Tecer un arquipélago para mudar o necesario

O acontecido por aquel entón trocou o medo de bando, abriu unha fiestra de esperanza para mudar o estado das cousas e deulle continuidade a unha expresión electoral da maioría social agredida

Pasaron máis de seis meses dende a investidura dos novos gobernos municipais que emerxeron das eleccións de maio de 2015. O acontecido por aquel entón trocou o medo de bando, abriu unha fiestra de esperanza para mudar o estado das cousas e deulle continuidade a unha expresión electoral da maioría social agredida, orfa de ferramentas políticas no contexto dunha crise sistémica e o esgotamento do réxime do 78. O resultado tamén evidenciou varias cuestións que cómpre sinalar, como foi a expresión singular de Galiza neste contexto, o impacto do resultado no Estado e o feito de conseguilo na maioría dos casos contra uns poderes establecidos activos e belixerantes.

No caso de Galiza, os resultados tiveron unha maior intensidade que no resto do estado pola sinxela razón de que o proceso de acumulación de forzas entre a esquerda partidaria e a esquerda social estaba  máis maduro. Compostela, A Coruña e Ferrol e mais as ducias de concellos onde as candidaturas de unidade popular obtiveron unha importante representación e simbólicas alcaldías tan só son a expresión dun proceso que arrinca na década dos 90 coa acumulación de forzas da esquerda nacionalista no BNG, continúa co espazo xerado pola esquerda soberanista e a federal no 2012 con AGE e amplifícase con ese lugar de encontro da esquerda partidaria e a social galega que foron as mareas municipais. A matrioska galega funcionou mellor nun contexto adverso, con grandes resistencias para que nada mude, porque tiña máis pezas e mellor traballadas no tempo. Os excelentes resultados conquistados pola candidatura de “En Marea” o 20D danlle continuidade a este relato e permítennos albiscar a esperanza e a responsabilidade de gobernar o noso país neste 2016 e facilitar así, dende a periferia da periferia, a apertura dun proceso de procesos constituíntes.

Os excelentes resultados conquistados pola candidatura de “En Marea” o 20D danlle continuidade a este relato e permítennos albiscar a esperanza e a responsabilidade de gobernar o noso país neste 2016

No conxunto do estado, Barcelona, Madrid, Santiago, Badalona, Cádiz, A Coruña, Pamplona, Valencia, Zaragoza, Ferrol e Oviedo non son uns nomes de cidades que aparezan nunha canción dos Resentidos. Son a expresión dun movemento de cambio democrático polas maiorías sociais que representa preto de oito millóns de persoas. A mala dixestión que fixeron dos resultados de maio os poderes políticos e mediáticos establecidos e o consecuente peche de filas despois do 20D non deben levarnos a engano nin permitirnos dubidar da  súa capacidade de resposta. De feito, levan tempo respondendo. Mudaron de caras pero non de políticas, mudaron de rei pero non de coroa, e introduciron unha distorsión na dialéctica do novo fronte ao vello ao facer pasar por novo un partido reseso como Ciudadanos para así apontoar o máis vello do réxime do 78 co aval do IBEX.

Negarlles lexitimidade aos gobernos democraticamente elixidos, facer da anécdota e o rumor o debate da cidade, investir en editoriais-bando-oposición e alimentar o todo vale é a máxima que guía o seu proceder

No que atinxe á doenza que para eles significan as cidades rebeldes, a menciña está a ser subministrada de xeito demorado. A súa composición baséase nunha democracia de baixa intensidade se os que gañan non son os que deberan: someter os novos gobernos a unha segunda rolda electoral permanente, cuestionar as súas decisión e obrigar a explicalas a pesar de formaren estas parte dos compromisos electorais. Todos estes ingredientes fan o menú de cada día. Negarlles lexitimidade aos gobernos democraticamente elixidos, facer da anécdota e o rumor o debate da cidade, investir en editoriais-bando-oposición e alimentar o todo vale é a máxima que guía o seu proceder. Aquí tan só cabe democracia se gañan os de sempre, se gañan os que teñen que gañar. Coa súa actitude están a facer boas as palabras da muller de Pujol a preguntas dos xornalistas despois da vitoria de Maragall: “É coma se entrases na túa casa e encontras os armarios remexidos porque te acaban de roubar”. Velaí os nosos demócratas, que non son quen de aceptar unha derrota despois de xogar un partido no seu campo e con árbitro comprado.


A nova cultura política impugna a forma e o fondo.

A impugnación da forma ten que ver coa demanda de maior transparencia e participación, e chegou para quedar. O rol cidadán non é xa un rol pasivo, receptor de información e con pouca capacidade para dixerila. O rol cidadán é un rol activo, consciente da situación, e demanda cota de participación na alternativa e na creación de relato.

Nesa impugnación de forma e fondo identifícase unha maioría social agredida que dá razón de ser a ese espazo independentemente de como se formule

A impugnación do fondo é a nosa razón de ser, e o tempo dirá se é unha batalla para perder ou para gañar. A crise sistémica evidenciou un baleirado da soberanía dos Estados e a sensación de sermos gobernados polos mandados dos mandados dos que nunca pasan polas urnas. A esclerose do réxime do 78 puxo enriba da mesa, ademais, a necesidade de abrir un proceso de procesos constituíntes para poder decidilo todo e mudar o necesario. Nesa impugnación de forma e fondo identifícase unha maioría social agredida que dá razón de ser a ese espazo independentemente de como se formule.

O arquipélago de Concellos rebeldes é debedor desa dupla impugnación. Tamén os resultados conseguidos o 20D, que serían mellores de se amplificaren as confluencias galega, catalá e valenciana.

Neste contexto, o proceso de cambio en marcha é o único que ten marxe de mellora e polo tanto é o que alimenta a esperanza, con todo e operar estes últimos anos no ensaio-erro.

Neste contexto, o proceso de cambio en marcha é o único que ten marxe de mellora e polo tanto é o que alimenta a esperanza

No campo partidario da esquerda, as organizacións políticas teñen que seguir afondando na dinámica de proporcionar corpo programático, simbolismo e capital humano de parte, co obxectivo de se sentiren reflectidas e operaren dende o resultado final do proceso de confluencia sen a tentación de patrimonializalo. Quen se mova da foto do espazo conquistado perde, e perde o proceso. Quen pretenda incorporarse por táctica ou supervivencia, non resultará crible.

O lugar de encontro é un destino que varía con cada nova incorporación e se tece coa xenerosidade das partes.

Na esquerda social, as plataformas cidadáns e as candidaturas municipalistas non están exentas de reproducir dinámicas de aparato operando como modelos extractivos de enerxías. Deben polo tanto aproveitar os éxitos deses espazos de experimentación para cooperar e non competir, para proporcionar e non detraer, dende o convencemento de que son espazos avanzados de confluencia, garantes do éxito da totalidade da resposta por construír.

Poder comezar a gobernar o noso país para poñelo ao servizo das máis cun programa de garantías e un grupo humano comprometido, a nosa esperanza

Diante disto, quen agarde atopar unha resposta pacífica e baixas resistencias ao cambio por parte da minoría privilexiada dos de sempre non é consciente do momento histórico que estamos a vivir. Pelexarán dende o todo vale para que nada mude. Cómpre conciliar ese hábitat adverso máis ese ruído permanente cunha resposta elaborada que estea á altura do momento. Manter a fiestra aberta do cambio no Estado e nos pobos da Europa do sur é o reto. Poder comezar a gobernar o noso país para poñelo ao servizo das máis cun programa de garantías e un grupo humano comprometido, a nosa esperanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.