Estes días vimos de ler unha morea de artigos sobre o encarceramento dos Titiriteros, algo que moitos de nós entendemos coma un desproporcionado ataque contra a liberdade de expresión. En resumidas contas, decatámonos da excesiva importancia que lle deu a televisión aos monicreques mentres os casos de corrupción pasaron a un segundo plano, da mala interpretación que fixeron da obra, da censura da que somos vítimas e dos terroríficos métodos que ten o goberno do PP (a través da Lei Mordaza e do control da desinformación) para levala a cabo.
Creo que deberiamos analizar o tema en moitísima máis profundidade. Xa sabemos que os grandes medios de comunicación, corruptos como as persoas ás que obedecen, teñen uns intereses contrarios a defender a verdade. Pero é moita a xente que escoita unha breve frase na que destacan as palabras monicreques, nenos, Gora ETA e terroristas e cambian ao canal de entretemento sen cuestionar o encarceramento.
O noso problema, recoñezámolo, vén de moito antes de que teñamos conciencia política. O problema está nas escolas e institutos, onde os rapaces chegan moi pequenos preguntando o por que de todo, pero pouco a pouco van aprendendo que para ter un maior recoñecemento, hai que preguntar menos e estudar máis. Avaliamos aos estudantes dependendo do que saben acerca dun currículo tan extenso que pouco tempo queda para os individualismos.
En que momento lles podemos ensinar a entender o contexto social no que viven? A relacionalo cos erros históricos que aprenden a recitar na clase de historia? A decatarse de que a busca da verdade require o esforzo da nosa razón? A que hai que gozar da televisión á que tantos anos levan pegados, si, pero tamén hai que mirala con desconfianza e sospeita? Moitas veces pregunteime por que non había unha materia na escola na que nos ensinaran a debater. Agora sei perfectamente cal é a razón. Para que os rapaces aprendan a debater precisan capacidade comunicativa e investigadora.
Deberían falar de temas actuais como a violencia de xénero ou o encarceramento dos Titiriteros, buscar diferentes puntos de vista, erguerse da cadeira, traballar en equipo, preguntarse se o que di o seu profesor e incluso seus pais é correcto, expor as súas ideas sen medo, e aprender a respectar as dos demais. Todas estas actividades baséanse sempre no desenrolo dun pensamento crítico, sen o cal a ignorancia é máis difícil de combater.
Imaxinade agora unha xeración enteira de persoas con esas capacidades: crerían que os Titiriteros son pro-etarras?, renderíanse ante a aprobación da Lei Mordaza ou da Lei Wert?, seguiría sendo o Partido Popular a forza máis votada despois dos escándalos de corrupción? Permitídeme dubidalo. Mentres os rapaces e rapazas sigan aprendendo que as súas ideas e opinións non teñen cabida no currículo escolar, e non lles axudemos a desenvolverse no século da desinformación, o que si será crítico é o estado da nosa sociedade, pois a ignorancia só lle abre paso á manipulación.
É necesario que as políticas do cambio comecen por aquí, por reformar o sistema educativo dende o punto de vista da diversidade do coñecemento, da mellora das aptitudes sociais, pero tamén da importancia do pensamento individual. Non só temos que pedir que os políticos deixen de ser corruptos; o que realmente precisamos é que deixen de corromper á xuventude.