Subalterno e precario

No principio foi Chano Piñeiro. Extemporáneo e alucinado, como só podía ser un artista. Teimudo na anomalía dunha expresión cinematográfica propia. Despois de Chano, veu o negocio. A idea dun campo cultural autónomo quedou muda baixo o estrondo publicitario: Galicia, plató cinematográfico. Absurdo. Todas as paisaxes e todas as terras son exclusivas e fermosas; todas acollen calquera trama, desde unha narración histórica ata unha alucinación futurista. Todas son calquera lugar de calquera tempo de calquera universo, platós cinematográficos en potencia. 

Nalgún lugar tiña que estar o truco discursivo. Dicir que Galicia é un plató era como non dicir nada, pois o obvio non ten valor diferencial. Só serve para acochar significados. Desviar toda opción creativa a armar sobre un lugar común unha arte construída coa maxia do aparente, en decorados e paisaxes polivalentes, é disolver a posibilidade da arte mesma. A industria nacía para crear mercadorías e non produtos socialmente necesarios. E para iso necesitábase subalterna.

Construír un campo audiovisual autónomo, coas nosas propias limitacións, poñendo en xogo os nosos talentos individuais e colectivos; as nosas bagaxes artísticas, culturais, literarias, plásticas; a nosa potencia narrativa común; a nosa capacidade para expresarnos, cada quen conforme ás súas necesidades e desexos e propostas estéticas, nun universo audiovisual multiforme, de case infindas expresións artísticas, normativas, culturais, lingüísticas, é moi difícil en condicións de dependencia e nunha sociedade capitalista. Sen dúbida. De aí a necesidade de intentar combinar o proxecto dun campo cultural autónomo co dunha industria intelixente que o acolla, o desenvolva e o protexa. Mais iso implicaría que houbese, amais dunha determinación colectiva forte, certo nivel importante de reinvestimento dos beneficios xerados, e non só en capital fixo. Non foi así.

A industria só quixo sobrevivir construíndo unha torre de fume que a duras penas terma do temporal da crise. Con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma (CRTVG e Consellería de Cultura, concretamente), o cal en si non só non é malo senón que probablemente é o desexable... coa condición de que os produtos abandonen a obsesión pola mercadoría e asuman un valor social non sempre calculable. Entón estariamos en condicións de debater, reflexionar e decidir en común criterios nese sentido e formas diversas de construír unha bagaxe rica de produtos audiovisuais e cinematográficos que desen conta de nós polo mundo adiante. E tamén entre nós mesmos, claro está.

Non foi así. O proxecto trazou un itinerario: investimento público para lucro privado no que só o lucro se converte na razón da actividade económica. Con todo o que iso implica, tamén en termos de explotación e condicións de traballo.

Desde que derivado o espazo creativo a esas coordenadas, a razón comercial pasa a reinar e converterse no criterio universal, aquel que, ademais, serve para unha hipotética normalización respecto a outros produtos doutros mercados. E iso implica todo o que imaxinamos e seguirmos vendo, case dúas décadas despois.

Ao contrario do que resultou, talvez se trataba, se queriamos un campo audiovisual propio, de construír un artefacto colectivo que nos permitise expresarnos no mundo como o que boamente intentamos e soñamos ser, de xerar un espazo de expresión cultural e artística autónomo, de non dependermos, de non someternos a ningún outro campo cultural nin a ningún mercado —participar do mercado non equivale a someterse a el—, de explorar camiños que xa andaran o campo literario ou o teatral... Tratábase talvez de garantir que non todo fose aquela obsesión por conquistar nicho de negocio privado ofrecendo ao mercado cinematográfico español este recuncho da península como zona de produción audiovisual de precariedade e baixo custo. Porque cando se dicía aquilo de Galicia, plató cinematográfico, o que se quería dicir era Galicia, zona de saldo para producir audiovisual español a baixo custo.

Podemos convencernos con propaganda autorreferencial, pero a realidade material tende a ser moi teimuda ao cuspirnos. O chamado audiovisual galego naceu con vocación de subalternidade, de converterse nun apéndice do xa en por si precario sistema audiovisual e cinematográfico español, e así se construíu a súa hexemonía, co apoio económico e discursivo dos principais investidores e de diferentes medios de produción simbólica, sen dar lugar sequera a que propostas alternativas puidesen cristalizar en produtos diferentes. Hainos, cada vez menos, pero aínda funcionan como anomalías externas ao sistema.

Despois veu o chamado novo cinema, que fixo propostas estéticas unhas veces diferentes e outras aparentemente distintas. Mais non tiña un campo audiovisual autónomo nin unha estética hexemónica coa que confrontarse, e non foi capaz de romper e propoñer un funcionamento radicalmente independente para alén das dinámicas febles do campo cinematográfico español ou doutras culturas. Quixo formular, iso si, unha impugnación do elo máis débil, que era a presunta dependencia do cinema respecto do texto literario. Era un desexo probablemente inxenuo, pois nin a literatura se entende xa sen cinema nin o cinema sen literatura. En todo caso, literatura non é só, nin moito menos, unha narración convencional de estrutura aristotélica. De calquera xeito, ese é un interesante debate estético que o novo cinema faría ben en suscitar sempre que non esquecese que para iso cumprirá autonomía e non subalternidade do campo cinematográfico. E aí tamén ese novo cinema sucumbiu, como sucumbiu ao evitar unha posición forte respecto ao outro espazo débil e minorizado, que é o suscitado polo conflito lingüístico da sociedade en que os produtos cinematográficos se crean. Porque no cinema e no audiovisual en si sempre hai lingua. Mesmo cando non o parece. De nada serve fuxir do problema que a realidade social formula, porque iso tamén é tomar posición.

Precisamente, se acudimos ao uso do galego como idioma vehicular e de exhibición como indicador de autonomía ou de subalternidade, os datos de todos estes anos serían aínda máis agresivos. Dunha banda, as producións en lingua galega son agudamente marxinais, case todas elas por esixencia das emisións da TVG; da outra, o público galego non ten dereito a acudir a unha sala a ver cine na súa propia lingua. Nin sequera aquel que se produce grazas á contribución dos orzamentos públicos. A maiores, cando se dá o caso marxinal non é estraño bater con producións inzadas de prexuízos diglósicos que outros campos culturais resolveron xa hai demasiado tempo. Tampouco nos demos despoxado aínda de certo pintoresquismo con prexuízos que non pode comprenderse nun campo artístico con algún grao de autonomía. Caricaturicemos a caricatura: as producións audiovisuais non paran de oscilar entre galegos parvos e galegos narcos.

A relación entre lingua galega e audiovisual é un conflito, tamén no sentido máis produtivo da palabra. Só que, a diferenza do que fan outras artes, neste caso o conflito queda resolto noutra dirección. A lingua coa que se constrúe un aparello audiovisual non é asunto menor, e non xa tanto en termos de articulación do propio campo artístico, senón no que respecta á necesidade de facer efectivo un dereito fundamental de todo ser humano como é o de acceder a produtos culturais e artísticos no seu propio idioma. E o de elaboralos.

Pero non podemos reducir un campo audiovisual só á lingua. Tamén o aproveitamento da propia capacidade e riqueza creativa e artística, principalmente no que toca ao noso sistema interpretativo, ás actrices e actores, que, coma se non fosen máis ca o reflexo en sombra sobre unha parede esvaecida, son enviados a papeis secundarios e de reparto, de simple acompañamento. Non ía ser diferente tampouco a relación entre as producións audiovisuais e a bagaxe de textos e producións dos nosos diferentes campos culturais e artísticos.

É posible aínda un campo audiovisual autónomo, non subalterno, que se exprese coas ferramentas das que colectivamente dispoñemos, ou debemos dar por perdido ese proxecto e asumir apenas un espazo industrial que poida ofrecer postos de traballo discontinuos e precarios e lucro privado? Esta longa pregunta debería convidarnos a reflexionar en común sobre o asunto. Dificilmente poderemos seguir falando dun audiovisual galego se nin sequera fóra de nós é capaz de ser recoñecido como tal. Se queremos un campo audiovisual propio, rico e produtivo —non só en termos económicos—, cumprirá empezar a mudar puntos de vista e prioridades e convidar ás administracións públicas e á CRTVG a reconduciren a máquina de vapor dun lento e tedioso tren de mercadorías. Sen deixar de lle recoñecer á corporación pública o seu imprescindible labor.

Ao mesmo tempo, toda a multiplicidade de profesionais, afeccionados, técnicos, artistas e demais participantes no complexo proceso de produción e difusión, incluída, desde logo, a cidadanía, que debe ser suxeito do dereito ao acceso universal á cultura e ás producións artísticas, talvez poidan asumir o compromiso de intentar reconstruír este artefacto imprescindible e marabilloso.

Unha cultura subalterna non dialoga, apenas interioriza a súa condición secundaria, periférica, e imita. Non constrúe época. Nun audiovisual subalterno non hai diálogo e contradición de propostas estéticas entre produtos diversos como tampouco é posible unha relación igualitaria co resto das culturas do mundo, incluída a española. Esa é a verdadeira preocupación que debería movernos a reflexionar en común sobre o artefacto que queremos construír e a distancia entre esa idea e o que realmente existe.

Sen prexulgar ningunha proposta estética. Sen condenar ao silencio ningunha alternativa, por anómala que poida parecerlle ao audiovisual hexemónico. Sen desprezar os valores industriais de quen os manexa con rigor, pero sen expulsar do posible toda proposta que non acepte o mercado como lei.

Só un campo audiovisual que teña a capacidade de xerar todas as posibilidades poderá sobrevivir e desenvolverse a partir deste presente que vivimos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.