Emprender v.t. Empezar a facer con decisión [unha cousa que pode presentar certas dificultades].
Non é doado emprender nun vello país como é Galicia. Sen embargo é necesario. Foi o grande economista austríaco Joseph Schumpeter quen destacou o papel dos emprendedores, como actores con actitudes e aptitudes para o cambio, sen necesidade de pertenza a clase social algunha no binomio daquela establecido entre traballadores e capitalistas. Non serei eu quen caia nese tópico de moda que fai referencia á “cultura emprendedora” como clave para a competitividade e crecemento de países ou organizacións. Mais emprendedores habelos hainos, e hainos en tódolos ámbitos dunha sociedade, non exclusivamente no económico ou “empresarial”.
Tamén foi Joseph Schumpeter o que popularizou o termo “destrución creativa” para ilustrar a inherencia do cambio no sistema capitalista e para facer teoría económica –seguro que de xeito inconsciente- do significado de “crise”en chinés, que é a unión de dous ideogramas: temor e oportunidade. Algunhas teorías recentes do cambio económico e institucional afirman que os grandes cambios son as máis das veces produto de mudanzas continuas e non hai nada completamente novo “per se”. Por iso boa parte dos mesmos se producen como derivada da historia e realidade social recente, nunha sorte de mudanza evolutiva onde o pasado se volve presente. O cambio sempre é, se o queredes, unha relación dialéctica entre o antigo e o novo. Tamén por iso é normal que as vellas estruturas resistan –e se resistan- pois en si mesmo seguen sendo percibidas como fontes de estabilidade e confianza e, non esquezamos, de intereses creados.
Sexa como for, semella que hai tempos onde os cambios son máis visíbeis, máis inevitábeis ou quizais máis desexábeis, onde os tempos de emprender son chegados. Seguramente estamos a vivir nun deses tempos.
Coido que Praza Pública é boa mostra de todo o anterior pois inclúe ingredientes propios do cambio cara un novo paradigma, neste caso no campo da información e da comunicación social. Iso materialízase no uso das TIC, que posibilitan a creación de estruturas en rede o cal, a súa vez, dá lugar a novas formas de organización máis horizontais e tamén a figuras innovadoras de financiamento empresarial como o crowdfunding. Tamén pode plasmarse nunha diferente maneira de relacionarse cos poderes tradicionais, entre eles os poderes públicos, necesarios para garantir a igualdade e a xustiza social pero ás veces abafantes para a iniciativa e capacidade emprendedora na sociedade. Todo iso dándolle continuidade á creación colectiva máis destacada dos galegos e galegas, que é o noso idioma.
Moita sorte nesta nova andaina. Aí estaremos