Suxeitadores e saias de colexiala na campaña do PP de Ourense

O apartado Ourense xove do programa electoral do candidato do PP á Alcaldía da cidade, Xesús Vázquez, aparece ilustrado cunha ringleira de mozos e mozas. Esa imaxe, senón fora porque a maioría das mulleres aparecen envoltas en toallas, en suxeitador, ou saia de colexiala, ben podería ser a dos aeroportos galegos aos que centos de mozos ourensáns se dirixen en busca dun futuro mellor; a dos Servizos de emprego, nunha provincia na que máis do 40% de menores dos 35 non teñen posto de traballo; ou a dos que se agolpan á espera dunha beca que lle permita continuar cos seus estudos.

Non se trata polo tanto dunha autocrítica ás políticas do PP, senón que o único que consegue é “destapar” o sexismo que as caracteriza. Así o amosan todos os día situándonos ás mulleres nun segundo plano en tódolos ámbitos da sociedade; pretendendo arrebatarnos o noso dereito a decidir modificando a lei do aborto, e cualificándonos como “medias mulleres” cando non temos fillos; triturando a lei de dependencia abandonando a súa sorte ás coidadoras; ou amosando unha falta de responsabilidade e de pasotismo alarmante ante o aumento dramático dos casos de violencia machista entre as máis novas. 

Ante as críticas, dende as filas populares afirman non querer entrar en polémicas, xa que a súa é unha “campaña en positivo”

Ante as críticas, dende as filas populares afirman non querer entrar en polémicas, xa que a súa é unha “campaña en positivo”. Dende logo a da desigualdade, e a do emprego de imaxes que reforzan estereotipos machistas, resulta do máis negativa posible. Así pois, bótase de menos por exemplo mulleres ataviadas con bata, non señores do PP, non de bata de casa e rulos, de bata de laboratorio, representando as que se adican á investigación, ou con roupa deportiva que amosen os seus éxitos nas competicións, ou coa vestimenta característica de executivas, avogadas…porque aínda que non o crean, é posible representarnos sen converter un programa electoral nun catálogo de roupa interior feminina, ou de tenda erótica.

Rectifiquen, pidan desculpas á mocidade ourensá, e abandonen o terreo da denigración sexista, xa que traspasar os límites éticos

Rectifiquen, pidan desculpas á mocidade ourensá, e abandonen o terreo da denigración sexista, xa que traspasar os límites éticos tanto por parte de quen participa no deseño e execución das campañas e estratexias de comunicación, como polos candidatos e candidatas que concorren ás eleccións, non soamente supón unha falta de respecto, senón tamén de responsabilidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.