Diversas, razoadas e fundamentadas explicacións teñen dado conta do medre dos movementos de extrema dereita, tal e como acontece no Estado español co caso de Vox. Movementos que, sen recorrer a toda a parafernalia clásica de escenografía militarista, defenden abertamente un supremacismo nacional e occidental, o darwinismo social e o machismo, nisto que Boaventura de Sousa santos ten definido coma fascismo societal.
A crise económica, coas secuelas de incerteza, precariedade e pauperización, así coma a reacción nacionalista fundamentalista fronte ao cuestionamento do modelo estatal-nacional pode que sexan as máis enunciadas. Son explicacións de orde social, política e económica que, evidentemente, deben ser consideradas tanto desde a análise e da interpretación como desde a formulación das necesarias estratexias de resposta. Porén, toda unha tradición de protagonismo e de certa mitificación das condicións obxectivas levounos a descoidar o papel fundamental dos valores imperantes e dos sentimentos, afectos e emocións que os alicerzan.
Case que van quiñentos anos desde que Étienne de La Boétie advertira da servidume voluntaria, é dicir, de como a dominación precisa do consentimento. Moito máis recente, escribía Hannah Arendt, reflexionando sobre o caso do nazi Eichmann, que lle resultaba obvio que o apoio das masas ao totalitarismo non procedía en exclusiva da ignorancia nin do lavado do cerebro. E non debería ser por falla de reflexións sobre as ligazóns entre economía, poder, dominio e subxectividade (Wilhelm Reich, Erich Fromm, Gramsci, Pierre Bourdieu, Judith Butler... ), polo que custa tanto desprenderse de esquemas reducionistas que dificultan abordar as novas realidades sociais.
Desde a Modernidade o Estado tenta acadar a lexitimización procurando o sometemento e a aceptación da orde estabelecida. Non renuncia á violencia, todo o contrario, preséntase coma o único posuidor e capacitado para exercela, mais recorrendo a esta como última alternativa. Precisamente esta fasquía é o que nos leva a considerar que a política moderna ten unha sobrecarga ideolóxica e consensual. Na actualidade estamos inmersos nun proceso de reconfiguración do patrón de poder hexemómico, onde a polarización social está a medrar poderosamente. Neste proceso, a manipulación e o control dos recursos tecnolóxicos está a facilitar a imposición da tecnocratización das relacións humanas, xunto cun afastamento da natureza que permite a súa destrución sistemática. Todo isto está dando lugar a unha mercantilización das subxectividades e das experiencias da vida, contribuíndo poderosamente ao medre do individualismo e das condutas egoístas disfrazadas de liberdade individual.
Estamos inseridos nunha inmensa cadea xerárquica de posicións e relacións na que o lugar que ocupamos, real ou aparente, vese compensado pola gratificación de imaxinar superioridade sobre algún outro. Quen ten traballo sobre quen non o ten; home sobre muller; heterosexual sobre homosexual; nacional sobre estranxeiro; integrado sobre excluído e marxinado; racional sobre afectivo; membro da maioría sobre calquera dalgunha minoría. E, así, todo un menú variado de dicotomías que fan máis levadeira a posición que o modelo de acumulación de riqueza e de poder asigna en beneficio desa oligarquía privilexiada alimentada por un desposuimento moral e material permanente que axudamos a trafegar. O fascismo e a reacción totalitaria sempre están na recámara do capital; volvemos velo hoxe na involución que percorre o planeta perseguindo e criminalizando calquera tentativa de experimentar un outro mundo posíbel. Mais tamén unha boa parte da esquerda transixe, cando non acepta, con toda esa morea de valores, comportamentos e actitudes que engraxan a maquinaria da dominación e que actúan como amortiguadores emocionais enormemente eficaces contra o deterioro do condicións de vida da xente.
Etnocentrismo, clasismo, patriarcado, crecentismo ou especismo seguen a enchoupar prácticas e discursos que, desde un pretendido pragmatismo e racionalidade política, descalifican e desprezan alternativas e enfoques que cuestionan os modelos de relacións sobre os que se substenta o capital e á crise civilizatoria á que nos conduce. O combate contra uns valores funcionais á acumulación global e aos modos de vida que estes comportan devén, xa que logo, nun elemento fulcral contra a barbarie que nos ameaza.