O día 15 de outubro deu comezo o macroxuízo do Prestige, un paripé xudicial rodeado dunha aureola mediática, toda vez que ningún responsable político do goberno Aznar está sentado na bancada dos acusados, nin o cazador Cascos, nin Federico Trillo, o bombardeiro das praias esplendorosas, nin Fernández de Mesa, o clarividente que afirmou: “probablemente o fuel non toque a costa galega”, e moito menos o actual presidente do goberno, Mariano “hilillos de plastilina en estiramiento vertical” Rajoy.
Un paripé xudicial rodeado dunha aureola mediática, toda vez que ningún responsable político do goberno Aznar está sentado na bancada dos acusados
A función celébrase nun palacio de exposicións da Coruña, deficitario dende a súa creación, que ven de arranxar as súas propias contas logo de investirse preto de un millón e medio de euros na posta a punto do recinto para a entrada en campaña dun proceso que se quere presentar, dez anos despois, como o carpetazo ao episodio político e medioambiental máis vergoñento da nosa historia recente.
Uns cartos que serven para lavar a cara dunha xustiza cambaleante, en estado agónico, cunha xurisdición social desbordada e a civil seguindo de preto os seus pasos
Uns cartos que serven para lavar a cara dunha xustiza cambaleante, en estado agónico, cunha xurisdición social desbordada e a civil seguindo de preto os seus pasos, sen que se poña solución algunha enriba da mesa, coa escusa de que non hai orzamento necesario. Non o hai para atender as necesidades do cidadán de a pé, pero si para montar un circo xudicial ante a presenza masiva de medios nacionais e internacionais: mobiliario de primeira calidade, unha sala de prensa semellante á sala de control da NASA, pantallas xigantes por todas partes, unha cafetería ad hoc de nova creación, un mar de togas brillantes e sedosas... En definitiva, unha pantalla relucente que a pouco que se rasque deixaría ver todo o vergoñento refugallo que esconde a realidade da xustiza: escaseza de medios materiais e persoais, descoordinación de programas informáticos, mala xestión do diñeiro público en investimentos faraónicos nacidos como inservibles e falta de vontade política da resolución dos problemas estruturais, ao ser tradicionalmente a xustiza un servizo público que outorga pingües beneficios as arcas públicas.
Coincidindo co inicio do xuízo, os sindicatos CCOO, USO, UGT e CIG, desprazámonos ao recinto onde se está a celebrar para amosar a nosa indignación cunha nova dilapidación de fondos públicos, nunha operación orquestrada de maquillaxe sobre a podremia interna da xustiza
Coincidindo co inicio do xuízo, os sindicatos CCOO, USO, UGT e CIG, desprazámonos ao recinto onde se está a celebrar para amosar a nosa indignación cunha nova dilapidación de fondos públicos, nunha operación orquestrada de maquillaxe sobre a podremia interna da xustiza. Despregamos a nosa pancarta ao lado dos integrantes do colectivo Nunca Máis, cos que compartimos a necesidade de investir alí onde se necesita: no gasto social, educación, na sanidade, na xustiza, en partidas como salvamento marítimo para evitar un novo desastre e non en curraliños privados ou escaparates formais dedicados a encher as páxinas dos xornais amigos e subvencionados.
Os funcionarios de xustiza non estabamos alí representados, como dixo un periodista de sucesos de La Voz de Galicia, a “reclamar lo suyo”, estabamos alí para denunciar o deterioro da función pública, a desvalorización do servizo público que vai repercutir na cidadanía
Os funcionarios de xustiza non estabamos alí representados, como dixo un periodista de sucesos de La Voz de Galicia, que ben podería traballar no Caso, a “reclamar lo suyo”, estabamos alí para denunciar o deterioro da función pública, a desvalorización do servizo público que vai repercutir na cidadanía. Non é tolerable que un xuízo mediático baleiro de contido solape a situación real da xustiza: en caída libre e a piques de estourar, non só no que nos atinxe como traballadores, sen paga extra, con recorte nos días de vacacións e asuntos propios, con penalización económica por cometer o erro de enfermar, con redución de cadros de persoal, sometidos a mobilizacións xeográficas salvaxes, senón tamén no que se refire á calidade do servizo, cada vez máis desvalorizado e custoso, con taxas desorbitadas, atrasos por falta de persoal e plans de redución de partidos xudiciais inasumibles para os cidadáns, con problemas reais e que necesitan resposta áxil e eficaz cando se está a falar das súas situacións persoais, alto tan vital como o cobro de indemnizacións por despedimentos, o aboamento de débedas, ou a protección da súa integridade física.
A cidadanía galega non se debe deixar enganar por este escenario hollywoodense: é unha cristaleira de cores vivas que agocha un animal moribundo ao que están matando de fame
En conclusión, a cidadanía galega non se debe deixar enganar por este escenario hollywoodense: é unha cristaleira de cores vivas que agocha un animal moribundo ao que están matando de fame.