Subrrogada

Ao longo da miña vida fun testemuña da creación de eufemismos. Tal vez non cambie a realidade do cego chamándolle invidente, nin do coxo cualificándoo de diminuído físico, pero a intención obedece a unha maior aceptación social e, de feito, tiven oportunidade de comprobalo. A mocidade é máis compasiva e vai normalizando as eivas. Outros eufemismos son mera hipocrisía, ou, peor aínda, disimulo do feito en si para evitar o escándalo. Nestes casos, sinto curiosidade por saber que mentalidade o creou.

Refírome a madre subrogada.  Subrogación é un termo empregado en Dereito relacionado coa delegación de competencias noutra persoa. Un negocio xurídico polo que unha persoa sitúa a outra nunha obriga, nunha débeda. A debedora precisa dar o seu consentimento.

Quen daría con ese eufemismo que substitúe á compra dun útero feminino, para ser xerada nel unha criatura que, despois de parida ( ignoro se tamén aleitada ) pasará ás mans do comprador, sen que exista ningunha relación persoal entre o acredor e a debedora. Que sinxeleza! Parece mesmo a purísima concepción! Sen romperse nin mancharse.

Un negocio limpo, diríamos. Masturbación do acredor para obter os espermatozoides, enviados con toda clase de garantías, para seren introducidos nun útero novo, igualmente garantido, en días fértiles. A operación previa é o envío do diñeiro mediante transferencia, tamén limpo porque ninguén precisa tocalo. Anonimato total.

Casos haberá nos que a debedora non ten que dar a autorización, ao teren os pais a autoridade. Outras son mulleres pobres que necesitan vender o corpo. Estamos ante unha nova modalidade de prostitución. Moito máis cara para o cliente e moito máis dura e onerosa para a muller. Sen contar os nove meses de embarazo e o quebranto de saúde correspondente, máis de 300.000 mulleres morren de parto cada ano no mundo. En España, un dos países con menos mortalidade por ese motivo, só morren 26. Pero tratándose de mulleres de países pobres, o risco é maior.

O intermediario ou macarra, sae moi beneficiado. Neste casos será probablemente unha empresa. E supoño que as mafias xa estarán funcionando, aínda que con máis coidado. Non poden tratar as criaturas coa mesma crueldade coa que manipulan e golpean ás destinadas á prostitución. Pola contra, ese envío  debe chegar ao destinatario en perfecto estado. 

Cando o feminismo e moitas persoas racionais e xustas queren abolir a prostitución, hai outras, entre as que se encontran persoas dedicadas ao benestar social ou mesmo á política, que pretenden legalizar ese alugueiro de úteros, coma se dun ben público se tratase.

Até agora comentei este tema como explotación das mulleres, maior canto menor é o seu poder e a súa economía. Pero hai máis. Deste modo, con esta subrogación, poden existir, xa os hai, de feito, moitos homes pais de seres sen nais. É o patriarcado absoluto. Homes gay, que teñen un nivel económico moi alto para elixir e comprar o que queiran, homes sen muller, que poden prescindir delas totalmente, e teren fillos sós, dependentes unicamente deles, criados e educados conforme a os seu único criterio. Paternidade absoluta e exclusiva. Isto é novo e dá para cismar, amigas feministas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.