Therians: identidade e adolescencia nun tempo de viralización

Símbolo empregado pola comunidade Therian Dominio Público

A adolescencia sempre foi un territorio de experimentación identitaria. As tribos urbanas, as estéticas compartidas ou os códigos propios non son unha novidade do noso tempo. Punkis, góticos, emos ou skaters cumpriron unha función semellante: ensaiar quen se é mentres aínda non se sabe exactamente quen se vai chegar a ser

Nas últimas semanas comezou a circular con forza nos medios e nas redes sociais unha palabra descoñecida para boa parte da poboación adulta: therians. Rapazas e rapaces que se identifican simbólica ou emocionalmente con determinados animais, que adoptan estéticas ou que participan en comunidades arredor desa identidade. Para algúns, unha extravagancia difícil de comprender; para outros, un motivo de preocupación social emerxente; para moitos adolescentes, simplemente un espazo de pertenza.

Convén empezar por algo básico: a adolescencia sempre foi un territorio de experimentación identitaria. As tribos urbanas, as estéticas compartidas ou os códigos propios non son unha novidade do noso tempo. Punkis, góticos, emos ou skaters cumpriron —cada un na súa época— unha función semellante: ensaiar quen se é mentres aínda non se sabe exactamente quen se vai chegar a ser.

O psicólogo Erik Erikson describiu este momento vital como unha moratoria identitaria: un tempo necesario para probar posicións, pertenzas e formas de estar no mundo sen que esas eleccións teñan aínda carácter definitivo. A adolescencia non consiste tanto en atopar unha identidade estable como en poder experimentala.

Desde esta perspectiva, o fenómeno therian pode entenderse como unha subcultura xuvenil máis. Un espazo de recoñecemento entre iguais e tamén de diferenciación respecto do mundo adulto. Algo, en principio, esperable nun período atravesado pola pregunta fundamental da adolescencia: quen son eu e onde encaixo?

As identidades xuvenís constrúense hoxe nun ecosistema comunicativo radicalmente distinto ao doutras xeracións. Son máis visibles, máis expostas e tamén máis fráxiles

O que probablemente mudou non é tanto o fenómeno como o contexto no que aparece.

As identidades xuvenís constrúense hoxe nun ecosistema comunicativo radicalmente distinto ao doutras xeracións. Son máis visibles, máis expostas e tamén máis fráxiles. O sociólogo alemán Hartmut Rosa leva anos advertindo de que vivimos nunha sociedade marcada pola aceleración constante das experiencias sociais. Non só circula máis rápido a información: tamén se reduce o tempo dispoñible para comprender aquilo que acontece.

Fenómenos que antes permanecerían circunscritos a pequenos grupos pasan así a converterse, en cuestión de días, en asuntos de debate público. Algo semellante ocorreu cos therians. Nun intervalo moi curto multiplicáronse opinións, análises e xuízos arredor dunha realidade que ata hai pouco apenas saía de determinados espazos xuvenís.

Fenómenos que antes permanecerían circunscritos a pequenos grupos pasan así a converterse, en cuestión de días, en asuntos de debate público. Algo semellante ocorreu cos therians. Emerxe entón algo coñecido pola socioloxía: episodios de pánico moral nos que prácticas minoritarias pasan a ser interpretadas como síntomas dunha suposta crise social máis ampla

Emerxe entón algo coñecido pola socioloxía desde hai décadas: episodios de pánico moral nos que prácticas minoritarias pasan a ser interpretadas como síntomas dunha suposta crise social máis ampla. De súpeto, todo o mundo parece ter algo que dicir. Columnas, vídeos e debates multiplícanse intentando explicar —ou condenar— aquilo que acaba de facerse visible. Entre eses textos está tamén este.

Pero quizais o máis significativo do fenómeno non sexan os propios adolescentes que participan nel.

Nas quedadas ou encontros vinculados aos therians chama a atención algo revelador: por cada rapaz ou rapaza implicado aparecen centenares de persoas observando, gravando ou posicionándose. Non sempre dende a curiosidade, senón frecuentemente dende a burla, o rexeitamento ou a confrontación aberta. O fenómeno deixa así de ser simplemente unha experiencia xuvenil para converterse nun espazo de exposición pública.

Vivimos nun momento no que o identitario adquiriu un peso central na vida pública. As redes sociais favorecen dinámicas rápidas de aliñamento: estar a favor ou en contra, aceptar ou rexeitar, simplificar aquilo que en realidade require tempo e matiz

Porque unha parte importante da comunicación contemporánea funciona tamén a través da figura do hater. As redes sociais non só amplifican aquilo que interesa, senón tamén aquilo que provoca irritación ou desprezo. O desacordo convértese con facilidade en ataque e a diferenza en motivo de escarnio colectivo. Nun ecosistema onde visibilidade e reacción van da man, odiar tamén se converte nunha forma de participar. Nese contexto, determinados adolescentes pasan a ocupar inesperadamente o lugar sobre o que descargar frustracións, medos ou enfados que pouco teñen que ver con eles.

E isto fala menos dunha subcultura concreta que dun clima cultural máis amplo.

Vivimos nun momento no que o identitario adquiriu un peso central na vida pública. As redes sociais favorecen dinámicas rápidas de aliñamento: estar a favor ou en contra, aceptar ou rexeitar, simplificar aquilo que en realidade require tempo e matiz. Prácticas adolescentes que noutras épocas apenas sairían do seu círculo inmediato pasan a funcionar como detonantes simbólicos de debates moito máis amplos.

Non son as identidades xuvenís as que se volven extremas. É a reacción social fronte a elas a que cada vez parece máis incapaz de tolerar a ambigüidade, a experimentación ou incluso o dereito a equivocarse

Porque a adolescencia sempre incomodou. Sempre puxo en cuestión as normas establecidas e os modos herdados de entender o mundo. A diferenza é que hoxe esa incomodidade circula a unha velocidade inédita e activa reaccións cada vez máis intensas.

Non son as identidades xuvenís as que se volven extremas. É a reacción social fronte a elas a que cada vez parece máis incapaz de tolerar a ambigüidade, a experimentación ou incluso o dereito a equivocarse.

Porque talvez o realmente revelador non sexa que existan adolescentes explorando novas formas de identidade —algo que sempre ocorreu—, senón a dificultade crecente que temos como sociedade para concederlles tempo para facelo. Hartmut Rosa sinala que a aceleración contemporánea non só cambia a velocidade das cousas, senón tamén a nosa relación co mundo e cos demais. Nun contexto que esixe opinión inmediata e posicionamento constante, mesmo a adolescencia parece perder ese espazo de moratoria necesario para experimentar, equivocarse e mudar. Quizais por iso fenómenos como o dos therians falen menos dunha xeración desorientada que dunha sociedade adulta cada vez máis impaciente fronte aos procesos que non poden resolverse á velocidade das redes sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.