The Dark Don't Hide It

Mitin de En Marea en Vigo © En Marea

Dicíao o manifesto fundacional das Redes Escarlata: a sociedade segue estando dividida en clases. Era o obvio elevado a expresión dunha toma de postura política radical e anticapitalista. E teño a sensación de que o paso dos anos desde aquel 2001 ata hoxe non ousou contradicir case nada do que dicía un manifesto que en certos ámbitos causaba tanto incomodo como ocasionara a aparición d’A Trabe de Ouro once anos antes. As clases, logo, non se esvaecen pola súa conta como fai a néboa, e toda brétema que non se disipa é unha escuridade que só se combate abríndolle a porta ao día, por Darío. 

Na onda da explosión indignada, xorde Anova tras a articulación de tradicións, vontades e experiencias que se citan no Novo Proxecto Común, e a seguir, a experiencia de AGE; pouco despois chegaría o núcleo vivo dunha revolta cidadá que tomaba as casas dos concellos en forma de mareas municipais e unha En Marea que conquistaba máis de 400.000 votos nunhas eleccións xerais. Algo estaba pasando, porque a reacción dos aparellos políticos e discursivos do réxime quixo situarse á altura do reto que a mobilización popular estaba propoñendo

Pasaron moitas cousas en todos estes anos, pero non mudaron tanto as estruturas dos tempos. Hai acontecementos, pero o acontecemento é unha abstracción, nin é independente de contextos e causas nin tampouco alleo ás subxectividades que o producen en común. Máis que acontecementos, pois, cumpriría observar a dimensión do fío do común a través desta última década, aínda que o saibamos feble e talvez próximo á distensión constante. 

Temos feito sinopse das estacións que veu percorrendo a pulsión do común en Galicia no que vai de século máis ou menos: as loitas contra a LOU e o seu proxecto de precarización e sometemento ao mercado, folgas xerais, Nunca Máis, a oposición ás permanentes guerras policiais e militares do Imperio, as crises económicas que impulsan o austericidio e deixan ao descuberto a tremoia da representación política, o sometemento da vida enteira ao capital (aquilo que Marx chamou subsunción do traballo no capital estendido á totalidade da vida)... O 15M como unha caste de big bang destituínte, coa ansia de reinventar a participación política para desprivatizala e entregala de novo ao común. Non foi a revolución, pero si unha impugnación continuada e con diversas intensidades, un enfrontamento ao neoliberalismo e as súas obsesións daniñas. Todo concluía dalgunha maneira na necesidade dun novo tipo de organización da maioría social, porque todo movemento é totalidade en portencia, parte dunha comprensión da totalidade social por moi sectorial que aparente a súa reivindicación. 

A impugnación foi múltiple: desde o capitalismo financeiro, que nos empobrecía sen límite e transformaba cada conquista democrática nun simulacro, ata a representación política, que expropiaba a nosa capacidade política e difería a participación e a toma de decisións. Unha impugnación profundamente antiliberal que ía ter respostas á altura da súa radicalidade. Múltiples e virulentas.

Non foi unha revolución, desde logo, pero incidiu naquilo que Engels chamou conciencia das necesidades. Non avisou do final da utopía, no sentido marcusiano da expresión, pero produciu sismos que abanearon a doce estabilidade que naturaliza o mando e o amosa en todo o seu vigor eterno. 

O Palexco durante un mitin de AGE na Coruña CC-BY AGE

Na onda da explosión indignada, xorde Anova tras a articulación de tradicións, vontades e experiencias que se citan no Novo Proxecto Común, e a seguir, a experiencia de AGE; pouco despois chegaría o núcleo vivo dunha revolta cidadá que tomaba as casas dos concellos en forma de mareas municipais e unha En Marea que conquistaba máis de 400.000 votos nunhas eleccións xerais. Algo estaba pasando, porque a reacción dos aparellos políticos e discursivos do réxime quixo situarse á altura do reto que a mobilización popular estaba propoñendo. 

Intentábase armar o imposible; o propio movemento social tiña que orixinar organización para conquistar espazos de poder e transformación sen que ningunha superpestrutura ideolóxica impuxese fronteiras onde socialmente non as hai. Tratábase de camiñar a un proxecto de emancipación, e cumpría para iso non sucumbir ao que había que combater senón ensaiar novas formas de organización da maioría social, porque a organización debe levar en si o xerme da sociedade que propón. O proxecto non era doado. Enfrontábase a un poder intelixente e determinado a defenderse e contraatacar con todas as súas armas e ás propias eivas dun espazo en formación do que facían parte tamén actores impregnados das lóxicas da representación, onde a competencia substituiría facilmente a cooperación e un sentido ridículo de propiedade ameazaba con impoñerse ás veces incluso con fórmulas máis próximas á relixión ca á política laica e solidaria e, por que non, revolucionaria. E a pulsión thermidoriana, que nunca falta. Fíxose esforzo de observar criticamente as propias tradicións políticas e culturais, sen necesidade de renunciar a nada, pero non era suficiente. 

Se temos que ser fieis ao que defendemos naqueles anos, entenderemos que a desarticulación foi organizativa máis que social

Ata que foi difícil conter o devalo. Aquilo que parecía un sólido artefacto de continuidade adquiriu a forma dun castelo de naipes esborrallado polo chan. Despois, a disgregación e o posterior período de silencio, a desarticulación manseliña daquilo que deramos en chamar espazo de ruptura.

Mais, se temos que ser fieis ao que defendemos naqueles anos, entenderemos que a desarticulación foi organizativa máis que social. O espazo de ruptura existe no tecido social sempre, pois sempre hai espazos de conflito e de antagonismo irresoluble. Esa brecha busca expresión política e organizativa, pero non sempre a ten. Sen dúbida, neste momento vivimos na fase cavorco desa relación entre a maioría social e a súa expresión política e organizativa.

A derrota política do espazo de ruptura nas autonómicas da pandemia é tamén organizativa. Consecuencia de demasiadas causas como para seren sequera enunciadas, é tamén o imprescindible relanzo tras uns anos demasiado entregados á dinámica devoradora da representación e da institucionalización dun movemento, co seu conseguinte e progresivo distanciamento entre aparellos organizativos e o corpo social que estaba chamado a determinalos e conducilos: aquilo das organizacións como simples motores auxiliares do proceso de rebelión cívica e ruptura democrática foi unha feliz exposición de intencións de Xosé Manuel Beiras, pero non acabou en máis ca a enunciación dun desexo nunca satisfeito.

Acto de AGE en Compostela Dominio Público Praza Pública

No momento cavorco, instalouse a escuridade do baleiro. Houbo repregamento identitario, profundo coma un buraco negro, que detivo o tempo e o fixo recuar ata un estado de suspensión permanente

Ese momento cavorco posterior ás autonómicas esixía unha suspensión de actividades, unha multitude de espazos de reflexión e unha recomposición de todos os activos dese espazo que se reclamaba de ruptura e republicano. En realidade, a derrota fora electoral, pero viña manifestándose aos poucos desde a repetición das eleccións xerais en xuño de 2016 pasando polo golpe ás candidaturas municipalistas de 2019 ata as xerais do mesmo ano, cando xa unha parte do espazo de ruptura non participa (Anova, en concreto). Todo aquilo, mais a destrución do organismo En Marea, viña a indicar que o réxime gozaba de boa saúde e de forzas renovadas para recompoñerse, pero tamén que a póla política do espazo de ruptura adoecía de demasiados males incorrectamente diagnosticados e pesimamente resoltos. Ao final, a derrota nas autonómicas era unha consecuencia lóxica de todo aquilo, pero como todo momento de crise ofrecíase coma unha encrucillada: ou se daba por concluído o intento e se deixaba morrer para sempre a idea dun artefacto republicano e de ruptura, ou se facía un esforzo, sen urxencias nin sectarismos nin dogmas nin reducións identitarias, por comprender o proceso vivido, os seus acertos, as súas zonas irreversibles, os puntos cegos, os vieiros que nunca máis se deberían transitar e, sobre todo, se había algún lugar onde citar todos os efectivos e desde aí reiniciar un camiño que necesariamente sería ao mesmo tempo semellante e diferente. Tocaría tamén, sen medos nin fetichismos, arrombar o innecesario e o que xa estaba gastado e reinventar o que fose necesario reinventar. 

Mais non foi así. No momento cavorco, instalouse a escuridade do baleiro. Houbo repregamento identitario, profundo coma un buraco negro, que detivo o tempo e o fixo recuar ata un estado de suspensión permanente.

Un día coincidimos grupos e persoas de procedencias diversas na certeza de que a maioría social esixía, aínda que fose de maneira difusa, un suxeito republicano que expresase o seu antagonismo, e iso requiría buscar os espazos comúns máis aló de identidades que nos puidesen dividir, empezando polo que xunta a todos os que dunha ou doutra maneira venden forza de traballo e por tanto están obrigados a entregar a totalidade da vida ao capital e ao mando

No momento cavorco, xurdiu a escuridade. A recomposición do réxime recorreu á convocatoria de diversas formas de fascismo co obxectivo de correr todo o conflito a posicións favorables e todo o discurso a unha articulación de principios conservadores, ben na dereita, que extrema as súas posicións segura dun avance na hexemonía cultural, ben na esquerda, que asume o fascismo coma unha ameaza e se reprega na defensa do conquistado e na renuncia a ir máis alá. 

Ao final, coa derrota política do espazo republicano de ruptura nas pasadas autonómicas e deica hoxe, pechouse a famosa fiestra de oportunidade, pero ademais incidiuse en que a ventá da Historia tamén quedaba cegada para sempre. E non é certo. 

Dalgunha maneira, sufriuse unha disolución. Todo aquilo que articulara cultural, social e politicamente a idea dun espazo e dun suxeito explicitamente republicano para unha cidadanía constituínte diluíuse en vagas alusións a vellos e ineficaces ideoloxemas que operan como simples significantes dun reparto consensuado de sensibilidades de orde. Así, a República (e tamén a rebelión, e a ruptura, a propia independencia...) desapareceu dun escenario que pasou a reocupar unha idea vaga de soberanía. A república albergaba a capacidade política dunha multitude, dunhas clases subalternas que se organizan sen mediación e institúen poder sobre o común non seu interior. A soberanía apela a un poder externo e transcendente que no mellor dos casos descende e enchoupa os súbditos, independentemente da súa condición social, da súa clase, dos seus intereses. A soberanía elude o conflito porque nos unifica nun interese xeral sempre alleao ás nosas relacións, coma Deus. A república somo nós e constrúese no noso actuar e vivir en común. E, por suposto, no conflito e na liberación do que nos oprime.

Un día coincidimos grupos e persoas de procedencias diversas na certeza de que a maioría social esixía, aínda que fose de maneira difusa, un suxeito republicano que expresase o seu antagonismo, e iso requiría buscar os espazos comúns máis aló de identidades que nos puidesen dividir, empezando polo que xunta a todos os que dunha ou doutra maneira venden forza de traballo e por tanto están obrigados a entregar a totalidade da vida ao capital e ao mando. Mais no cavorco que invadiu a escuridade, resultou que azorrarse ás vellas verdades de parte era a única saída, ou a máis amable. 

Non comezará desde cero, pero unha refundación plural, con máis e novos suxeitos, con protagonismos diferentes e emerxentes, daquela idea do Novo Proxecto Común sería talvez un bo punto de reencontro de experiencias que incorporasen todo o aprendido e tamén o que necesariamente aínda está por desaprender. Antes de nada, un espazo común de reflexión

Nada mudou substancialmente nas nosas condicións de vida; a sociedade segue estando dividida en clases. A idea daquel espazo de ruptura e do seu suxeito republicano non debera abandonarse, por moito que se nos convide insistentemente ao refuxio identitario. Como cantou Jason Molina, the dark don’t hide it. Nada pode agochar a carne do conflito. Antes ou despois, a única contradición real volve emerxer. E, segundo eu dou entendido, continúan vixentes, se acaso máis agudas, as condicións que esixiron aquela acumulación de forzas e emerxencias sociais e a súa reorganización. Con algunhas certezas que nos quedan aínda vivas de toda a experiencia dos últimos anos. A primeira, que os procesos de cambio sempre os conduce a multitude, que é republicana porque proxecta crebar a súa subalternidade. Outra, que os procesos de emancipación son orgánicos e non entenden de compartimentos, incluída a emancipación nacional, que non é soberanía senón república, non se reduce a unha diferenza ideolóxica que fragmenta senón que se configura como necesidade ou oportunidade da maioría social. A terceira, que o artefacto político, o movemento, ten que intervir na institución comprendendo os seus límites e os da representación, non se rende a ela porque asemade procura construír en comunidade a súa propia institución autónoma e republicana (e antifascista, madia leva).

Dalgunha maneira, ese pequeno e ambicioso programa político estaba na orixe daquel primeiro movemento que se chamou Novo Proxecto Común e deu lugar a Anova —e con outros múltiples actores a todos os artefactos republicanos de ruptura— e debería volver colocarse como estela chantada no medio e medio do cavorco que aínda ocupa esa escuridade que, a pesar de todo, non dá ocultado o importante. Non comezará desde cero, pero unha refundación plural, con máis e novos suxeitos, con protagonismos diferentes e emerxentes, daquela idea do Novo Proxecto Común sería talvez un bo punto de reencontro de experiencias que incorporasen todo o aprendido e tamén o que necesariamente aínda está por desaprender. Antes de nada, un espazo común de reflexión. 

Nada pode volver ser como foi. Só o imprescindible. Todo ten que ser novo. A nada se debe renunciar. Todo deberá que ser reconstruído. Que a escuridade non nolo oculte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.