáronse dende as súas tribunas privilexiadas a descualificar a reacción dos representantes desta plataforma, coma se houbese algunha diferenza entre eles e a sociedade que, indignada, estala ante o cinismo dos de arriba. Non, señoras e señores, o único insulto é o que significa o PP e toda a oligarquía a que representa: vostedes son un insulto á democracia e aos cidadáns. Eu, como dixo Ada Colau, tería ganas de tirarlles un zapato.
A isto temos que sumar un comportamento arbitrario e autoritario por desgraza cada vez máis frecuente entre os administradores das institucións, en mans do partido no poder. Ante a indignación razoable dos activistas e cidadáns que na grada asistían ao espectáculo “popular”, o presidente do Congreso, Jesús Posada, reaccionaba ao máis puro estilo Tejero, recordando coas súas palabras as daquel infausto día do mesmo mes de 1981: “expúlsenlos!”, “procedan a la expulsión, coño!!!” O mesmo que pouco antes forzaba o secuestro do Parlamento, convertido nun búnker para recibir a Mario Draghi, e reprochaba a Alberto Garzón que este lle achacase responsabilidades penais na consecución da crise-estafa, algo tan evidente: “Compórtese!”
Se a isto lle sumamos o comportamento da súa homóloga galega Pilar Rojo, impoñendo filtros á entrada de cidadáns á cámara en función de non se sabe moi ben cal criterio, intentando modular a indignación da rúa, ou censurando as expresións completamente lexítimas dos deputados; ou a actitude do seu segundo Santalices, que, foran ou non apropiadas as formas de certo deputado, se extralimitou e non consentiu que o humor, máis ou menos acertado, pero sempre válvula de escape, entrase na Cámara, cando non amonesta a actitude doutros deputados e ata el mesmo se dedica a realizar xestos obscenos e pouco apropiados dun representante público... concluiremos que os parlamentos se converten en campos de batalla cada vez máis enconados, no que o autoritarismo dos seus xestores, quen tiñan que aplacar a tensión, engade máis leña ao lume. Non se pode impedir a entrada dos cidadáns na que é a súa Casa por definición, non, señoras e señores do PP: se lles botan das súas casas, non se estrañen de que un día se cansen e entren a botarlles a vostedes a patadas da súa, a da cidadanía. A única que aínda lles pertence en teoría pero que vostedes teñen embargada na práctica. Non lles agredan, e entón non terán que temer a súa presenza.
A guerra aínda non rematou, a ILP entra na súa segunda fase e máis que probablemente sexa ignorada ou modificada totalmente ou en gran parte polo apisoadora da maioría absoluta do PP
A guerra aínda non rematou, a ILP entra na súa segunda fase e máis que probablemente sexa ignorada ou modificada totalmente ou en gran parte polo apisoadora da maioría absoluta do PP. Quixéronse apuntar un tanto dicindo que van examinar as propostas cidadás e incorporalas en parte ao texto da lei que se redacte, mais non temos ningunha certeza nin confianza en que o vaian facer. Tres cousas son as que se demandan, tres imprescindibles, por esta orde: paralización de todos os desafiuzamentos, dación en pago retroactiva e parque de vivendas de aluguer social. Mais o feito de que se gañe esta batalla é xa unha primeira vitoria: significa que a presión popular serve de algo, que si se pode.
Esta terá que seguir e seguirá coa mesma ou maior contundencia se queremos que o texto final da lei se pareza o máis posible ao da ILP. Como recorda a gran Ada Colau, son propostas de mínimos que non se poden esquivar, xa que os dereitos humanos son innegociables, e os mínimos gastos que poida ocasionar a dación en pago sempre serán máis asumibles que as cifras de diñeiro público incomparablemente maiores que se inxectaron nos bancos, sen ningunha contrapartida social. Se realmente queren facer crer á xente que isto é unha democracia, entón terán que demostrar que gobernan para as persoas, e non para os amos do diñeiro. Pero se non o fan, non sairán impunes.
A plataforma, das máis multitudinarias que existen no Estado, seguirá intensificando a presión sobre os parlamentarios e sinalando a quen se negue a apoiar a iniciativa, que non é máis que aceptar os dereitos humanos, universais e innegociables
A plataforma, das máis multitudinarias que existen no Estado, seguirá intensificando a presión sobre os parlamentarios e sinalando a quen se negue a apoiar a iniciativa, que non é máis que aceptar os dereitos humanos, universais e innegociables. Xa hai unha campaña que invito a seguir a todo o mundo que queira poñer o seu gran de area para acabar con esta inxustiza. Fagamos uso das nosas ferramentas de comunicación e instémoslles a que fagan o seu traballo. Publiquemos os nomes de quen non admite os dereitos dos demais, e as súas respostas. E o vindeiro sábado, asistamos en masa ás mobilizacións convocadas en todo o Estado. Os motivos xa os coñecemos, a razón xa a temos, a indignación sóbranos e desbórdanos: agora, actuemos. Porque si se pode.