Syriza, Podemos, venceremos!

Samaras, Venizelos e, por suposto, Alexis Tsipras. Nomes que resoan nas nosas mentes dende hai xa algúns anos. E bastante lóxico que así sexa, pois a política europea deixou, fai xa moito tempo, de ser un elemento puramente nacional para transformarse nun elemento, esencialmente, xeopolítico. Grazas aos diarios británicos sabemos hoxe que Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España somos os PIGS, os porcos. Economías que antes da crise eramos consideradas un milagre económico polos nosos altos niveis de crecemento, e que agora compartimos esta cualificación pexorativa dos nosos veciños do Norte europeo.

Só unha acción conxunta de toda a periferia europea conseguirá levarnos de novo a unha posición de forza, dende a que negociar coa todopoderosa Alemaña

Abandonados á nosa sorte polos nosos socios do Norte, nós, os países do Sur, sabemos agora que estamos irmandados polo austericidio, e que só unha acción conxunta de toda a periferia europea conseguirá levarnos de novo a unha posición de forza, dende a que negociar coa todopoderosa Alemaña. Unha Alemaña que continúa empurrando cara abaixo aos países do Sur, a fin de manter aboiada a súa endebedada e maltreita economía, sen pensar nas consecuencias que, a longo prazo, poden ter os seus actos para eles mesmos. Isto é, o derrubamento da sociedade de consumo nestes países, principal mercado dos seus produtos e servizos.

"Syriza, Podemos, venceremos!" Un canto que se repetiu onte, durante a celebración da vitoria, nas diferentes sedes que o partido grego ten ao longo e ao ancho do pequeno país mediterráneo

Non é hoxe, porén, o día de falar do Norte, senón do Sur, pois hoxe é o día de Grecia, o día de Syriza. Unha Syriza que entende perfectamente o papel que lle tocou xogar neste novo taboleiro xeopolítico. Berce desta civilización occidental, Atenas atópase hoxe, de novo, tras séculos de espera, no centro deste taboleiro. "Syriza, Podemos, venceremos!" cantaba en castelán a multitude afervoada que abarrotaba a Praza Omonia, no mitin central de campaña. Unha multitude esperta, consciente de que só unha gran unión entre os países periféricos podería darlle ao país heleno a capacidade para negociar cos seus duros acredores da troika. "Syriza, Podemos, venceremos!" Un canto que se repetiu onte, durante a celebración da vitoria, nas diferentes sedes que o partido grego ten ao longo e ao ancho do pequeno país mediterráneo.

Syriza, igual que dixo Allende despois da súa vitoria electoral, acadou o goberno, mais aínda dista moito de ter o poder. Ábrese agora unha dura tarefa por diante do líder Alexis Tsipras e o seu futuro equipo

Sabemos que o camiño non será sinxelo. Tanto os mercados como o Bundesbank continúan a ter un alto nivel de consenso dentro da sociedade europea e Syriza, igual que dixo Allende despois da súa vitoria electoral, acadou o goberno, mais aínda dista moito de ter o poder. Ábrese agora unha dura tarefa por diante do líder Alexis Tsipras e o seu futuro equipo. Só o tempo nos dirá se serán capaces de sacar a Grecia das garras da miseria, na que as políticas de austeridade teñen afundido ao país. Para todos nós, habitantes da periferia europea, o futuro é, polo momento, unha incógnita. Sen embargo, hoxe máis ca onte, parece abrirse unha profunda fenda de esperanza, pois, como dixo Winston Churchill tras a batalla do Alamein: "Isto non é o fin, nin sequera é o principio do fin, mais tal vez sexa o fin do principio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.