Telmomartinismo

Durante a campaña electoral ás municipais entrevistei o candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, construtor, promotor e ex alcalde de Sanxenxo nos anos nos que máis medrou o parque de vivendas na vila. Recordo que unha das principais promesas electorais que facía era "aumentar o número de urbanizacións, tanto de primeira como de segunda residencia". Estrañado por esa aposta pola construción en plena crise inmobiliaria, Martín engadiu: "A vivenda é sempre o mellor investimento. Ninguén pode vivir sen unha casa. Ninguén pode pensar no futuro sen que a compra da vivenda se cruce nalgún momento na súa traxectoria vital".

O mercado inmobiliario é unha obsesión na política, tanto do PP coma do PSOE. Hai o convencemento entre determinadas elites de que España só sabe dun negocio: construír e vender ladrillo

O mercado inmobiliario é unha obsesión na política, tanto do PP coma do PSOE. Hai o convencemento entre determinadas elites de que España só sabe dun negocio: construír e vender ladrillo. E ese dogma de fe está gravado na pel de moitos banqueiros, empresarios e políticos. Aínda non lin o libro de memorias do ex presidente do goberno central José María Aznar mais estou seguro de que presumirá de ter sido o grande impulsor da liberalización do chan para urbanizar que converteu en multimillonarios os menos escrupulosos que converteron amplos territorios do Estado en infinitas urbanizacións nas que pouco importaban os que alí ían vivir senón os que alí ían comprar.

A medida anunciada polo Goberno Rajoy por vía dun alto cargo de Comercio de que os permisos de residencia pasan a depender, tamén, da adquisición de dereitos de propiedade residencial a partir dos 160.000 euros de investimento é o novo xeito co que a Administración pretende subvencionar a industria do tixolo. Antes triunfaron as deducións por compra de vivenda habitual, as vantaxes fiscais das contas-vivenda ou a renda de emancipación para mozos que foi na práctica unha axuda directa aos propietarios de vivendas baleiras, a través de subirlles o prezo aos seus inquilinos na xusta proporción dos 210 euros que estes percibían.

O Brasil vive un tempo semellante á década do 1990 en España, con moita poboación traballando na construción e na venda de casas, moitas delas unicamente pensadas para o comprador internacional

As mentes da FAES, a fundación que seica elaborou este fabuloso plan agora publicado, son conscientes de que o investidor internacional en burbullas inmobiliarias ten escenarios máis atractivos para escoller. O Brasil, por exemplo, vive un tempo semellante á década do 1990 en España, con moita poboación traballando na construción e na venda de casas, moitas delas unicamente pensadas para o comprador internacional, que fai contas e cae marabillado polas expectativas de comprar por 15 e vender por 30 antes incluso de escriturar. Non soa moi familiar esa cantiga? Pois escóitase en Salvador de Bahia, en Florianópolis...

A expectativa de gaño, de todos os xeitos, xa non vende unha vivenda en España. O que busca esta medida gobernamental é outra cousa. Por unha banda, tirarlle lucro ao dereito de residencia, que até agora se daba "de balde", tendo en conta aspectos como a oferta e a demanda de emprego e as situacións de separación familiar. Agora vivir en España, e polo tanto na UE, é un dereito que se pode comprar directamente. Emprendedores chineses ou rusos (explícitos destinatarios da oferta) poden facer números e ver se lles compensa expedirlles títulos de propiedade aos seus empregados a cambio de telos traballando de modo regular nas súas firmas en España. Outros aproveitarán o status legal para librarse do acoso da xustiza, que sempre é maior cos que non teñen a cidadanía.

O obxectivo é frear o descenso de prezos da vivenda. A expectativa (que bonita palabra) do comprador é que pisos e casas deben baixar moito máis o seu valor.

O outro obxectivo, quizais menos obvio, é frear o descenso de prezos da vivenda. A expectativa (que bonita palabra) do comprador é que pisos e casas deben baixar moito máis o seu valor. Quen vende sabe que o único xeito de acabar rapidiño no notario é descontar así de repente un 20, un 25% do que pide. Se non, o negocio esvaece. Agora o goberno de Madrid lánzalles un frotador: a fronteira dos 160.000 euros é atractiva. Se non baixa o prezo de aí, a vivenda é atractiva non para esa parella que quere comezar a súa vida senón para esa firma estranxeira que non pode pagar menos se quere o dereito á residencia. E, de socato, a expectativa de que a vivenda aínda ten que baixar convértese na expectativa de que a vivenda non pode baixar para non quedar fóra dese novo mercado. E hai que entender a Ratoy. En que queremos que metan o diñeiro os beneficiados pola amnistía fiscal? En investigación? En mecenado cultural? Incluso as doazóns a Cáritas teñen máis vixilancia que comprar unha bufarda ou, como din os axentes inmobiliarios, un ático abuhardillado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.