Dun resplandor, espertas, érgueste e intentas violar a lei da gravidade. Voar para seguir soñando, para aprender a amar, co fulgor da utopía na fronte. Bico e canto. Estrela sempre.
Esperanza. Ata que lle abres a fiestra ao xornal. Deixas, entón, que os titulares te apaguen. Volves caer, reptando sen rumbo, somnámbula. Paro, porcentaxes, IVA, PIB, Novagalicia, quita, suspensión de pagos, Renfe, aborto, quebra, corrupción.
Tórnaste náufrago, indixente que afoga nun mar de novas negativas. Tratas de evocar vetustas razóns de loita. Con fatiga e carraxe, desde unha cómoda precariedade que seda e estimula a partes iguais.
Diagnose: tratas de realizarte como persoa nas primeiras décadas do século XXI.
Non hai antídoto contra a vertixe de época que nos tocou. Mais existen fórmulas para manter o equilibrio. Unirse e berrar, a pesar das circunstancias; cuestionar a información recibida; xamais conformarse. Por moito que a realidade nos abafe, cómpre resistir.
Sabemos que o proxecto mineiro se paralizou, en gran medida, por cuestións de tipo económico. Mais tamén podemos asegurar que o traballo das diversas plataformas e dos cidadáns que non se renderon, tivo moito que ver nesa decisión provisional
Se resistes, pode que un día espertes, te ergas e o titular dun xornal invite a seguir soñando: “A XUNTA BOA ABAIXO A MINA DE CORCOESTO”
Tras noites en desespero, tractoradas, manifestacións, concertos benéficos, recitais Versus Cianuro, enarborar bosques, debates e tensións, amence o rostro da esperanza. Cun sorriso cómplice, case irónico.
En efecto, despois de conquistar as raíces da conciencia, ninguén tropeza na inxenuidade superficial. Sabemos que o proxecto mineiro se paralizou, en gran medida, por cuestións de tipo económico. Mais tamén podemos asegurar que o traballo das diversas plataformas e dos cidadáns que non se renderon, tivo moito que ver nesa decisión provisional.
Polas mesmas razóns, convén permanecer alerta e non perderse en celebracións anticipadas. Perderse non, mais si celebrar este primeiro triunfo colectivo!
Polas mesmas razóns, convén permanecer alerta e non perderse en celebracións anticipadas. Perderse non, mais si celebrar este primeiro triunfo colectivo! “A XUNTA BOTA ABAIXO A MINA DE CORCOESTO”! E eu abrazo, un por un, aos compañeiros do Bergantiños e a Costa da Morte que nos viu medrar. Aos irreverentes, aos que pintaron faixas, ás que escribiron contra o cianuro, aos que cantaron himnos anti-mineiros, ás que penduraron carteis e repartiron panfletos, aos dos manifestos, ás que impartiron conferencias, aos que sumaron forzas desde fóra, ás árbores da carballeira, ao Anllóns, esteiro, Monte Branco, vento de Pondal!
Continuaremos en pé ata escribir, con alento bardo, versos nos xornais: “Aquel hé a Ponte Dona/ Zréo, Xaviña e Valencia / Corcoesto e Santa Baya, / Todas, todas boa terra”.
“Ben te vexo, Bergantiños, / (...) Cos teus trigos e os teus pinos”. Esperta! Érguete! E nunca deixes de soñar"
Nós seguiremos intentando cambiar titulares. Con acrobacias funámbulas e utopías na fronte. A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra. Europa, mundo. “Todas, todas boa terra”.