Hai unha semana o PP comparaba a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) con Batasuna para manchala coa pantasma do terrorismo de ETA. Pode parecer innecesario, pero convén lembrar que a Plataforma é probablemente a maior e mellor novidade cívica en anos: está a ser a mellor mestra da cidadanía, ensínanos democracia, solidariedade e dignidade, e ademais responde a un grave problema social.
Convén lembrar que a Plataforma é probablemente a maior e mellor novidade cívica en anos: está a ser a mellor mestra da cidadanía, ensínanos democracia, solidariedade e dignidade, e ademais responde a un grave problema social.
Iso é o que pon en relación interesadamente co terrorismo. E é que o terrorismo, ademais de interesarlle aos terroristas e a quen os apoiaron e apoien, tamén foi utilizado pola dereita española e ségueo utilizando. É así como se comprende que o partido desviase diñeiro opaco, segundo os papeis de Bárcenas, para financiar unha asociación que efectivamente combatía o terrorismo, pero que tamén interesaba e encaixaba na súa ideoloxía política. O propósito de combater politicamente o terrorismo foi utilizado perversamente para obter unha rendibilidade política directa do nacionalismo españolista contra o nacionalismo vasco e, por extensión, calquera outro que cuestionase o españolismo centralista. A deslealdade nese asunto e as acusacións ao Goberno de Zapatero de conivencia co terrorismo son consecuentes con este propósito. Esta recente actuación do PP, coma outras demasiado frecuentes, si que debe ser cualificada de terrorismo verbal: a súa intención é o asasinato político, liquidar publicamente o adversario coa infamia.
Puidemos comprobar a distancia entre os europarlamentarios da dereita europea e os do PP español, que pretendían evitar que se abrise unha comisión, da que posteriormente saíron varias resolucións para protexer a costa europea de futuros desastre
O encono e a violencia da dereita é unha característica do sistema político español, e temo que aínda que cambien outras cousas iso non cambiará. Hai anos tiven oportunidade de comprobalo nesa mesma institución que premiou agora a PAH cando o Parlamento galego e o español, con maioría da dereita, negouse a investigar os feitos ocorridos ao redor do naufraxio do Prestige, e Nunca Máis acudiu ao Parlamento europeo, que si nos recibiu. Alí puidemos comprobar a distancia entre os europarlamentarios da dereita europea e os do PP español, que pretendían evitar que se abrise unha comisión, da que posteriormente saíron varias resolucións para protexer a costa europea de futuros desastres. A dereita española simplemente carecía de cultura democrática e pervertían as institucións, boicoteando o acceso aos resortes que ofrecen as institucións democráticas para protexer a cidadanía. Entre a dereita europea os españois eran marcianos, eran outra cousa.
E esta semana o delegado do Goberno en Galicia, precisamente con motivo da oposición social aos desafiuzamentos, relacionou publicamente de novo unha organización política apoiada por centos de miles de cidadáns, o BNG, co terrorismo de Resistencia Galega, unha organización á que se lle atribúen atentados con explosivos contra sedes de partidos e bancos. Queda o denuncialo nun xulgado pero prima a impotencia ante un individuo que inxuria a un opoñente político. Pero non é un individuo sen máis, trátase da utilización por parte do Goberno dos instrumentos do Estado e os medios de comunicación públicos e privados ao seu servizo para inxuriar un opoñente político, perseguilo e destruílo. O seguinte paso loxicamente é a utilización da policía e o seu fiscal contra a disidencia política, o camiño de transformar un estado democrático nun estado policial.
Necesitaban que fose ETA e aborrecían a idea de que o atentado tivese relación coa guerra contra Iraq. A infamia non tivo límites
Debemos lembrar como o Goberno do PP hai nove anos ante o terrible ataque aos trens en Madrid utilizou a pantasma de ETA para levar o caudal político ao seu muíño, contra toda evidencia insistiron en atribuírlle o atentado, necesitaban que fose ETA e aborrecían a idea de que o atentado tivese relación coa guerra contra Iraq. A infamia non tivo límites. Puidemos comprobar entón como esa utilización política do terrorismo por parte da dereita era un catalizador ideolóxico e tamén un bisturí que cortaba e debuxaba un ancho campo ideolóxico que aglutinaba intelectuais varios cando ao día seguinte do atentado, aínda baixo aquela impresión que conmoveu profunda e unanimemente a todos, almorzamos con dúas tribunas en El País de dúas das súas firmas máis conspicuas, Fernando Savater e Muñoz Molina, aceptando que ETA era a autora da matanza, sinalaban como indutores intelectuais a quen se manifestaron contra o nacionalismo españolista de Aznar e as súas políticas. Aquela mañá terrible bastantes sentímonos sinalados. Sen dúbida podería ser ETA e nese caso eses dedos acusadores sentíronse reafirmados, pois se partía xa de que quen mantiñan posicións políticas contrarias pertencían evidentemente ao campo dos terroristas.
"Ese comportamento permítenos ver retroactivamente como a loita contra o terrorismo foi utilizada como unha miserable ferramenta política para alcanzar e conservar o poder"
Pero bastan os exemplos de como día a día este Goberno utiliza o sambenito do terrorismo para situar fóra do espazo democrático e aínda do amparo da lei calquera resistencia ás súas políticas. Ese comportamento permítenos ver retroactivamente como a loita contra o terrorismo foi utilizada como unha miserable ferramenta política para alcanzar e conservar o poder. Que farían sen terrorismo.
O Goberno da segunda lexislatura de Aznar traspasou os límites en democracia, este primeiro Executivo de Rajoy está a facelo cada semana. Os desafíos internos que ten a democracia en España son tan escandalosos que todos temos a tentación de pensar que o que vemos non é real, que a nosa mente esaxera as percepcións. Pero non, gobérnannos novamente inimigos da democracia.