Tanto veleno fíxonos peores a todos

Igual que o colesterol, nacido da vesícula biliar, que vai aumentando no curso da vida adulta, así a bile que segrega un órgano da sociedade española, a dereita, vainos afectando e intoxicando a todos. Non creo que ninguén que vivise dentro desta España conseguise evitar uns niveis de veleno altos.

A bile que segrega un órgano da sociedade española, a dereita, vainos afectando e intoxicando a todos. Non creo que ninguén que vivise dentro desta España conseguise evitar uns niveis de veleno altos

Todos temos unha lista de efemérides duras e cada un ten o seu propio día 11 de marzo do 2004 en Madrid. Aquel día madruguei para embarcar nun avión cara a Bilbao para presentar alí unha novela, nin recordo cal. No aeroporto tiven a primeira noticia, un televisor emitía aquelas imaxes, era algo enorme, e comprendín que de súpeto entraramos nun tempo extraordinario. En ocasións o tempo rompe, sáese do seu camiño e detense ou se retarda, e aquela era unha ocasión. O advenimento do terrible enmudécenos, crea un silencio moi intenso. No avión todos cargabamos máis peso do afeito.

Cando cheguei a Bilbao apenas podía falar doutra cousa que non fose aquela traxedia, falar doutra cousa simplemente era absurdo. Ás 9:35 o lehendakari Ibarretxe condenou o atentado e sinalou a ETA como autora, dada a súa autoridade parecía unha opinión que tería fundamento. Recordo que nas entrevistas, máis que sobre literatura opinei sobre o atentado, desde aquel momento ETA carecería de calquera argumentación para xustificarse. Con todo, desde o principio interlocutores de alí xa me manifestaron o seu desconcerto, estrañáballes que fose ETA. Ás 10:30 Otegi condena o atentado e sinala o terrorismo islamita e antes do mediodía xa me chegaba información informal de que ETA non fora. Con todas as cautelas, entendín que era o máis probable. Se esa información chegou a min nas primeiras horas daquela xornada quere dicir que os servizos de información do Estado tiñan forzosamente unha idea moito máis cabal.

Se esa información chegou a min nas primeiras horas daquela xornada quere dicir que os servizos de información do Estado tiñan forzosamente unha idea moito máis cabal

Ás 13:00 en Pamplona un policía nacional e o seu fillo asasinaron de catro disparos e unha coitelada no fígado a Anxo Berrueta, un panadeiro que puxera un lazo negro no escaparate en sinal de loito pero negouse a colocar un cartel condenando a ETA. O odio que circulaba por todas partes afloraba e mesturábase co horror e a dor.

Ás 20:45 un grupo islamita reivindicou o atentado desde Londres, ao final do día era evidente que a autoría de ETA era improbable. Xa aparecía como o máis probable que tanto odio era unha consecuencia de decisións políticas que todos creramos inocuas e ás que non lles deramos importancia, consecuencias da nosa alianza con EEUU e de seguir as súas políticas no mundo. E tamén era evidente que o Goberno estaba a xogar sucio coa información para garantir a súa vitoria nas eleccións.

Quedou claro que aquel Goberno actuou de forma completamente inmoral, mantívose fóra da esfera da moralidade e encerrouse no plano do cálculo político: friamente manipulou a información para gañar as eleccións e conservar o poder. Outras responsabilidades teñen niso, e cargarán para sempre con ese estigma, os xornais e as emisoras da dereita que secundaron unha manobra tan mesquiña do goberno e o PP. Aznar, Acebes, Zaplana ou Rajoy retratáronse naquelas horas. Nunca se desdiciron, así que non hai retrato máis veraz.

Quedou claro que aquel Goberno actuou de forma completamente inmoral, mantívose fóra da esfera da moralidade e encerrouse no plano do cálculo político: friamente manipulou a información para gañar as eleccións e conservar o poder

Aquel modo de actuar tan inmoral non me sorprendeu, sen remontarse á ideoloxía e ás orixes franquistas do PP experimentara nos anos anteriores o que eran capaces de facer. A manipulación da información e a inhumanidade en xeral con que actuaron ante o naufraxio do Prestige demostrara que non tiñan límites morais, eran capaces de todo e de calquera cousa. A guerra contra Iraq foi unha confirmación. O seu modo de exercer o poder dividira a sociedade e radicalizounos a todos, persoalmente implicoume nesas ocasións en campañas contra aquelas actuacións políticas e atopábame totalmente enfrontado a aquel goberno.

O seu modo de exercer o poder dividira a sociedade e radicalizounos a todos, persoalmente implicoume nesas ocasións en campañas contra aquelas actuacións políticas e atopábame totalmente enfrontado a aquel goberno

De feito, ante aquelas eleccións redactei un manifesto polo cambio político que lles propuxen asinar a outras tres persoas, dúas delas introduciron algúns cambios na redacción e finalmente boteino a rular. Resultoume moi significativo que un profesor de xornalismo que colaboraba nun xornal solvente fixese no seu blog unha disección do texto do manifesto que era unha verdadeira carnicería burlesca, o ton e a intención dábao que se referise a min como "Susete". Uns meses antes un influente profesor de filosofía e escritor cualificárame nunha tribuna súa de "antiaznarista compulsivo", cousa que realmente me sorprendeu pois entendía que naquela altura xa había razóns poderosísimas de interese social que aconsellaban que Aznar e o seu partido fosen desaloxado do goberno

Naquel clima ideolóxico asfixiante e baixo o efecto daquel masacre non é estraño que o día 11 dous escritores publicasen senllas tribunas partindo da base de que fora ETA a autora do atentado e sinalasen como indutores ou alimentadores intelectuais do masacre a quen se opuxeron publicamente ás políticas de Aznar. Arroxaron contra nós o sangue e os mortos. Se efectivamente fose ETA cantas persoas non quedariamos sinaladas pola responsabilidade daqueles crimes. Non importa que xamais désemos cobertura ao terrorismo nin que condenásemos os seus asasinatos, naquel clima ideolóxico non había defensa posible: os "antiaznaristas" eramos culpables daquela carnicería nunha cidade onde tiñamos familiares e amigos.

Fun comprendendo que existía un novo perfil de partidarios que, sen identificarse completamente coa política e as siglas do PP, compartían boa parte da súa base ideolóxica, intelectuais coa bitola de progresistas realmente estaban a apoiar a estratexia conservadora. Máis adiante veríase que esa nova dereita, que sería o báculo en que se tería que apoiar no futuro o PP para gobernar, cristalizaba en torno de dúas formacións, UPyD e Ciutadans. O que creara unha base máis ampla da dereita fora o conflito nacionalista, intelectuais de Barcelona, de Euskadi e de Madrid foran confluíndo nun discurso españolista que combatía os outros nacionalismos. Un españolismo que, sobre os tópicos inevitables como a grandeza da lingua castelá, o flamenco e as corridas de touros, imaxinaba unha España de xente boa e sinxela que antes fora maltratada e que entón era acosada por dous inimigos, a malvada "burguesía catalá" por unha banda e  os "asasinos etarras e os seus cómplices", por outro. Aqueles ricos, explotadores inhumanos  e soberbios, perseguían nesas provincias díscolas os nosos compatriotas que emigraran alí buscando traballo ou como gardas. 

Os papeis de Bárcenas demostran que o PP financiou co seu diñeiro negro organizacións sociais que combatían o terrorismo desde unha posición ideolóxica que lles resultaba favorable, así enviaron diñeiro a AVT ou Basta Ya pero non a Gesto pola paz

Os papeis de Bárcenas demostran que o PP financiou co seu diñeiro negro organizacións sociais que combatían o terrorismo desde unha posición ideolóxica que lles resultaba favorable, así enviaron diñeiro a AVT ou Basta Ya pero non a Gesto pola paz. Non é estraño que a dereita faga todo o posible por que o terrorismo continúe entre nós como unha pantasma, é unha pantasma útil: acabamos de velo en Navarra. A pantasma do terrorismo serve para estigmatizar a Bildu, son centos de miles de cidadáns aos que tratan como criminais, e dese modo perpetuar o seu dominio ao manter atrapado ao PSOE nesa trampa.

O odio que irradiaron circula por todas partes, inevitablemente tamén dentro de nós. O odio polariza e divide, España está dividida e enfrontada por fallas profundas e na actual paisaxe política non hai estratexias políticas valentes nin dirixentes capaces de ofrecer polo menos algún camiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.