Think Tank ou Data Kitchen?

O laboratorio de ideas Civismo vén de publicar un informe sobre a liberdade económica nas 17 Comunidades Autónomas, elaborado polos profesores Cabrillo, Albert e Biazzi e sobre datos do ano 2011. A partires do estudo e análise da intervención pública autonómica nos diversos sectores da economía, o informe elabora un índice que vai do 0 (liberdade total) ao 1 (intervención total) e conclúe que a meirande liberdade de mercado, meirande prosperidade económica; ou dito con outras palabras, que una menor regulación fai mais ricas as “rexións”, como titulaba o xornal ABC. A Comunidade de Madrid presenta o mellor índice de liberdade -0,25-, e consecuentemente, unha das rendas per cápita mais altas; pola contra, Estremadura e Andalucía son os parruliños feos da liberdade -0,65 e 0,62-, o que as  leva a seren as Comunidades mais pobres.

O informe elabora un índice que vai do 0 (liberdade total) ao 1 (intervención total) e conclúe que a meirande liberdade de mercado, meirande prosperidade económica

A miña primeira reacción foi dar por válida a conclusión. Quen son eu para poñer en dúbida un coeficiente de correlación elaborado por sisudos investigadores sociais, sobre un universo de datos que non domino? Pero cando visitei a páxina web do laboratorio de ideas xa se me puxo a mosca trala orella. Resulta que Civismo declara o seu desexo dunha sociedade civil activa e uns cidadáns que non se vexan limitados polos atrancos do Goberno, e que un exceso de regulación reduce a iniciativa, empece que se libere o potencial cidadán e constitúe un freo á prosperidade económica. Carafio! Ou sexa, que a conclusión do informe cadra pe con pa co seu desexo. De repente imaxinei a Conferencia Episcopal concluíndo nun estudo que a masturbación produce perda de visión ou caída de pelo, ou as dúas cousas á vez; e supuxen que tampouco daría por boa semellante conclusión sen facer algunhas comprobacións.

De repente imaxinei a Conferencia Episcopal concluíndo nun estudo que a masturbación produce perda de visión ou caída de pelo, ou as dúas cousas á vez; e supuxen que tampouco daría por boa semellante conclusión sen facer algunhas comprobacións

Comecei, pois, a facerme preguntas. Por suposto, dando como bos os índices de liberdade do informe e aquelado o camiño que os levou a eles. Con datos do 2011, Estremadura tiña o PIB per cápita mais pequeno, un 69% da media estatal, e segundo o informe de Civismo, un índice de liberdade de 0,68, o mais intervencionista de tódalas comunidades. Pero era a intervención causa da pobreza, tal e como aseguraba o informe? Pola contra, Madrid tiña un dos PIB per cápita mais altos, un 127% sobre a media estatal, e presentaba o índice de liberdade menos intervencionista, un 0,25. Era agora aquí a menor intervención pública autonómica causa directa da riqueza da comunidade? Como podía pescudar pola miña conta se o informe de Civismo levaba razón e había que darlla, ou me estaban a contar un conto interesado máis? Daquela pensei: se o grao de intervención pública é causa directa da pobreza e riqueza das Comunidades Autónomas, debemos supoñer en boa lóxica que a situación delas era moi distinta cando a intervención era unicamente estatal e a mesma para todas elas. É dicir, que se collo datos de 1985, nos albores do Estado Autonómico, Estremadura non sería dos territorios mais pobres, nin Madrid dos mais ricos.

Mans á obra, elaborei un cadro cos datos por Comunidade Autónoma do PIB per cápita de 1985, PIB per cápita de 2011 e o índice de liberdade económica dos investigadores de Civismo, que adxunto máis abaixo. Penso que a relación causa-efecto entre intervención pública e riqueza que defende o devandito informe é mais produto de firmes e interesadas crenzas que de correctos análises científicos. Porque as comunidades que en 1985 tiñan un PIB per cápita inferior á media estatal, seguen a telo inferior en 2011, sexa cal sexa o seu índice de liberdade; e aquelas que estaban por riba da media en 1985, seguen a estar por riba en 2011. E a Comunidade Valenciana, a única que en 1985 estaba por riba da media estatal no PIB per cápita e cae por debaixo en 2011, presenta unha intervención pública (0,43) inferior á media (0,46). Estremadura presenta o grao de intervención mais alto (0,68), pero xa era a mais pobre en 1985. Madrid é o paradigma da liberdade económica (0,25), pero xa tiña un PIB per cápita superior á media en 1985 (130,5).

A única conclusión xeral que se pode tirar dos datos históricos é a de que o Estado Autonómico non modificou substancialmente o reparto territorial da riqueza, tanto se as autonomías asumiron unha forte intervención na actividade económica, coma se a deixaron ao ventimperio

E Galiza segue no vagón de cola, pero mellorou algo a súa posición relativa aínda a pesares de presentar unha intervención pública (0,5) superior á media. En resumo, que a única conclusión xeral que se pode tirar dos datos históricos é a de que o Estado Autonómico non modificou substancialmente o reparto territorial da riqueza, tanto se as autonomías asumiron unha forte intervención na actividade económica, coma se a deixaron ao ventimperio. Así que, as conclusións do informe do think tank Civismo semellan mais ben consecuencias de ver o que se quere ver. Aínda mentiría menos a Conferencia Episcopal no asunto da masturbación: sabemos todos que durante uns segundos a vista si vai ao carallo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.